O Monterroso B conseguiu un histórico ascenso á Segunda Galicia despois de superar ao Río Sil na final da promoción de ascenso da Terceira Galicia grupo sur. O filial monterrosino sube de categoría no seu segundo ano de vida. Tan só o filial do Pontellas da provincia de Pontevedra se adiantou no ascenso dun filial desta temporada en Galicia.

O conxunto adestrado por Fer fixo valer a súa mellor arma, o anexo de Cerdeiriños e derrotou por 3-0 ao Río Sil con goles de Cristian Crespo, Iago Vázquez e Joni. Superou deste xeito, o resultado da ida que fora de 2-1 a favor do equipo de Sober. O ascenso chega despois de que no primeiro ano de vida, o Monterroso B perdera nos play-offs de ascenso e tamén caera nas semifinais da Copa Deputación. Para esta temporada o club non tiña como obxectivo o ascenso, pero o seu técnico si que o tiña en mente. «Púxenmo. Este ano tendo un equipo un pouco peor competimos moito mellor. Estivemos primeiros case todo o ano, pero perdemos tres partidos nos últimos encontros», asegura Fer.

O adestrador Fer foi manteado despois do partido

E agora de cara a novo curso na Segunda, Fer apunta que o nivel é parexo: «vémolo na Copa e o ano pasado xa o comprobamos. A maioría dos equipos que ascenderon este ano mantéronse». Na nova categoría, o club de Cerdeiriños terá a varios veciños por rivais: «En teoría de Primeira cae o Antas e tamén estaría o Palas, equipos da nosa zona para xogar derbis. Ademais os desprazamentos serán máis próximos ca na Terceira», subliña Fer.

Este éxito, xunto co do primeiro equipo que está pelexando polo ascenso á Preferente, reflicte o bo facer da SD Monterroso nun concello que ronda os 3.700 habitantes. «Estase facendo un traballo moi grande. O club medrou moito. Contamos con moitos equipos de base, dous sénior e un de veteráns. Viuse no torneo de Semana Santa que o club traballa moito e a xente está co fútbol», destaca o míster do filial.

O cadro de xogadores e a afección celebrou un ascenso histórico

Non obstante, antes de comezar a preparar o novo curso, tocará planificar a preparación da Copa Deputación na que o equipo da Ulloa ten a espiña cravada do ano pasado. Os emparellamentos destas eliminatorias deixáronnos encadrados co Paradela.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*