Con frecuencia escoitamos que o fútbol profesional está nun mundo diferente ó amateur, que só se move por intereses mercantís ó máis puro estilo empresarial, de ahí a tan famosa frase ‘odio eterno ó fútbol moderno’. Tamén con frecuencia escoitamos, no noso entorno, falar de ‘proxecto’. Curiosamente todos empregamos este termo para referirnos ó mesmo, pero cadaquen lévao á practica de distinto xeito. ‘Proxecto de ascenso’, ‘proxecto de canteira’, ‘proxecto ambicioso’… ¿Cal é o correcto? Eu creo que todos, pero sempre que sexamos consecuentes co mesmo.

No meu caso persoal gústanme os proxectos ‘de pobo’. Creo que nas categorías nas que nos movemos todos deberían ir enfocados nese eido: nada mellor que veciños representando as cores do seu pobo para tratar de superar deportivamente ós da vila do lado. Gústame un proxecto no que un cativo empece a práctica deportiva no clube da súa vila e siga un proceso ata chegar ó primeiro equipo.

Gústame un proxecto no que no futuro ese cativo que se formou no clube, acabe sendo un dos formadores/adestradores das seguintes xeracións… gústanme os proxectos nos que os domingos as bancadas se enchan porque a cada xogador o van ver seus familiares e amigos… gústanme os proxectos nos que un cadete se sinta tan compañeiro dos xogadores do primeiro equipo como calquera.

E tamén me gustan os proxectos nos que se valora e se ve reflexado o traballo diario, nos que a maior recompensa que obtés xogando ó fútbol son os 3 puntos do domingo, nos que o directivo de turno se esforza para que poida xogar ese grupo de rapaces cada semana sexa cal sexa o marcador, nos que os adestradores da base se olvidan do resultado e entenden que o principal é formar persoas, porque non hai ningunha Champions en xogo.

Non me gustan os proxectos de gradas baleiras; non me gusta que un xogador acepte unha oferta porque lle permiten adestrar menos, ou xogue ó fútbol como se fora un traballo. Non me gustan os proxectos de ‘pan para hoxe, fame para mañá’, nin me gustan os proxectos nos que se lle di a un infantil que non vale, ou nos que un cadete non entra a xogar para manter o resultado. Non me gusta un fútbol no que só sairás na portada se gañas.

Evidentemente respeto todos os xeitos de entender o noso deporte, pero nestas categorías nas que nos movemos, gústame o fútbol de martes, gústame o fútbol de venres, gústame o fútbol de barro, de viaxes en autobús entre amigos; gústame o fútbol de bancadas cheas, gústame o fútbol amateur. Canto máis nos alonxemos desto, máis preto nos atoparemos do fútbol moderno ó que lle xurabamos odio eterno.

 

Juan Rodríguez. Adestrador do primeiro equipo da SD Chantada

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*