Diario dun mercado. Episodio 31

O mercado está activo en todas as categorías. Os equipos séguense reforzando coa mirada posta no regreso aos adestramentos coa idea de ter o cadro de xogadores ao completo cando isto suceda. Unhas das novidades máis interesantes chega dende a Primeira Galicia, no Páramo que fichou ao máximo goleador da Terceira Galicia lucense. Óscar López chega ao equipo adestrado por Piru despois de conseguir o ascenso á Segunda co Portomarín. Vén avalado polos 33 goles que anotou en 20 encontros de Liga e os 3 que marcou na única eliminatoria de Copa que xogou. Alí coincidirá co seu irmán xemelgo, Iván, despois dun ano volverán xuntarse no mesmo equipo. O central tamén ascendeu o curso pasado, no seu caso co San Roque que adestraba Piru. Ademais, o porteiro Lisboa, que xogou a campaña anterior ca Sarriana, tamén recala no conxunto das Rapadas.

Na mesma categoría, o Pastoricense anunciou a chegada de Fran Veiga (ex-adestrador do Castroverde co que conseguiu esta temporada o ascenso á Segunda) como axudante de Víctor López que segue á fronte da dirección técnica. Contarán ca maior parte do cadro de futbolistas do curso anterior. Non obstante, non seguen Álvaro que regresa o Castro, nin Daniel Díaz, Andrés Pérez nin Iñaki Campo. Por outra banda, nace o equipo de veteráns que competirá na Segunda Provincial e estará formado por futbolistas que pasaron pola UD Pastoricense.

Outra das sorpresas chega na Segunda Galicia sur. Nesta división ningún dos equipos recén ascendidos mantén o seu corpo técnico. O último que faltaba por confirmalo era o Monterroso B no que non continúa a dupla Fernando Sánchez “Fer” e Óscar Pampín. Fer, futbolista do primeiro equipo afirma que tras dous anos de moito traballo decidiu dedicarse só a xogar. Afirma que de momento non sabe se seguirá sendo no Monterroso ou noutro equipo.

Cleno, que chegou para reforzar ao equipo na Copa e anotou sete goles en dous partidos, seguirá no Rioaveso

No tocante a Terceira Galicia destaca no grupo sur a creación dun novo conxunto, o Friol B que terá como referencia o primeiro equipo unha categoría máis arriba. Pola súa banda, o Sober incoporou a Luis Rodríguez Diéguez que procede do xuvenil do Calasancio. Xa no grupo norte destaca a chegada de Isma como primeiro reforzo do novo SD Cazás procedente dun rival da mesma categoría, o Catro Roldas. Seguindo en terras chairegas, no Rioaveso renovan a 13 futbolistas que xa xogaron no conxunto de Paraños a tempada pasada. Alberto, Álex, Amido, Ank, Carra, Chupi, Cleno, Félix, Jose Luis, Javi Cruz, Ledo, Lingas e Sergio continúan nun conxunto que esta pendente de seis fichaxes máis. Por último no Muimenta incoporan a Rubén López Vidal e renovan a Diego Castro, Adri, Julio, Matías Gastón, Jorge Cascudo, Edu Seivane, Jesús Vivero “Missi”, Javi Morán, Miguel Morán e Hugo Engroba.

O Castro conta nestes momentos con 12 futbolistas xunto con 3 xogadores que van facela pretemporada

Nos equipos de superior categoría tamén se suceden os movementos. Na Terceira, O Racing Vilalbés, que recibe este xoves ao Deportivo da Coruña (19:30h) na Magdalena, fichou ao dianteiro coruñés Álex Pérez que procede do Bergantiños e o carrileiro esquerdo David Buyo (fillo do ex-porteiro Paco Buyo) que procede do As Pontes. Tamén se  acumulan ás novas en Castro. O equipo, que comeza a pretemporada o vindeiro luns, renovou a Javichu e conseguiu o retorno de Álvaro que xogou a segunda metade da temporada no Pastoricense. Ademais no tocante a base, o central Diego Fernández Román, xuvenil de último ano, fará a pretemporada co primeiro equipo. Precisamente para o conxunto xuvenil chegan como adestrador Marcos Veiga (ex-preparador do primeiro equipo) e Nicandro Rodríguez “Niki” será o preparador físico.

Comparte
                                                                                                                                             

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*