A Terceira lucense terá tres grupos con oito equipos

A falta de que a nova proposta vaia a Asamblea xeral a Santiago e, único que algún club dos xa inscritos non decida participar, a estrutura do fútbol da provincia de Lugo cambia despois dos últimos conxuntos creados e ten efecto inmediato na constitución das divisións para a temporada 2017/2018. A Terceira Galicia terá, en principio, tres grupos con oito equipos en cada un que disputarán unha primeira fase de liga regular con partidos de ida e volta (como era ata o momento). Posteriormente haberá unha segunda fase que xogarán os dous primeiros clasificados de cada grupo e os dous mellores terceiros. Entre estes oito equipos, volverase facer un formato de competición regular con ida e volta no que ascenderán, a falta de confirmación, os seis primeiros clasificados. Os equipos restantes non rematarán a tempada, xa que participarán no chamado Torneo Delegación de Lugo dividíndose en dous grupos e xogarán tamén en formato liga encontros de ida e volta. Os campións de cada grupo enfrontaranse nunha final a dobre partido.

O número de equipos segue sendo o mesmo ca na temporada pasada, pero hai un cambio en dous deles. Desaparecen o San Román (pertencía ao norte) e o Antas B (pertencía ao sur). No canto deles apareceron o CD Rábade e o Friol B, dous conxuntos situados no centro da provincia. Este é un dos motivos polo que se modifica a composición da categoría quedando, en principio, deste xeito:

Grupo Lugo Norte: Goiriz, Cervo, Fonsagrada, Cazás, Rioaveso, Celta Barreiros, Celeiro e Catro Roldas

Grupo Lugo Centro: Muimenta, Friol B, Rábade, Garabolos, Comercial, Corgo, Pradeda e Laxosa.

Grupo Lugo Sur: Incio, Río Sil, Quiroga, Paradela, Relámpago Taboada, FC Becerreá, Sober e Guntín.

Desaparece o sistema de eliminatorias para ascender e os equipos que non se clasifiquen para esa segunda fase non rematarán a temporada en febreiro como aconteceu este ano

No que respecta á Segunda Galicia finalmente a Milagrosa foi encadrada no grupo sur, polo que no norte o Meira permanece na categoría. A inclusión do conxunto da Mila non provocou o arrastre do Becerreá por mor de que desapareceu a Residencia B, equipo que se uniu ao San Roque que a pasada campaña ascendeu a Primeira. Desta nova daremos conta nos vindeiros días.

No tocante ao resto de categorías certificáronse os descensos e ascensos que xa se coñecían e o formato de competición tamén será o mesmo. A Terceira arrincará o día 20, a Preferente na última fin de semana de agosto e a Primeira a seguinte semana máis, xa no mes de setembro. Nos próximos días informaremos sobre como queda a relación de equipos no resto de divisións do fútbol provincial.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario