Hai encontros nos que a categoría á que pertencen os dous equipos perde sentido. Afeitos á competitividade da vida diaria ata parece que é raro atopalos, pero algún hai. Un deles é o «derbi da horta«, que o domingo ás 16:30 horas disputarán no campo de Santa Cruz o Lourenzá e o Mondoñedo.

Posiblemente sexa o encontro da nosa provincia que máis comentarios, opinións ou piques sanos suscita durante o transcurso da semana. Multitude de bromas nas redes sociais, e ben seguro que tamén nos bares de dúas vilas veciñas son o prolegómeno dun domingo de festa, desta volta o calendario quixo que primeiro en Lourenzá.

Santa Cruz vestirá as súas mellores galas para albergar a centos de siareiros, a maioría deles laurentinos e mindonienses pero tamén doutras partes da comarca, que cunha forte rivalidade, pero deportivamente, animarán ao seu equipo para axudarlle a logralo triunfo máis prestixioso da temporada.

Bugui tentará manter a súa porta a cero no Derbi da Horta

No ámbito deportivo, o Lourenzá chega en racha. Logo dun mal comezo, no que os de Diego Rego sumaron un punto nas catro primeiras xornadas, a reacción foi fulgurante. Dos seis últimos encontros, cinco triunfos e un empate, conseguindo gañarlle nas dúas últimas xornadas a dous dos grandes favoritos ao ascenso: Xermade e Gutiriz, sendo esta a única derrota en toda a campaña dos de Delfín Romero. Un conxunto moi xove, con ata sete xuvenís nas súas filas, pero tamén coa experiencia que aportan xogadores da experiencia de Recalde, Montxo ou Garrafín, está a presentala súa candidatura, un ano máis, a pelexar polo ascenso a Primeira Autonómica a final de temporada.

O Mondoñedo atópase na metade da táboa clasificatoria con cinco puntos menos que o seu gran rival. Un comezo de temporada prometedor, dobregando no Viñas da Veiga ao Folgueiro, líder da categoría, sumado á gran fortaleza defensiva que amosou o conxunto adestrado por Israel Cruz, viuse truncado por un mal mes de outubro. Foron quen de gañar ao Iberia, pero tres derrotas consecutivas ante Candelaria, Guitiriz e Xermade fixeron que os mindonienses baixasen ata a novena posición. Malia ser o segundo equipo menos goleado da categoría, a falta de acerto cara a porta contraria pasa por ser a principal eiva do Mondoñedo. Con tan só nove tantos, son o coxunto menos realizador de Segunda.

Adil, un fixo nas alineacións de Israel Cruz

Para este encontro Carri causará baixa por lesión no Lourenzá, mentras que nos mindonienses, José e Chachi e Marcos, mancados non serán da partida e Brais Carrascal e Álex serán dúbida ata última hora.

O último enfrontamento entre  Lourenzá e Mondoñedo en Santa Cruz foi o 7 de xaneiro deste mesmo ano e rematou con triunfo local por dous tantos a cero. Os dous goles foron obra de Manu Rodríguez, nesta temporada nas filas da Residencia.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

DIEGO REGO (E.D. LOURENZÁ)

 No mellor momento. «Chegamos ao derbi no noso mellor momento, revertimos a situación do comezo de liga e agora collemos unha boa racha. Fomos que de gañarlle a equipos como Xermade e Guitiriz, e agardemos que continúe o domingo ante o Mondoñedo. Será o mellor premio para a nosa afección».

O derbi. «É a festa do noso fútbol, o encontro que máis disfruta a nosa afección e tentaremos facer un bo partido. Creo que somos favoritos, estamos nun bo momento o ogallá que podamos poder celebralo triunfo».

O Mondoñedo. «Son un bo equipo. Están na metade da clasificación, pero veñen de facer bos partidos ante equipos de arriba e teremos que ter moito coidado».

Ambiente. «Ben seguro que se xuntarán máis de setecentas persoas animando a cadanseu equipo. Agardemos que tanto dentro como fóra do campo reine a deportividade».

Agárdase un derbi disputado e con ata preto de mil siareiros nas bancadas

ISRAEL CRUZ (MONDOÑEDO F.C.)

O seu equipo. «Estamos moi motivados, como sempre, pero un pouco curtos de efectivos, xa que varios xogadores non se darán recuperado para o derbi, pero non é excusa».

O derbi. «Imaxino que o comezo será o típico derbi, un encontro no que ninguén quere perder, pero co paso dos minutos o Lourenzá tentará controlalo partido coa posesión de balón. Nós, coas boas sensacións dos últimos encontros buscaremos disputarllela. E agardemos rematar cos tres puntos».

 A falta de gol. «É o noso gran problema. Temos a baixa de Jose que é o único dianteiro puro que temos, ao marchar Xián para o Celta Barreiros. Nos últimos encontros xeramos máis ocasións, polo que o gol acabará chegando».

O Lourenzá. «Principalmente que teñen ao mellor xogador da categoría: Recalde. É un futbolista que ten o dominio do partido, e a partir del Jorge, Garrafín, Montxo….teñen un gran nivel».

 O ambiente. «Agardamos que esté Santa Cruz cheo a rebosar. Ademáis da afección que habitualmente vai creo que irá xente de Abadín, San Miguel que os seus equipos xogan sábado, e ao non haber liga en Primeira División tamén axudará. Xa se vive o derbi desde o mediodía, ao xuntarse as afeccións a tomalos viños xuntas. Aposto a que andará preto dos mil siareiros».

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Terceira División

– Polvorín – U.D. Somozas (Domingo ás 16.00 horas na Cheda): logo de dous triunfos consecutivos, o filial lucense parece que lle colleu o pulso á competición. Recibe a un Somozas cos mesmos puntos que os lucenses, que a priori, era favorito ao play off pero que non están a saírlle as cousas. Nas súas filas varios futbolistas que militaron no noso fútbol: Manu Cedrón, Gerardo ou Marcos Souto.

Porrúa está a rendir a un gran nivel no Polvorín

Preferente Norte

– C.D. Castro – C.D. As Pontes (Domingo ás 16 horas no Arturo Pereiro): complicado encontro para os de Brais Prados. Logo de dúas goleadas encaixadas de xeito consecutivo, recibir ao líder non é a mellor receita, pero ben seguro que os chairegos deixarán a pel para facer un gran papel.

– Ribadeo F.C. – C.S.D. Arzúa (Domingo ás 17 horas no Pepe Barrera): aínda coa moral reforzada polo heroico triunfo no derbi mariñán ante o Viveiro, os de Rafa Casanova reciben ao equipo que viaxa xusto por detrás na clasificación con só dous puntos menos. Encontro importante para engarcharse aos tres primeiros da competición.

A calidade de Poratti está a resultar decisiva outra temporada máis no Ribadeo

Primeira Autonómica

– Club Lemos – S.D. Outeiro de Rei (Domingo ás 16 horas na Pinguela): o líder, invicto ata o de agora, recibe a un Outeiro en clara dinámica ascendente, que suma trece dos últimos quince puntos posibles. Os de Edu Rodríguez no seu campo non deixaron fuxir ningún punto.

– S.D. Santaballés – Atlético Escairón (Domingo ás 16:15 horas na Liga): non debutou con bo pé Dani Moirón, pero os de Santaballa seguen en posto de ascenso. Buscarán voltar á senda do triunfo ante os do Saviñao, que levan seis xornadas sen gañar e precisan os tres puntos para comezar a remontar posicións na táboa.

Asier está a ser un dos xogadores máis destacados do Escairón

Segunda Autonómica

– S.D.C. Cabreiros – A.C.D. Xermade (Domingo ás 16:15 horas na Cea): derbi xermadino entre aspirantes ao ascenso. Os locales veñen de empatar no difícil campo do Guitiriz, mentras que os visitantes caeron no seu feudo ante un Lourenzá en estado de gracia.

– S.D.C. San Roque – Ferreira C.F. (Sábado ás 18 horas no Polvorín): encontro entre dous conxuntos en racha. Os lucenses son líderes logo de sumar dez dos últimos doce puntos, mentras que os de Pantón, con catro puntos menos, amósanse como un conxunto moi complicado de dobregar. Tan só unha derrota ligueira e dous triunfos consecutivos para os de Corral.

Os goles de Samba, claves na boa xeira do Ferreira

Terceira Autonómica

– Fonsagrada – S.C.D. Milagrosa (Domingo ás 16:15 horas no Gómez Besteiro): enfrontamento entre dous candidatos a dar o salto a Segunda. Os da Fonsagrada son segundos a dous puntos do líder, mentras que os lucenses chegan tras golear a outro favorito, o Celta Barreiros.

Espectacular triunfo da Milagrosa ante o Celta Barreiros na pasada xornada

– S.D. Paradela – Quiroga F.C. (Domingo ás 16:15 horas no Gandarón): choque entre os dous primeiros clasificados. Os locales chegan tras gañar con autoridade no campo do Río Sil, mentras que o Quiroga aínda non coñece a derrota nesta temporada.

Primeira División Galega Feminina

 – S.C.D. Milagrosa – Sárdoma C.F. «B» (Domingo ás 17 horas no Luis Gorgoso): encontro propicio para rachala mala xeira do equipo lucense. Reciben a un rival que ocupa o penúltimo posto da táboa cun punto menos que as milagrosistas.

Segunda División Galega 

 – S.G. Comercial – Sporting Burgo (Domingo ás 17 horas no Rodríguez Lago 2): logo de tres xornadas sen coñecela derrota, un triunfo catapultaría ás lucenses á zona media alta da clasificación, sobrepasando ao seu rival.

 – Carballedo C.F. – Xuventude de Crendes (Domingo ás 12 horas no Catro Ventos): encontro para seguir gañando experiencia e se pode ser tres puntos máis para saír da zona baixa. As rivais acumulan catro xornadas sen gañar.

– P.M. Friol C.D. Lugo «B» – Vioño C.F. (Domingo ás 18:15 horas na Reigosa): as rapazas do filial, líderes, enfróntanse ás segundas clasificadas cos mesmos puntos que as da Reigosa. Encontro vital de cara a consolidalo liderato.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*