Redactor - Diego Díaz Martínez

Destacados Primeira. Xornada 18

*Chantada Atlético-Residencia: Duelo intenso e disputado no que a Residencia deixou escapar unha victoria que tiña no peto. O cadro de Álvaro Meilán gañaba por 0-2 no minuto 85 porén o bo xogo chantadino atopou a súa recompensa. Adri recurtou diferenzas de penalti e Iago, tras varios rexeites, salvou un punto no 95.

*Xove Lago-Friol: Incrible que non se disfrutasen goles no Municipal de Xove. Máikel, omnipresente, liderou o ataque dos mariñáns na primeira metade. Juanjo Coello rozou un tanto que nunca chegou ante un Alberto Pacio imperial. Cambiaron as tornas tralo descanso. Os de José Manuel tiñan as pernas máis pesadas e buscaban contras ante un Friol que acabou asediando a área contraria. Isaac enviou un obús á cruceta. A pelota non quixo entrar. Samu debutou co Xove coma titular.

*Pol-Atlético Escairón: Os de Eskalza perdonaron no tramo inicial, cun disparo de Pandiani ao pau e outro bo remate de Hamir. O cadro de Abad creceu co paso dos minutos. Yeray fixo o único tanto do encontro á media hora de xogo. Na reanudación, o Pol administrou a súa vantaxe. Xogouse ao ritmo que lle interesou.

*San Ciprián-Páramo: Tolemia de ocasións na Mariña. Calquera puido gañar. Borja Rasilla marcou ao bordo do descanso nunha primeira metade na que as mellores ocasións foron para os de Lekumberri. Na reanudación, o Páramo tivo o seu momento para matar o encontro. Non o fixo e Dani Sante igualou nunha contra liderada por Kaká. Despois, Lisboa foi expulsado. Os de Fontal sobrepuxéronse a un rato de sufrimento e ata dispuxeron de tres boas oportunidades en inferioridade.

*Chantada-Pastoricense: Dous erros infantís puxéronlle o encontro de cara ao Chantada. Ademais, o capitán Kadete fixo o 3-0 antes do descanso nun córner. Segundo gol na súa conta particular. Os de Juan Rodríguez puideron matar o encontro na primeira metade. Porén Raúl empeñouse en manter con vida aos de Fran Veiga. Golazo de falta. Despois do descanso, Raúl mollou de novo e o Pastoricense dispuxo de ocasións suficientes para empatar. Iso sí, os tres puntos quedaron no Sangoñedo.

*Lemos-Pontenova: Tarde para olvidar do colista na Pinguela. O líder mostrouse superior de principio a fin. O Lemos firmou un dos mellores partidos desta temporada, dándolle un ritmo alto ao xogo con balón e sen él. A peor nova foi a lesión de Emilio, que viña de recuperarse dunha rotura de ligamento cruzado, e mancouse de novo nese mesmo xeonllo.

*Outeiro de Rei-Monterroso: O conxunto de Cholas dominou en todo momento e segue en postos de ascenso. O Outeiro puido sentenciar na primeira metade porén solo foi capaz de marcar por mediación de Diego Seijas. O Monterroso perdonou o empate na mesma área pequena. Na segunda metade, os goles non chegarían ata os minutos finais. Veiga puxo terra de por medio co 2-0 e Barrio fixo o tanto da honra dos da Ulloa no desconto.

*Taboada-Santaballés: Encontro feo para o espectador no Castro Seoane de Antas. Os dous goles do encontro chegaron a balón parado. O empate quizais sexa o resultado máis xusto. Aínda que ambos equipos tiveron os seus momentos para levar os tres puntos. O Taboada, nos compases finais da primeira metade. E o Santaballés, cunha oportunidade clara nas postrimerías do choque.

*Riotorto-Burela: Derbi mariñán no que os cartóns vermellos lastraron as opcións do Riotorto. Nunha primeira metade de escasas oportunidades, a expulsión de Alberte resultou decisiva. Por se fose pouco, na reanudación Iago tamén viu a vermella. Os de Labrada quedaron con nove. Celes marcou nun remate a centro lateral e o Burela permitiuse tamén o luxo de marrar un penalti. Nos últimos minutos, os locais xeraron perigo en inferioridade porén o marcador non se volveu mover.

Palabra de… Álex Vázquez: “Tres perspectivas de ver o fútbol”

No colexio Franciscanos, onde empezou todo

Antes de nada, quería agradecer a todos os que forman parte da familia de FutbolinLugo, por todo o labor que fan polo fútbol lucense, e por darme a oportunidade de contar a miña historia, a visión do fútbol dende tres perspectivas diferentes, como xogador, árbitro e adestrador.

A primeira imaxe que teño de algo relacionado co fútbol, foi aquel golazo que metera Raúl, contra o Barcelona nas semifinais da Champions League da tempada 2001/2002, na que o Real Madrid acadaría o seu noveno título. Dende aquel día non concibo a vida sen este deporte.

Como xogador activo comecei a fútbol sala no equipo do colexio Franciscanos, un equipo formado por amigos, que a día de hoxe o seguen sendo: Borja Máxico Figueiras, Jhon Cuadretty, Chiqui, Brais, Rodri, Maci, Ernesto, David, Alberto… E adestrado por Diego Sánchez. Inesquecibles os duelos contra Albeiros, dos xemelgos Varela e Javi Rey, por ser o mellor equipo de Galicia.      

Equipo benxamín da Comercial

                                                                    

Foi unha chamada do gran Xabarda, o que fixo que probara eso de xogar ao fútbol na herba. Borja, Cuadretty e máis eu recalamos na Comercial para xogar o torneo de ‘El Progreso’. Aquel torneo supuxo o trampolín para que me enganchara a ese fútbol e sobre todo a aquel equipo da Comercial, formado por xogadores que eran rivais a fútbol sala, pero compañeiros a fútbol 7. Con aquel magnifico equipo logramos vencer a clubs coma o Racing de Santander ou Paços de Ferreira.

                                                                      

Nestes anos como xogador, vía o fútbol como un divertimento, aínda que sempre querías acadar a vitoria. Como calquera neno desfrutabas do que máis che gustaba sen pensar en nada máis que pasalo ben cos teus amigos. Seguín xogando ata que en infantís de primeiro, apareceu o que máis teme un futbolista, unha grave lesión. A cal me obrigou a deixar o fútbol, xa que tiven que estar dous anos sen poder realizar ningunha actividade deportiva.

O debut de Álex na Preferente

A pesar de non poder facer o que máis me gustaba, tiña claro que quería seguir ligado ao fútbol e facer algo que me fixera partícipe dese marabilloso deporte. Foi cando apareceu a figura do meu bo amigo Alejandro Ferreiro, agora árbitro de Terceira División, que me convenceu a probar iso de coller o chifro e sacar tarxetas. E así foi como con 14 anos, convertinme no árbitro máis novo da delegación de Lugo.

Recoñezo que no mundo do arbitraxe por desgracia non é todo doado, xa que os primeiros partidos cando non dominas a situación son difíciles, ou ir só aos partidos de Segunda e Terceira Autonómica tampouco é unha situación cómoda as meirandes veces. Pero podo dicir que a maioría das cousas relacionadas co arbitraxe son boas, xa que me permitiu pisar campos históricos, pitarlle a grandísimos xogadores, cos cales desfrutabas do seu xogo polo televisor. Sen imaxinarte que os poderías arbitrar, e sobre todo coñecer a moita xente, que levarás toda a vida contigo,  que para min iso é o máis importante.                                                                 

Esta é a miña décima tempada, a segunda na Preferente Galicia, e dende este ano teño a honra de dar clase aos árbitros de Segunda e Terceira Autonómica. Unha delicia xa que me vexo reflexado en moitos deles, e transmítolles as miñas vivencias. Xa que aínda que pareza incrible, con 24 anos son dos máis veteranos do colexio.

Nos dez anos que levo arbitrando, dinme conta que no fútbol hai cousas malas que se deben corrixir, como que se debe de tratar ao árbitro como un membro máis e non como se fóra inferior ao resto. Xa que aínda que pareza difícil de crer, nós en moitos casos adestramos e traballamos o mesmo que un xogador ou adestrador. Pero en xeral a figura do árbitro cada día vai gañando a importancia que se merece dentro do mundo do fútbol.

Dende esta perspectiva para min o fútbol é o máis difícil de desfrutar en moitos casos dentro do terreo de xogo. Aínda que é tremendamente gratificante facer ben o teu traballo estando exposto a moitas persoas que te ven como un inimigo.

Nesta tempada grazas ao Comité Galego de Árbitros e ao de Adestradores, permitíronme compaxinar, o de seguir arbitrando e adestrar a un equipo realizando as prácticas do nivel I. Unha das miñas paixóns dende fai moitos anos. Ese primeiro equipo que confiou en min, foi o CD Castro, grazas ao meu bo amigo Brais Prados, que tivo que deixar o equipo cadete, para dirixir aos seniors. E foi o meu principal valedor para que dirixira ese equipo que el deixara. E tampouco me podo esquecer de Marcos Veiga e a súa xunta directiva, que confiaron en min para levar o equipo cadete.                                 

Álex xunto ao seu principal valedor, Brais Prados

Dende está perspectiva estou descubrindo cousas que nunca imaxinara, como por exemplo o grandísimo esforzo que fai toda a directiva para que este club salga cara adiante, sen sacar ningún beneficio. A verdade que admiro a cada un dos loitadores do club.

Tamén teño que dicir que dende esta posición é na que máis se sufre, xa que é no único caso no que non podes entrar dentro do terreo de xogo. Debo dicir que teño un equipo co cal estou aprendendo moito, espero que sexa mutuo, é co que imos a seguir mellorando día a día.

En definitiva debo dicir que o fútbol é a miña vida e que sexa da forma que sexa estarei ligado a el sempre. Un pracer escribir estás verbas, e que sigades así compañeiros de FutbolinLugo, xa que facedes un inmenso traballo polo fútbol lucense.

Álex Vázquez. Todoterreo do noso fútbol. Adestrador e colexiado.

Os desexos da Primeira neste 2019

Comezou o 2019 e quixemos saber o que cada un dos nosos equipos lle pediu aos Reis. Aquí está a carta dos dezaoito conxuntos da Primeira Galicia.

Fran Veiga, adestrador do Pastoricense: “Que nos respeten as lesións, que a xente que está mancada se recupere canto antes e conseguir a salvación”.

Óscar López, presidente do Lemos: “Que o Lemos logre o ascenso a Preferente”.

Crespo, dianteiro do Monterroso: “A salvación do primeiro equipo. Estamos nunha situación un pouco delicada pero con ganas e esforzo manteremos sacarémolo adiante. E manteremos o clube na categoría que se merece. Desexo que a directiva siga traballando para que o Monterroso siga crecendo, que as categorías inferiores teñan as mesmas ganas de aprender e crecer como futbolistas e persoas neste clube”.

Jairo, dianteiro do Burela: “Desexo que a SD Burela siga a medrar como o está a facer e se asente completamente na categoría. E que o grupo de persoas que o formamos, sigamos a disfrutar xuntos moito tempo. Arriba verdes!”.

Esteban, defensa da Residencia: “Competir ao máximo na segunda volta para estar o máis arriba posible na clasificación. O meu desexo sería rematar ascendendo”.

Miguel Osorio, directivo do Taboada: “Que a familia do Taboada CF sexa tan grande ou máis que agora. E poder disfrutar das novas instalacións sen moitas lesións”.

Yebra, porteiro do Pol: “Non ter lesións graves, mellorar a primeira volta e manter o gran grupo que temos”.

Juan Rodríguez, adestrador do Chantada: “Que todos os estamentos do clube sigamos tendo a ilusión que temos no día a día. Que ese sexa o camiño e os resultados cheguen como consecuencia delo”.

Borjita, capitán do Páramo: “O meu desexo é que o Páramo faga algún punto na época das matanzas”.

Juanjo Coello, dianteiro do Xove Lago: “Conseguir o obxectivo da permanencia canto antes e que o equipo acabe o máis arriba posible. Ademais disto, desexamos facer que o míster pague unha cea. Para iso necesitamos, polo menos, gañar catro partidos consecutivos”.

Jon Vázquez, técnico do Friol: “Que o equipo siga deixándose a alma nos partidos e disfrutando en base á ilusión, ao compromiso e a non deixar de soñar”.

Dani Renda, centrocampista do Outeiro de Rei: “Seguir disfrutando cun grupo marabilloso e ambicioso. Un grupo incrible”.

Fran Regal, técnico do Chantada Atlético: “Que se recuperen os lesionados e non teñamos tan mala sorte neste aspecto. E desta forma recompoñer o equipo a nivel de adestramentos e competición”.

Pedro Díaz, defensa do Riotorto: “Que a xente que segue e traballa polo Riotorto, esté orgullosa do seu equipo”.

Villi, segundo adestrador do San Ciprián: “Pedimos o mesmo que todos estes anos. Pelexar ata o final a salvación e seguir outro ano na categoría. Non ter que lamentar ningunha lesión grave e dar o mellor de nós”.

Pandiani, dianteiro do Atlético Escairón: “Intentar estar o máis arriba posible, sen obsesionarnos polo ascenso”.

Andrés Bouza, técnico da Pontenova: “Que os xogadores sigan traballando coas ganas e ilusión coa que estiveron ata o de agora, porque os resultados serán a consecuencia dese bon traballo”.

Palomo, dianteiro do Santaballés: “Que sigamos mantendo o bon ambiente polo cal sempre se caracterizou este equipo e que non teñamos lesións graves. Despois as cousas veñen soas; cando un vai adestrar de boa gana aplícase máis, o cal despois se ve no campo. Un bo clima de vestiario é esencial en calquera equipo. Máis se cabe nestas categorías nas que ninguén vive disto, nin moito menos”.

Palabra de… Iván Barrio: “Unha traxectoria de valores en familia”

Corría o 2004 cando, con 6 anos, comecei a andar detrás da pelota. Recordo pasar tardes enteiras dándolle patadas ao balón contra a parede. E ás veces tamén contra algunha ventá e como consecuencia ter que saír correndo para escapar dos berros de miña nai… Pero oes, grazas a eso tamén practicaba a puntería (non me quedaba outra…).

Non foi ata os 9 anos cando me apuntaron meus pais no equipo benxamín da SD Sarriana. Acórdome que nese momento, formar parte dun equipo e xogar todos os fines de semana me ilusionaba moito. Nestes primeiros anos xogando ao fútbol foi onde fixen moitas das amizades que aínda conservo agora. Na Sarriana estiven ata os 13 anos, que foi cando me brindaron a oportunidade de xogar noutro equipo que competía en categoría galega, o CP Calasancio de Monforte.

Esto supuxo un cambio moi grande para min por dous motivos: O primeiro, pasar de adestrar dous días á semana ao lado da casa a adestrar tres. E para facelo, ter que chuparme 30 minutos de viaxe de ida e outros 30 de volta. Aa maiores hai que sumarlle o desprazamento do día dos partidos. Total que me levantaría ás 7 da mañá un domingo para xogar as 12 en Vigo, pouca broma. O segundo motivo foi que tería que deixar atrás un equipo no que estaba xa completamente asentado e con moitas amizades para ir a outro no que non ía coñecer a ninguén. E tal e como son eu, calado e temesiño, sabía que os primeiros días non iban ser sinxelos.

Pero bueno, ao final decidín cambiar de aires, aceptar o novo reto e todo o que iso conlevaba. Ao principio foi algo complicado, para que mentir. Pero a verdade é que me encontrei con compañeiros excepcionais e ó final puxéronmo todo moito máis fácil. Pouco a pouco iba entendendo que o fútbol era algo máis que correr detrás dun balón. E é que ademais de tratar de ensinarme a xogar ao fútbol tamén intentaron mostrarme os valores deste. O sentimento de responsabilidade dentro do equipo, de axudar e confiar no que tes ao lado, a forza de estar unidos nos momentos malos, aprender a perder e tamen a gañar, etc. Ao fin e o cabo paréceme o máis esencial e importante, ter una boa formación tanto deportiva como persoal dende pequenos.

Despois de 6 anos despedinme de Monforte e do fútbol base para voltar ao equipo do meu pobo, onde conseguimos o ano pasado o ascenso a Preferente. Categoría na que estamos a loitar este ano con moita ilusión e boas sensacións. Neste ano e medio que levo no fútbol amateur xa me chegou para decatarme que as cousas son moi diferentes ao fútbol base. Xogas contra homes que che sacan 10 anos en vez de contra nenos, o sentimento de equipo é diferente, coñeces a persoas (e persoaxes) moi peculiares… A verdade é que estou moi sorprendido para ben, parécenme incríbles todos os lazos que consegues formar grazas ao fútbol e a facilidade que ten este deporte para formar familias dentro dun vestiario.

Pódese dicir que este é un resumo moi breve e sinxelo da miña caminata dentro do mundo do fútbol. A miña conclusión é que, ao final cada un pode tomar miles de camiños diferentes cando comeza a xogar ao fútbol. O importante é ter as ideas claras e seguir en todo momento os obxectivos que te propoñas dende o principio. Pero sempre divertíndote e disfrutando cos teus compañeiros de vestiario de cada partido e de cada momento (tanto dentro coma fora do campo). Iso é o que fai que todo o sacrificio e tempo adicado a este deporte merezcan a pena.

 

Iván López Barrio. Xogador da Sarriana, home de fútbol

Fotografías: S9 Fotografía

 

Diego Arias: “Non podía quedarme así, tiña que cambiar a situación”

Diego Arias é o nome do día. O xa excapitán do Lemos vén de asinar coa Sarriana. Non é un movemento calquera. A figura representativa do histórico clube monfortino cambia de categoría. Dende Futbolinlugo quixemos poñernos en contacto con el, para saber as razóns da gran sorpresa do mercado invernal.

FUTBOLINLUGO: Imos ao gran! Como foi todo? Porque temos que dicir que nos pillou de sorpresa…

DIEGO ARIAS: Pillou de sorpresa como me pillou a min. A verdade é que máis que nada era a situación que estaba pasando. Non estaba dispoñendo de minutos e non tiña o rol no equipo que quería. Non tiña o rol que tiven estos anos. E queiras que non se che chega unha oferta de Preferente faiche dudar. Ao final tomei a decisión de marchar.

FIL: Caprichos do fútbol, non? Estás nunha categoría menos sen minutos e quérente para unha competición superior…

D.A: Alberto López coñéceme de hai moitos anos. Non é a primeira vez que me intenta incorporar a un dos seus equipos. Para min o Lemos era todo e decidín continuar en todo momento. Pero agora… a situación non era a misma, non era a que eu quería e decidín saír.

Non é a primeira vez que Alberto tenta levarme a un dos seus equipos

FIL: Entón, o interés xa viña de atrás…

D.A: Sí, sí. Xa cando estaba en Escairón me chamara. Cando empezou na Sarriana en pretemporada, xa me chamara seu irmán Javi e tamén el… Ao final está pendiente de todo, da miña situación, e ve que non disfruto dos minutos que eu quero. Fala comigo e fixéronme unha oferta. E decidín aceptar.

FIL: Falabas do Lemos e da falla de minutos. Sorprendido por que se chegase a dar esta situación?

D.A: Viña dunha operación de ombreiro. É normal que ao principio coste adaptarse outra vez ao día a día de adestramentos. Este ano tamén temos máis competitividade porque fixemos boas incorporacións. Partía como un paso por detrás do resto. Pero agora xa levaba tres meses. Adestro e xogo ben, atópome ben e non tiña a continuidade que eu quería. De doce ou trece partidos só debín xogar tres de titular e un completo. Estou acostumado a outro rol e outras situacións. Non o entendía e tiña que cambiar a situación. Non podía quedarme así.

FIL: Pensas que en Monforte entenderon a túa decisión?

D.A: En todo momento transmitíronme tranquilidade. Tentaron convencerme para que me quedara. Que para eles era unha persoa importante. Non só a nivel deportivo, senón a nivel persoal e de clube. Voulles estar sempre agradecido por todo, sempre confiaron en min. E tiveron que entender a situación porque é unha decisión persoal. Non lles quedaba outra que adaptarse. Ao ser unha categoría superior, non podían facer moito máis.

Voulles estar sempre agradecido pero non lles quedaba outra que adaptarse

FIL: Vai quedar o Lemos ‘tocado’ coa marcha do seu capitán?

D.A: Pola xente que hai e o que é o clube, o Lemos ten saído de moitas situacións peores que que marche eu. Da desaparición incluso. Entendo que pode chocar un pouco que marche. Pero non vai afectar para nada a nivel vestiario e deportivo. Hai un equipo moi bon. Con Diego Arias ou sen el, seguirá aí.

O Lemos ten saído de moitas situacións peores que a miña marcha

FIL: Ves o ascenso coma unha realidade en Monforte?

D.A: Sí. É o obxectivo principal. Ten que chegar. Hai equipo suficiente para conseguilo.

FIL: Falamos xa do teu novo equipo. Qué agardas da Sarriana tanto a nivel individual como colectivo?

D.A: A nivel individual espero adaptarme pronto. O estilo de xogo de Edu non é o mesmo que vai ser con Alberto. Dentro das miñas posibilidades creo que me podo adaptar ben e axudar ao equipo no que poida. E a nivel colectivo, o obxectivo do clube. Imaxínome que é ascender a Terceira División. Están facendo todo o posible. E tamén axudar no que poida á Sarriana.

Imaxino que o obxectivo da Sarriana é ascender a Terceira División

FIL: Grazas e moita sorte Diego!

D.A: Moitas grazas a vós. Un abrazo.

Así está a carreira polo All Star Futbolinlugo na Primeira

Queríamos empezar o ano con algo diferente. Así que decidimos tirar de calculadora e matemáticas. E facer un reconto de puntos. De como está a pelexa polo All Star Burela 2019 na Primeira ao remate da primeira volta da competición. Así está a cabeza. Pero non desesperedes, aínda queda moita tela por cortar. E moitos xogadores que veñen pisando forte e subindo coma a espuma.

  1. Carlitos (Pol): 25 puntos
  2. Juanjo Coello (Xove Lago): 25 puntos
  3. Dafonte (Lemos): 25 puntos
  4. Arturo (Residencia): 23 puntos
  5. Julito (Atlético Escairón): 22 puntos
  6. Andrés Bustelo (Xove Lago): 22 puntos
  7. Fran Fiallega (Sporting Pontenova): 20 puntos
  8. Diego Seijas (Outeiro de Rei): 19 puntos
  9. Pablo Ruiz (Riotorto): 19 puntos
  10. Iván González (Pol): 19 puntos
  11. Raúl (Pastoricense): 18 puntos
  12. Matelo (Sporting Pontenova): 18 puntos
  13. Dani Galán (Residencia): 18 puntos
  14. Gonzalo Torres (Lemos): 18 puntos
  15. Madariaga (San Ciprián): 17 puntos
  16. Adrián Díaz (Lemos): 17 puntos
  17. Moski (Taboada): 16 puntos
  18. Adri (Chantada Atlético): 16 puntos
  19. Sergio (Residencia): 16 puntos

Palabra de… Martiño Suárez: “Arbitrucho”

Teño por certo que os campos de fútbol modesto son hoxe un lugar moito máis amable do que eran nos oitenta e nos primeiros noventa. Si, segue habendo moito animal solto (dos de dúas patas e chupito no bandullo, digo) e de vez en cando vívense situacións desagradables, pero eu recordo que naquela altura había para min un personaxe incomprensible, un heroe indescifrable que superaba todas as probas de resistencia á humillación concibibles: o árbitro.

Acórdame ser un neno de dez ou doce anos e acudir aos campos da Mariña aínda con máis ganas de escoitar as creacións lingüísticas do respetable que de ver os partidos. Lembro dar voltas co meu primo arredor do Campo do Árbol, do Municipal de Alfoz, de Cantarrana, do Martínez Otero ou, por suposto, da Marosa marabillado por aqueles vates do insulto, personaxes quizá serios e taciturnos no día a día pero que os domingos despois de comer (e de beber) se transformaban en furiosos troveiros. A súa musa era habitualmente o colexiado, un tipo que me parecía de nervios de aceiro e tímpano de ferro.

Imos pór agora unha advertencia por diante: se ten vostede menos de doce anos; se se ofende con facilidade coa linguaxe pouco aseada ou o seu deus é deses que non aguantan un improperio; ou se é avogado cristián, non siga adiante lendo estas liñas. Nelas contéñense algunhas expresións que poderían ferir a súa sensibilidade.

Ás veces, o insulto reducíase a un urro terrible, do tipo “arbitrucho”, alongando moito o “u”. En moitas ocasións a mala opinión do público era independente de como se arbitrase: do estadio de Foz contábase a maldade de que, segundo o colexiado pitaba o inicio do partido, os seareiros locais berraban: “Xa empezamos!”. A esta protesta seguía, naturalmente, o clásico ouveo de “burro”, alongando tamén moito o “u”. Alongar o “u”: velaquí, pensaba eu na miña inocencia infantil, unha das claves do insulto ben realizado.

Os máis habituais, os homófobos, os sexistas, os dedicados á mai do de negro vounos obviar porque pouco imaxinativos e sebosos. Pero algúns… Eu sabía perfectamente que insultar e meter medo a alguén estaba mal, pero quen podía resistirse a aquel “árbitro, malcomedor”, que domingo tras domingo escoitaban os que asubiaban ao Burela? Ou ignorar a creatividade gore dun tipo ao que escoitei ameazar ao linier con “arrancarlle as coradas”?

Negarei ter dito isto diante do meu fillo pequeno, pero os palabróns son só iso, palabras grosas que quizá convén evitar nalgún contexto pero que nin fan sangue nin condenan a ninguén a purgatorio. Nun idioma tan fabuloso coma o galego son, ademais, unha creación cultural grandiosa, precisa, preciosa.

Pero, por favor, déixenos fóra dos campos.

Martiño Suárez (Burela, 1978). Xornalista, escritor por encarga e músico de Segunda División B. Autor do “Bestiario do Vestiario” e do “Bestiario do Vestiario. Segundo tempo”.

Futbolinlugo, novo producto de Sadam Media Consulting

Esta mañá, Futbolinlugo deu un paso máis na súa curta historia. Coa firma dun acordo histórico e sen precedentes cun dos referentes da comunicación mundial. O acto tivo lugar no Hotel Tallón Eurobuildings de Roupar de Abaixo. Dende o próximo 1 de xaneiro, esta casa pasará a formar parte do conglomerado de empresas e asociacións de Sadam Media Consulting. Este grupo inversor dos Emiratos vén de comprar o 60% dos dereitos de Futbolinlugo por unha cantidade cercana aos 320.000 euros. Unha cifra sensiblemente superior ao valor estimado de mercado segundo o Instituto Nacional de Estadística.

Este é Magdaleno, o novo acompañante de Paco Ruíz

A firma deste contrato non vai supoñer cambios no cadro de traballadores da web. Seguirán os catro. De feito, un deles tamén chegou a un acordo con Sadam Media, na súa faceta futbolística. O xigante asiático conta cunha sección de representación de xogadores. Á que remata de incorporarse o noso Santi Real, despois de que os dos Emiratos se fixesen co 80% do seu pase. O trotador lateral dereito seguirá no Racing Club Villalbés o que resta de campaña porén os chairegos recibiron nada máis e nada menos que un saco con 20 balóns Nivea. Así coma un dromedario para o presidente Paco Ruíz, que se convertirá no seu medio de transporte oficial en todos os encontros que o equipo de Terceira División dispute coma visitante.

As principais novidades chegan no ámbito dos contidos. A inxección económica de Sadam Media permitirá a Futbolinlugo retransmitir en ‘streaming’ un total de dez partidos semanais. Faceta para a cal acometerá dúas fichaxes para o seu equipo de comentaristas. A empresa dos Emiratos barallou coma primeira opción a Juanma Rodríguez, o ‘Maldini de Garabolos’. Así coma a especialista en fútbol feminino, Helena del Río. O elevado caché de ámbolos dous xornalistas impediu a súa incorporación. No entanto, sí chegaron a bon porto as negociacións con Manu Amor e Fernando Currás. Dous vellos coñecidos, que xa estiveron na Guía Futbolinlugo 2018.

Destacados Primeira. Xornada 17

*Taboada-Burela: Encontro complicado, con máis ocasións que fútbol no Castro Seoane de Antas. Ambos equipos apostaron por estilos de xogo completamente diferentes aínda que a batalla quedou en táboas. Adiantouse rápido o cadro mariñán porén o Taboada remontou cun doblete de Gabriel. Xusto á volta do descanso, o Burela volveu marcar. Un gol coa mesma sinatura que o primeiro: Javi Celes.

*Friol-Lemos: Os monfortinos tiveron a iniciativa pero esta vez faltoulles profundidade. O Friol fíxose forte a balón parado e provocou a segunda derrota do Lemos esta tempada. Brais abriu a lata nun saque dende o curruncho. Os de Edu Rodríguez empataron minutos máis tarde despois dunha boa xogada por banda dereita. Na segunda metade, os de Jon Vázquez perdonaron dous mans a mans porén Brais conseguiu deixar os tres puntos na casa. Doblete para rubricar a sorpresa da xornada.

*Riotorto-Xove Lago: Gran posta en escea dos de Labrada, que encontrou o seu premio co gol de Pedro Díaz. Un destacado Diego Chao igualou pasada a media hora de xogo. Na reanudación rexistráronse moitas interrupcións e o Riotorto quedou con dez pola expulsión de Pedro Díaz. Ambos conxuntos dispuxeron dunha oportunidade de ouro para levar os tres puntos. Diego Chao topouse co pau e Felipe Varela rozou o tanto no desconto para os locais. Por certo, Parapar regresou á portería dos da Veiga.

*Chantada Atlético-Santaballés: Partido tosco e sen claro dominador. O Santaballés adiantouse nun lanzamento de falta directa na primeira metade. Tralo paso pola zona de vestiarios, un erro defensivo local propiciou o segundo tanto dos de Dani Moirón. Os chairegos mostráronse moi sólidos a nivel defensivo e puxeron a puntiña nun saque de esquina.

*Pol-Páramo: Os de Abad despediron o ano cunha victoria moi necesaria. A igualdade marcou os primeiros corenta e cinco minutos. O Pol dispuxo dalgunha ocasión máis e así Ibai puido conseguir o 1-0. Na segunda metade, Fontal axitou o seu banquiño. O Páramo mellorou e Borja Rasilla igualou a pase de Robertito. Nos últimos minutos, Ferreirós foi expulsado. Cando o triunfo do Páramo semellaba cerca, Iván González marcou para un cadro local en inferioridade numérica.

*Atlético Escairón-Sporting Pontenova: Un Atlético Escairón que dominou de principio a fin logrou un novo triunfo no Saviñao. Asier inaugurou o marcador á media hora e Andrade puxo terra de por medio no tramo final de encontro. De penalti. A Pontenova apenas xerou perigo en ataque. Aínda así fixo o gol da honra nas postrimerías do partido.

*Pastoricense-Residencia: O conxunto de Álvaro Meilán mira de preto os postos de ascenso despois de gañar con sufrimento no Acebreiro. A Residencia puido deixar solucionada a papeleta na primeira metade, na cal chegaron todos os goles. Non foi capaz. E despois complicóuselle a cousa coa expulsión de Alberto. Diego Bravos realizou dúas boas intervencións e axudou a pechar os tres puntos en xogo.

*San Ciprián-Monterroso: Mal encontro dun San Ciprián que quedou coa vitoria. Unha nova e boa actuación de Madariaga e o olfato goleador de Borja Mella, autor de dous goles, explican o resultado. Un Monterroso moi superior viu como todo se lle puxo en contra. Goles a balón parado, accións dubidosas, coiros ao longueiro… Non foi o día dos do Cerdeiriños.

*Outeiro de Rei-Chantada: Os de Cholas recuperaron o segundo posto ante un rival directo polo ascenso. O Outeiro estivo mellor na primeira metade e puido marcar máis do solitario gol que asinou. Na reanudación, o Chantada atopou algo máis de balón ante un cadro local perigoso nas transicións defensa-ataque. O colexiado anulou un tanto a cada equipo. Aínda así, o Outeiro fixo o segundo cando o encontro xa morría. Un partido de moito nivel futbolístico para pechar o ano 2018.

Palabra de… Álex Vasco: “A Milagrosa: corazón branquivermello”

Antes de nada dar as grazas a todos os integrantes de FutbolinLugo polo enorme traballo que levades a cabo. Da gusto que a xente nova pelexe polo despegue do fútbol máis modesto na nosa provincia. Tedes o ceo gañado rapaces! Diego Díaz propúxome facer este artigo e non dubidei en falar do equipo do que levo formando parte dende os 6 anos. Trátase da SCD Milagrosa, da que podo dicir que é a miña segunda casa e posiblemente o lugar no que máis feliz fun, son e serei.

Comecei a practicar este bello deporte no Pavillón da Piringalla. Era o ano 2004. Cheguei co meu irmán a dito escenario e alí estaban outros pequenos e o adestrador, Luis Agra. Gardo grandes recordos tanto con eses compañeiros (con moitos voltei a coincidir en categorías superiores, con outros manteño unha gran amizade e con outros inclusive xogando xuntos no Senior do clube na actualidade) coma co adestrador; unha gran persoa que nos coidaba moitísimo e iniciounos neste mundo do que agora non nos podemos separar.

No transcurso de todos estes ano pasei pola man de moitísimos adestradores: o mencionado Luis Agra, Manolo, Luisón, Madriles, Óscar Seijas, Quiroga, Joaquín, Bruno, Iago, Manolo Couso… Seguro que se me olvida algún! Todos eles compartían paixón: o maldito balón e a ensinanza que del querían facer aos máis pequenos e aos non tan pequenos.

Nos meus inicios non era un habitual espectador dos partidos do primeiro equipo ou dos xuvenís ou cadetes. Pouco a pouco o gusaniño foise metendo no meu corpo. Nese momento os meus ídolos non eran Messi, Iniesta ou Casillas, pero sí Luis Díaz, Yelco, Javi Regueiro ou Manu Ascariz. Recordo vivir un Betanzos vs Milagrosa nunha gran fase de ascenso que se decidiu ao noso favor. Qué equipazo tiña o noso clube, qué xeneración! Daba gusto velos xogar!

Cando sendo xuvenil de segundo ano tiña que ir a adestrar co equipo de Preferente era o rapaz máis feliz do mundo. Madriles e Rubén, Álvarez, Tomy, David Silva, o gran Charly, Don Luis Díaz, Diego Redondo, Manu Ascariz… eran algúns dos integrantes dese equipo, desa familia que fixo unha tempada ESPECTACULAR pese a non poder salvala categoría. Para min, con 16 anos, debutar no campo do Dubra foi un sono feito realidade. Estou moi agradecido por isto, nunca o esquecerei.

Agora mesmo formo parte do equipo Sénior dirixido por Joaquín. Estamos xa na metade da tempada e desexando demostrar que a Milagrosa merece estar en categorías superiores. Os compañeiros son espectaculares e o ambiente é inmellorable, o mellor dende que xogo.

Ademais de facer sufrir a diferentes adestradores nestes 15 anos, tamén estou a cargo de dous equipos da base do clube. Comecei este periplo en Outubro do 2016 tras falar con Pepe e comentarlle o meu desexo de axudar no traballo cos ananos. A súa resposta foi que adiante, sen problema. Doulle as grazas por isto! Encántame traballar con pequenos. E máis se cabe se garda relación co fútbol.

O primeiro ano reciben ensinanzas de Diego Redondo, Luisón e Javi Baamonde. O primeiro, a pesar da súa xuventude, era moi traballador e moi querido polos xogadores e polos pais e nais. O segundo e o terceiro merecen mención especial. Estamos a falar de dúas persoas impresionantes, que sempre están dispostas a axudarme. Que dende o primeiro momento déronme liberdade para probar exercicios. Ou adaptarme ao feito de ter que controlar a un grupo de máis de 10 nenos. Xente así fai falla neste mundo, sodes dous referentes para min e débovos moito. Eternamente agradecido!

Fernando Currás, xefe de prensa e coordinador da área de porteiros do clube, tamén merece unha gran mención neste artigo por meterme no corpo as ansias de aprender da posición de gardamallas. Un pracer traballar contigo e unha honra que confiaras en min para botarche unha man nesta tarefa.

Non podo esquecerme tampouco de compañeiros como Esther (a mellor persoa que se pode atopar neste mundo e unha formidable adestradora), meu irmán Joel, Diego, Luchi, Omar (ademais dos mencionados ao longo do texto)… Que fan posible que estar no Luis López Gorgoso sexa para min como estar na casa.

Non imaxino unha vida sen a SCD Milagrosa. Non podo imaxinala. Din que os tolos do fútbol son uns fanáticos que abandoan o resto de menesteres da vida. Isto non é así pero dende logo podo afirmar que se a SCD Milagrosa necesítame ás 5 da mañana na Frigsa alí estarei. Non é fanatismo, non é falar por falar, non é ser un quedaben, é amor a un campo, a unhas cores e a uns formidables compañeiros. Longa vida á Milagrosa, ao fútbol modesto, ao fútbol lucense e a FutbolinLugo. Grazas, sodes unha parte importantísima e imprescindible da miña vida!

Álex Vasco Piñeiro. Xogador e adestrador da Milagrosa, mellor persoa.

Destacados Primeira. Xornada 16

*Monterroso-Pol: Reinou o fútbol directo nun Cerdeiriños cheo de auga. Basi adiantou ao Monterroso pasados os vinte minutos de xogo. Melchor aumentou as diferenzas nesa mesma primeira metade. Foi nun lanzamento de falta directa. Na segunda parte apretou o Pol e tamén fixo o seu gol a balón parado. Obra de Yeray. A cousa quedou aí xa que os de Abad sufriron dúas expulsións e morreu o partido. Nos últimos minutos, o cadro da Ulloa tivo opcións de facer algún gol máis. A anécdota do encontro estivo en que Lautaro só xogou catro minutos para os visitantes. Entrou no minuto 58 e viu o segundo cartón amarelo no 62.

*Sporting Pontenova-Friol: O conxunto de Andrés Bouza volveu caer no mesmo erro. Dominou na primeira metade de principio a fin. Puido golear e non o fixo. Só chegou o balón ao fondo das mallas nunha ocasión. O cadro local deixou con vida a un Friol que trocou a tres xogadores no descanso. Cambiou o guion totalmente na reanudación. Os de Jon Vázquez maniataron aos mariñáns. Catro goles obra de Rafa Casanova e incluso un penalti marrado. A Pontenova morreu matando. Intentando salvar os mobles ata o final porén sen inquietar.

*Xove Lago-Taboada: O conxunto de Martín Murado fixo unha gran posta en escea que obligou aos mariñáns a sacar o mellor de sí. Roi evitou o gol do Xove Lago na primeira metade. E mesmo, nun par de oportunidades na reanudación. Porén o tanto acabou chegando. Foi obra de Máikel nun penalti dubidoso. O Taboada buscou o empate aínda que non terminou de ter achegamentos claros nunha segunda parte con moitas interrupcións. Quizais a ocasión máis clara foi nunha falta de Guerreiro.

*Páramo-Atlético Escairón: O conxunto de Fontal tirou de efectividade na primeira metade. Marchouse ao descanso cunha mínima vantaxe ante un Atlético Escairón que creceu co paso dos minutos. Na segunda parte, a sociedade Totti-Pandiani propiciou a remontada. De feito, o primeiro deles asinou un hat-trick. A falla de dez minutos para o remate, Corbelle meteu ao Páramo de novo no encontro. Porén os do Saviñao anotaron e cuarto e definitivo gol e pecharon o triunfo.

*Burela-Chantada Atlético: O cadro de Fran Regal sobrepúxose ao gran inicio do Burela e dispuxo dun par de oportunidades para adiantarse na primeira metade. Iso sí, o gol non chegou ata a reanudación. Nun auténtico ‘correcalles’ con ocasións para ambos equipos, o Chantada Atlético inaugurou o marcador. O conxunto de Jaime Méndez, con notables baixas nesta xornada, deulle a volta ao tanteador pero non foi quen de deixar os tres puntos na casa. O equipo albivermello sacaba un empate da Marosa nunha boa acción combinativa.

*Chantada-San Ciprián: O conxunto de Juan Rodríguez xa é segundo despois dunha espectacular escalada na clasificación. Un combativo San Ciprián, plagado de baixas, vendeu moi cara a derrota. O Chantada dominou de principio a fin e malgastou multitude de ocasións. Madariaga mostrouse intratable na primeira metade. E só puideron con él na reanudación. Foi unha soa vez, cando Brais aproveitou un pase da morte para deixar a victoria no Sangoñedo.

*Santaballés-Pastoricense: Un erro puntual propiciou que un voluntarioso Pastoricense en cadro se adiantase no marcador antes do cuarto de hora. A partires de aí, o Santaballés fixo moito dano a balón parado e igualou no minuto 45. Na reanudación os de Dani Moirón sairon moi enchufados e déronlle a volta á ‘tortilla’. Non foron capaces de matar o partido a pesares de ter ocasións de tódolos colores. Deixaron con vida aos de Fran Veiga, que arañaron un punto no quinto minuto de desconto ao materializar unha boa xogada colectiva.

*Residencia-Outeiro de Rei: Duelo de poder a poder entre dous dos aspirantes ao ascenso. A Residencia mostrouse mellor con balón na primeira metade e Dani Galán estrelou unha falta na ‘cruceta’. Na reanudación, o Outeiro estivo máis atinado co balón e dispuxo dalgunha oportunidade para poder levar os tres puntos. Iso sí, os afeccionados da Cheda quedaron sen goles.

*Lemos-Riotorto: Emilio regresou once meses despois cunha nova victoria do Lemos na Pinguela. Gran primeira metade dos de Edu Rodríguez, que xa gañaban por 3-0 antes da media hora de xogo. Meritoria vantaxe tendo en conta que tralo primeiro gol, os monfortinos quedaron cun xogador menos. E tamén, que o Riotorto desperdiciou ata dous penaltis. O líder tivo esa pizca de sorte necesaria. Na reanudación, os de Labrada atopáronse cunha defensa moi seria. Aínda así, conseguiron o tanto da honra preto do remate.

Palabra de… Madariaga: “Amiga portería”

Madariaga botando unha man coma xogador. CANTI

Cando os compañeiros de Futbolinlugo me propuxeron colaborar para escribir este pequeno artigo sobre o noso fútbol, dubidei sobre o tema que podería desenvolver. Xa que, a infinidade de detalles, historias e anécdotas que implican ser un xogador amateur durante todos estes anos son infinitas.

Decidín pois, deixarme levar pola lóxica e comezar polo principio. E foi entón cando, recordando o comezo, apareceu o elemento que me acompañou durante todos estes anos, a portería, a miña amiga portería. E é que, sen porterías non hai fútbol, xa sexa na praia cando a marcamos con dous montóns de area ou na praza con dúas pedras… No meu caso, a portería do Municipal da Veiga, alí foi onde comezou todo.

Alí foi onde, aconsellado por Román, adestrador do equipo infantil do C.D. San Ciprián por aquel entón, comecei a adestrar como porteiro sen saber aínda todo o que iso significaba. Neses inicios nin sequera tiña guantes para adestrar. Recordo nos días de chuvia as mans cheas de barro e os dedos entumecidos, a roupa mollada que facía que o peso que tiñas que desprazar se multiplicara. O caso foi que me gustou, sen haber un motivo claro.

Aqueles anos nos que comezaba a ser porteiro coincidiron coa explosión do fenómeno Íker Casillas no Real Madrid. Creo que todos os porteiros da miña xeración que empezabamos na portería por aquel entón, a principios do 2.000, ou queríamos ser como Íker ou o tiñamos como gran referente de que se podía ser porteiro e ser importante nun equipo. Facendo paradas espectaculares e decidindo partidos desde a portería.

O problema foi constatar que as tarefas dun porteiro do noso fútbol non se transmiten a través da televisión. No meu caso, fun afortunado de pasar un ano da miña etapa xuvenil na Sociedade Deportiva Cervo – Sargadelos. Naquela tempada competiría co equipo xuvenil na liga comarcal pero tamén adestraría e acompañaría o primeiro equipo que por aquel entón competía en Segunda Rexional. Alí foi onde comecei a entender o que significaba ser o porteiro dun equipo do noso fútbol, grazas o adestrador Jaime Pérez e o porteiro do equipo, Ratoeira.

Os sábados xogaba co equipo xuvenil e todos os domingos asistía desde o banco de suplentes a un exemplo en vivo do que significaba ser o porteiro dun equipo: ordenar a defensa, estar ben colocado, saír nos corners e estratexias rivais… Non había moitas paradas espectaculares como as de Casillas pero todas esas pequenas cousas que facía “Rato” eran importantísimas para o

Despois está claro que o importante é xogar e poder levar a cabo en partido todas estas premisas. Teño que agradecer a paciencia e confianza dos meus compañeiros do Cervo cando comezaba a competir en Segunda e Primeira Rexional e facía algunha das miñas. Sobre todo a dos máis veteranos daquela: Félix, Marcos Reimunde, Trigo… Os defensas son os que mais “sofren” as experimentacións dun porteiro no seu proceso de aprendizaxe. Tamén os meus adestradores Abel Eijo e Ibán Gayol.

Todas estas vivencias permitíronme de volta ao C.D. San Ciprian visitar porterías como as de Catro Ventos en Cazás ou as do Ventiño de Goiriz, daquela en Terceira Rexional. Coñecer outras “Veigas” en Meira e en Riotorto, sen esquecerme nunca da miña portería por onde agora pasan equipos sobranceiros do noso fútbol como o Club Lemos ou a S.D. Chantada.

A soidade do porteiro. UXÍA TREITAS

Percorrer pois o camiño desde formar o equipo na Terceira Rexional ata competir todos os domingos en Primeira desde fai xa cinco anos. Neste camiño ademais de ter compañeiros excepcionais que xa non están no equipo como Poceiro e Carra, outros que seguen como Borja Mella, Antón, Carlos, Óscar Blanco, Dani Sante, Fabián…. Destaca o binomio Chusky e Villy. Sen eles dous e o seu traballo desinteresado, estou seguro que a portería da Veiga probablemente ficaría soa e triste, sen equipo que a defendera. E é que sen porterías non hai fútbol, pero sen todas esas persoas que nos acompañan no camiño todos os domingos tampouco.

 

Javier Pérez Madariaga. Porteiro do San Ciprián e amante do noso fútbol.

Destacados Primeira. Xornada 15

*Pastoricense-Burela: Encontro para o espectador, no que o Burela deixou escapar a victoria. Os mariñáns adiantáronse nunha primeira metade con múltiples ocasións para ambos equipos. Os de Jaime Méndez fixeron o segundo ao comezo da reanudación e o Pastoricense reaccionou. Os de Fran Veiga recurtaron diferenzas nun saque de esquina e empataron no desconto, en inferioridade numérica.

*Chantada Atlético-Xove Lago: Máis aire para un Xove Lago que logrou o seu primeiro triunfo a domicilio. Segunda victoria consecutiva dos de José Manuel despois dun encontro igualado ante un rival directo. O Xove mandou na primeira metade e adiantouse cun tanto de Juanjo Coello. Na reanudación cambiou o decorado. Saúl Linares empatou e os locais marraron oportunidades para tumbar ao seu rival. Os mariñáns aproveitaron a ‘vida extra’ e Diego Chao, cun doblete, certificou o triunfo do Xove Lago.

*Riotorto-Friol: Duelo non apto para cardíacos e no que se rexistraron ata catro penas máximas. O Friol abriu a lata nun penalti sobre Rafa Casanova, que transformou o propio xogador. Pablo Ruiz empatou dende os once metros na última xogada da primeira metade. No descanso, cambios obligados de Rafa Casanova e Pájaro para que puidesen adestrar aos seus respectivos conxuntos. A segunda metade arrancou cun novo penalti, materializado por Felipe Varela para os locais. Adrián perdonou o empate de penalti e foi Marcos o que firmou o definitivo 2-2 en boca de gol. Os últimos minutos foron de infarto, a tumba aberta. Ocasións para ambos e un gol anulado a cada equipo por fóra de xogo. A mala noticia do partido foi a lesión de Juanmi no tabique nasal. O meta dos mariñáns xa foi operado satisfactoriamente.

*Taboada-Lemos: O conxunto de Martín Murado sumou un valioso punto ante o líder no Castro Seoane de Antas. O Taboada fíxose forte a balón parado ante un Lemos que se puido adiantar na primeira metade. Na reanudación, os monfortinos desperdiciaron ata tres oportunidades a pracer. Castañer foi expulsado no tramo final e os da Medela confiaron máis que nunca en sí mesmos. Meteron atrás aos de Edu Rodríguez e Moski tivo unha magnífica ocasión para firmar a victoria. Arturo gañoulle a partida e o ‘resultado gafas’ mantívose.

*Pol-Chantada: O conxunto de Juan Rodríguez xa está aí, en plena pelexa pola zona de ascenso. Adiantáronse pronto os do Sangoñedo ante un Pol que asumiu a iniciativa. Ferre sostivo a vantaxe do Chantada na primeira metade e os visitantes melloraron tralo descanso. O equipo da Vila do Asma puxo o 0-2 ao comezo da segunda parte e mesmo se permitiu o luxo de errar un penalti. Aínda así, quedou tempo para ver unha nova boa parada de Ferre.

*Atlético Escairón-Monterroso: Emoción no Saviñao nun duelo no que se asubiaron ata tres penas máximas. O Atlético Escairon tivo máis balón e marcou dous goles a balón parado no primeiro tempo. Na reanudación, o Monterroso firmou a machada e remontou na media hora final, chegándose a poñer 2-3. O último gol dos de Cerdeiriños chegou nun penalti de Barrio. Porén, aínda houbo tempo para un tanto máis de Asier. No desconto, e tamén dende os once metros. O que lle permitiu aos de Eskalza salvar un punto ao límite.

*Sporting Pontenova-Páramo: Gran posta en escena da Pontenova que non tivo premio. O Páramo cortou a súa mala xeira cunha remontada ao grande. Borja Rasilla empatou o tanto inicial dos locais xusto antes do descanso. E na segunda metade, quizais se viu a mellor imaxe dos das Rapadas nesta tempada. Dieguito e Robertito explotaron ambas bandas e así foron chegando os goles, obra dos dous irmáns. Todo isto en vinte minutos. Despois perdeuse ritmo cos cambios.

*San Ciprián-Residencia: Choque de poder a poder no que a Residencia asumiu a iniciativa. Foi o San Ciprián o que abriu a lata, cun penalti transformado por Borja Mella. Os capitalinos empataron nun tiro lonxano. Nunha falta lateral, na última xogada do primeiro tempo, fixo Dani Sante o 2-1. Adrián volveu igualar do mesmo xeito, nunha falta lateral, nada máis comezar a segunda metade. O final resultou trepidante. Os de Álvaro Meilán reclamaron un penalti e os mariñáns viron como o colexiado lles anulaba un tanto por fóra de xogo na última acción do encontro.

*Outeiro de Rei-Santaballés: O duelo entre aspirantes saldouse cunha victoria pola mínima para o Outeiro. Os de Cholas colócanse na segunda posición. A primeira metade resultou nivelada. Pereira tivo as mellores dos locais e o colexiado anulou un gol a Diego Seijas. Os chairegos xeraron perigo á contra. Na reanudación, o Outeiro fíxose coa posesión e Álvaro marcou o único tanto do encontro. O gol sacou todo o orgullo do Santaballés, que a base de fútbol directo encerrou ao seu rival en campo propio. Os de Moirón dispuxeron de varias oportunidades claras de gol porén os puntos quedaron no Municipal.