Rielo, nun partido na Medela. CANTI

Levo unha temporadiña tratando de poñer terra de por medio e apartado temporalmente do mundo do fútbol (igual por unha cura persoal). O que me está permitindo cuestionar desde fóra moitos dos valores e comportamentos que transmitimos e temos asimilados como propios deste deporte.  

Custa entender como o fútbol profesional serve de espello onde se miren clubs modestos e clubs de formación, cando en nada se deberían parecer. Custa entender como moitas persoas pretenden artellar a súa vida a través da profesionalización no fútbol, perdendo de vista o desfrute que supón a súa práctica. Custa entender como moitas das persoas vinculadas a el asimilamos todo isto e non nos cuestionamos o que estamos a facer, algo que sinto que non ocorre desta forma noutras modalidades deportivas. Seguramente os euros que move e o prestixio social que, neste momento, lle damos ás persoas que practican profesionalmente este deporte estean detrás de todo isto.

Só quero deixar neste artigo unha series de breves reflexións sobre o mundo do fútbol. Aí van:

Partindo da cúspide aparecen os equipos profesionais, que hoxe funcionan como empresas, e nos que pouco ou nada conta a decisión ou interese das persoas socias, como acontecía hai uns poucos anos. Senón as do accionariado, empresariado que mira unicamente o interese económico e non o social, que mira a súa posición particular de poder e o seu ‘prestixio’ sendo presidente dun club.

Roberto, na súa etapa no Pol. ENDIE DOARÚA

Por que, entón, facerse seguidor de ningún equipo? Que nos motiva se poucos hai que coiden os seus, como fai, por poñer un exemplo visible, e desde a miña perspectiva distante, o Athletic Club de Bilbao, con xogadores de proximidade en todas as categorías e un achegamento diferente a moitos outros no ámbito social? Por que deixar os nosos euros e o noso tempo en seguir a un equipo que non está moi lonxe de como funcionan as franquías na NBA? Unicamente polo espectáculo?

Vemos equipos afeccionados que pagan a futbolistas ‘foráneos’ en categorías provinciais que nin de lonxe chegarán a semiprofesionais, nin os futbolistas nin os clubs (simplemente por unha cuestión de lóxica poboacional e social). E que o fan polo feito, penso eu, de conseguir unha posición de poder na ‘clasificación do sen sentido’, co agravante de que moitos destes clubs contan co apoio de administracións que pagamos entre todas nós. E as persoas do contorno que queren xogar ao fútbol de maneira afeccionada? As que o queren facer quitando un anaco do tempo destinado a outras opcións de ocio para reunirse e relacionarse cos compañeiros/as e/ou veciños/as?

Pol 98-99. ELPROGRESO

Equipos de fútbol base, corpos técnicos, familias, que xa orientamos á formación dos nenos e nenas cara unha ‘posible saída laboral’. Posición condicionada polos euros e o prestixio social, xa desde os 4 anos, e non na procura do desfrute do xogo, no pracer de facer deporte, no compartir actividade e relacionarse con outras persoas, compañeiras, adestradoras, directivas, afeccionadas… Que han facer estes e estas futbolistas cando esa saída se escape? Frustrarse? Non practicar máis este deporte? 

E para todas nós…. as que nos queixamos do pouco compromiso da xuventude co fútbol. As que dicimos mil veces a frase “a estes non lles gusta o fútbol como nos gustaba a nós”, as que culpamos ás Plays, ao Netflix, …  As que non asumimos que a forma do seu ocio e as súas relacións mudaron infinitamente desde que nós xogabamos… Podemos facer algo para que desfruten? Para que volvan relacións máis sans e de proximidade no mundo do fútbol? Podemos, en definitiva, facer algo para construír unha sociedade mellor e que o deporte sexa unha peza importante nesta? 

A min gustaríame soñar que algo neste mundo pode cambiar e non ter que escapar deste sen sentido.

Roberto Rielo Iglesias. Adestrador. Patrimonio do noso fútbol

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*