Derbi lucense na División de Honra Xuvenil

Este fin de semana terá lugar un partido histórico no Estadio Roca de Villalba. O Racing Villalbés xuvenil mediráse ao CD Lugo nun partido correspondente á décima xornada da División de Honra Xuvenil, Grupo 1, nun derbi ata o momento inédito nesta categoría. 

A situación non é a desexada para ningún dos dous conxuntos, xa que ambos se atopan en zona de descenso, cun CD Lugo que non suma máis de 6 puntos, mentres que os chairegos aínda non lograron puntuar, a pesar de amosar unha actitude inmellorable. Sen dúbida, o Roca presenciará un partido cheo de intensidade e ambicións, un derbi en toda regra!

Futbolinlugo quixo facer a mellor previa do enfrontamento entre os equipos lucenses, e falou brevemente co adestrador de cada un dos clubes: Alex Antón (CD Lugo) e Simón Lamas (Racing Villalbés):

FUTBOLINLUGO: Ola Alex. Antes de nada, como se afronta desde o CD Lugo o derbi?

ALEX ANTÓN: Evidentemente, estamos nunha situación complicada, pero acabamos de gañar ao Deportivo e os chavales están moi motivados. Ir xogar a Villalba sempre é difícil, e nós estamos en descenso, pero imos coa maior ilusión e preparados para aproveitar as ocasiones que imos ter.

 

FUTBOLINLUGO:  O encontro, debido á necesidade de puntos, será -se cabe- máis agónico…

ALEX ANTÓN: Si, é un choque histórico, e a situación na táboa é a que é. Estamos a mediados de campaña, pero está claro que ambos necesitamos os puntos.

 

FUTBOLINLUGO: Quizais poida influir o factor campo. O Roca sempre é complicado, e máis contra un rival especialista nel e ultramotivado.

ALEX ANTÓN: Si, o campo aumenta as dificultades para nós. Non é do estilo ao que estamos acostumados na categoría, e teremos que adaptarnos.

 

FUTBOLINLUGO: Polo tanto, onde estarán as chaves para conseguir a victoria?

ALEX ANTÓN: Penso que as chaves estarán en ser capaces de marcar. A ambos equipos cústanos moito facer gol, e serán fundamentais o balón parado e as transicións rápidas. Marcamos moi poucos goles e insisto na importancia do balón parado.

 

FUTBOLINLUGO: Falando agora en xeral. A pesares dos malos resultados, como están a ser as sensacións?

ALEX ANTÓN: O equipo empezou ben, gañando nun bo primeiro partido, e despois pillamos un bache importante, tocando fondo no choque ante o Valmiñor, e a partir de aí competimos moi ben contra Oviedo, Racing e Depor. O equipo sabe o que ten que facer para obter resultados.

 

FUTBOLINLUGO: Moitas gracias por atendernos, Alex. Sorte.

ALEX ANTÓN: A vós.

Ata aquí as verbas do preparador do equipo albivermello. Vexamos agora como se afronta o partido desde o banco do Racing Villalbés:

FUTBOLINLUGO: Ola Simón. Como afrontades o derbi en Villalba?

SIMÓN LAMAS: Bueno, falando dos puntos é un partido complicado para nós e para eles, especialmente para eles, que si que teñen como obxectivo a salvación. Para nós un partido máis, estamos competindo ben en todos os partidos, merecendo puntuar, pero non o logramos. Un derbi fai olvidar os puntos, a clasificación queda a un lado… e pode pasar de todo. Xa vivimos derbis en Galega e Nacional, e pode gañar calquera.

 

FUTBOLINLUGO: Xogaredes co “factor Roca” a favor?

SIMÓN LAMAS: Quizais ofrecemos unha mellor versión no noso campo que fóra da casa, aínda que tamén damos a cara lonxe do Roca, merecendo puntuar en casa do Bansander ou do Santiago. Na casa somos máis agresivos, ademais de contar co apoio do público. O Lugo vaise adaptar ben polo seu xogo e os seus xogadores e penso que vai ser un partido moi igualado.

 

FUTBOLINLUGO: Onde pensas que poden estar as chaves para achar a victoria?

SIMÓN LAMAS: No noso campo sempre é fundamental non cometer erros e ser agresivos na nosa área. O equipo que se adianta ten moitas opcións de levarse os tres puntos, xa que remontar no Roca é moi complicado.

 

FUTBOLINLUGO: Falando do cómputo xeral da tenporada. Como están a ser as sensacións na andaina chairega na División de Honra?

SIMÓN LAMAS: Bueno, as sensacións son boas. A nivel competitivo estamos a facelo mellor do esperado. Solo tivemos un par de resultados abultados, contra Dépor e Racing, pero os goles foron nos minutos finales. Os partidos estanse decidindo pola maior calidade dos xogadores rivais. Estamos merecendo puntuar, e a nivel de formación para os rapaces, competir nesta liga é unha sorte.

 

FUTBOLINLUGO: Gracias por atendernos, Simón. Sorte.

SIMÓN LAMAS:  A vós.

Desexamos toda a sorte do mundo aos dous representantes lucenses na máxima división do fútbol xuvenil! Que reinen a deportividade e o espíritu competitivo!

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*