En plena costa de xaneiro o balón vai volver rodar na Terceira Galicia. Un comezo de ano diferente aos anteriores na categoría porque a competición volve comezar case de cero. Despois de desputarse a primeira fase con 22 equipos repartidos en tres grupos, iníciase agora a fase polo ascenso cos oito mellores conxuntos dos que ascenderán cinco á Segunda Galicia. O resto de clubes divídense en dous grupos, norte e sur, que pelexarán polo trofeo Delegación de Lugo. Os dous primeiros clasificados de cada grupo xogarán unha final e o gañador tamén ascenderá de división.

Nesa primeira fase houbo tres campións en cadanseu grupo, que aínda que realmente non os converta en equipos de Segunda, si lles da o mérito de ser os primeiros nun tramo do campionato. No grupo norte, o Cervo foi o dominador do único grupo composto por oito equipos. O conxunto adestrado por Iván Pernas conseguiu 32 puntos, con 10 vitorias, dous empates e só dúas derrotas. “Fixemos unha primeira fase notable. Quedamos primeiros que é o importante. O único hándicap foi cos equipos de arriba (Goiriz e Catro Roldas) que empatamos na casa e perdemos fóra con eles. Un pequeno gusaniño que me queda a min no corpo. Abaixo gañamos todos e o balance é positvo”, apunta o técnico.

Agora comeza outra competición, sete rivais noutras catorce xornadas para conseguir o soño de ascender a Segunda. “Hai que ser cautos, porque isto empeza de cero. O que fixemos valeu para estar aí, pero non para ascender. En Nadal non me queixo dos adestramentos,  tivemos unha regularidade semanal”, comenta Iván que para o primeiro encontro diante do Incio, non poderá contar con Nilson na parte defensiva nin con Jardel na zona de ataque.  “O bo do noso equipo é que todo o mundo pode xogar, aínda que non vaias convocado unha xornada a seguinte xogas e a bo nivel. Teño todo “Clase A” no equipo. Esta semana contando as dúas baixas, van quedar catro fóra; iso amosa o nivel que temos”, afirma o adestrador.

A provincia únese nesta nova competición na que os quilómetros marcarán tamén a fin de semana. O Incio fará arredor de cinco horas de viaxe (ida e volta) para chegar a Bidueira. A distancia non impide que Iván teña coñecementos sobre os outros equipos: Teño algún contacto do grupo sur. Pequena información, con cautela porque eles tamén son campións. Comentáronme que o Sober era máis defensivo, que pensaban máis no resultado, non se complican. En cambio, o Incio un pouco máis aberto, que van moi ben a balón parado. Iremos a gañar sen perder os papeis. Nós temos que facer o noso partido”. Os quilómetros non supoñen un impedimento para Iván nesta nova aventura na categoría: “Gústame, porque como experiencia é moi bonita para os xogadores. Se é un xogador que ten ansias de facer algo sabe que se vai a outras categorías hai que xogar fóra, desprazarse. Paréceme moi atractivo. Ogallá cando xogara eu houbera estas cousas. A min créame máis ilusión sabendo que ata a última xornada non se decidirá nada”.

 

No grupo sur, o Incio tamén finalizou primeiro con 26 puntos; 8 vitorias, dous empates e só dúas derrotas; dous puntos por diante do Sober que se viu lastrado polos empates xa que non perdeu ningún partido. Despois do parón chegan con ánimos para afrontar as vindeiras quince xornadas. “Para o primeiro partido temos unha baixa fixa, a de Orlando por traballo, pode que igual outra máis, pero polo resto estamos todos”, apunta Raúl Leizán técnico do Incio que forma tándem con Jessi un dos centrais titulares do equipo. 

Para este novo reto Raúl é consciente de que o ascenso vai pasar polos partidos que se desputen como local: “Hai que puntuar na casa, porque fóra vai ser difícil. Vai estar todo moi igualado. O obxectivo é meterse entre os cinco primeiros”. O Incio será un deses clubs que teña que cruzar a provincia de norte a sur e, á marxe dos conxuntos do seu grupo Raúl afirma ter un gran descoñecemento do resto de equipos: “Sabemos cousas do Sober, do Corgo e pouco máis, o resto dos equipos non os coñecemos”.

Ante este novo sistema de competición que clasificará a cinco equipos dos oito participantes, Raúl amosa algo de desencanto sobre todo porque o de quedar campión non che asegura nada: “Moito non me gusta. Si que hai que recoñcer que da lugar a que se hai un mal partido, se poida correxir. Eu entendo que tamén estás medio ano xogando, quedas campión e non ascendes…, pero hai que respectalo”, conclúe o míster.

Todos os equipos da categoría xa pediron os seus desexos para este novo ano.  O noso é que reine a deportividade, que non se manque ninguén e que medre o bo ambiente neses desprazamentos interprovinciais. Os mellores serán recompensados co ascenso e, senon, sempre poderedes optar ao premio semanal de Futbolinlugo.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*