Cando tes a idea de amañar algo, xa sexa reformalo salón da casa ou cambiarlle de pintura o teu cuarto, sempre aparecen as dúbidas e moitas veces logo do resultado final, non quedas contento e decides volvelo cambiar. Tamén ocorre no fútbol, cada temporada moitos equipos planteanse darlle outro rumbo a marcha dos seus clubs e ao final da campaña non lles acaba convencendo o resultado. Todo o contrario lle aconteceu ao Corgo que hai uns días convertíase de novo en conxunto da Segunda Galicia ao conseguir unha das prazas de ascenso na segunda fase da Terceira Galicia.

O equipo corgués decidiu tamén facer reformas, despois do descenso do curso pasado: “En xullo este equipo non tiña ningún xogador, polo que deportivamente penso que a nosa liga é de sobresaínte: na primeira tempada no club, ascendidos en marzo e, incluso, agora mesmo sendo o mellor equipo da Terceira de Lugo”, apunta Hugo Vázquez Ascariz un dos técnicos que preparou ao Corgo para o seu regreso á Segunda Rexional, xunto con Marcos Gutiérrez “Guty”. Ambos chegaron esta temporada o equipo despois da súa boa experiencia como tándem no Sporting Lucense. “A temporada saíu mellor imposible, incluso mellor do que se esperaba ao comezar de cero. O obxectivo era facer un bo bloque porque o Corgo quedarase sen xogadores e ir vendo como nos iamos situando na clasificación“, comenta Guty.

O Corgo finalizou segundo na primeira fase na que competiu no novo grupo “centro”, xusto por detrás do Fonsagrada ao perder no último encontro no que se xogaban o liderado. Non obstante, a volta de Nadal o equipo mantívose intratable e só cedeu unha derrota. Conseguiu o ascenso a falta de tres xornadas, no seu campo, cunha vitoria por 4-2 diante do Catro Roldas. Rebuscando nas chaves do éxito, Guty teno claro: “A unión, o compromiso e a asistencia aos adestramentos que sempre foron 16 ou 17 xogadores de media. Fixeron que puideramos traballar ben aspectos tácticos e físicos”. Hugo remarca o traballo dos futbolistas ao que di que lle deben todo: “Consígueno eles. Confiamos moito en cada un e temos que agradecerlles querer estar con nós nesta etapa. Foron 32 semanas e 68 adestramentos onde se demostrou esforzo e compromiso”.

Foi un ano con novidades no formato de competición na Terceira e o Corgo foi un dos que apostou por el dende o principio: “Foi o que nos votamos. A principal vantaxe é que todos os equipos se estiveran xogando algo ata o final, da outra maneira en Nadal habería equipos que xa non terían posibilidades de nada” apunta Guty. “Nestas categorías onde o principal penso que que debe ser disfrutar, colle certas similitudes co fútbol base. É certo que che tocan dous ou tres partidos cunha viaxe máis longa, pero tamén son parte do fútbol e fai máis xusto o reparto de ascensos na provincia, sin ser impostos por zonas”, aclara Hugo.

Non obstante, a temporada aínda non rematou e antes de pensar no vindeiro curso ao Corgo quédanlle máis retos por diante. “Aínda quedan encontros e unha Copa onde intentar completar este gran ano“, advirte Hugo quen cre que o equipo “ten moita marxe de mellora e crecemento, nun concello tan preto de Lugo e coas instalacións que para a próxima temporada vai ter“. Sobre o seu futuro no banco de momento Guty amósase cauto: “Cando remate  a temporada reunirémonos coa directiva para ver entre todo se se pode seguir nun proxecto de continuidade. Se todo vai correcto, o normal é seguir“.

É a quinta temporada que Hugo e Guty coinciden no fútbol. “Na primeira xogaba as súas ordes, pero non confiaba en min (risas)”, admite Hugo quen recoñece que “é impensable este anos e os anteriores sen el. Non sei se lle daremos agradecido algún día todo o que aporta ao equipo. Eu penso que non. Faime mellor, espero que eu a el tamén“. Guty coincide na análise: “Facemos un tándem perfecto, coñecémonos moi ben, el aporta máis os coñecementos tácticos e as labores de míster propiamente ditas”.

O bo ambiente nótase cando os equipos marchan ben no deportivo. E isto permite que ao longo da temporada ocorran varias anécdotas, como cando comeceu esta segunda fase e o Corgo comezou con vitorias. Guty pronunciou a frase de “hai que varrer cando fai aire” que se convertiu en símbolo que quedou reflectido o final da convocatoria desa semana. Algo que o grupo interioriuzou e lle serviu para a súa motivación na recta final. Entre estas frases motivadoras e as pizzas que varios dos xogadores do Corgo desfrutaron como Sobranceiros da Terceira queda máis en dúbida a labor dos técnicos, pero os resultados non se discuten. O Corgo é de Segunda.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*