#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Racing Vilalbés e CD Lugo B, derbi cunha praza no play off en xogo

Xa non vai máis. A Terceira RFEF chega ao seu fin e faino con moito en xogo para dous dos tres conxuntos lucenses. Co Viveiro xa salvado, Racing Vilalbés e CD Lugo B enfróntanse o domingo ás 18 horas na Madalena nun derbi, que promete ser trepidante, xa que un dos dous equipos pode rematar clasificado para a promoción de ascenso a Segunda RFEF. Impartirá xustiza Óscar Martínez, veterán colexiado do comité santiagués que dirixirá o seu derradeiro encontro en categoría nacional.

A falta da disputa da derradeira xornada así está a clasificación na Terceira RFEF:

  1. Arousa: 67 puntos.
  2. Compostela: 65 puntos.
  3. Atlético Arteixo: 57 puntos.
  4. Estradense: 50 puntos.
  5. Somozas: 50 puntos.
  6. Boiro: 50 puntos.
  7. Racing Vilalbés: 49 puntos.
  8. CD Lugo B: 48puntos.
  9. Gran Peña: 48 puntos.

Arousa e Compostela xogaranse o liderado, Arteixo será terceiro, e desde o cuarto ata o noveno posto están en xogo dúas prazas no play off de ascenso. Serán de Estradense e Somozas se son quen de sacar adiante os seus encontros. Os primeiros, co ribadense Dani Pedrosa nas súas filas, mídense na casa ao Barco, conxunto que non pon nada en xogo, mentres que os segundos, que contan cos viveirenses Aldán e Lucas Fanego, enfróntanse noutro choque directo co Boiro.

As derrotas diante de Silva e Gran Peña, nas dúas últimas xornadas, impediron que o Racing Vilalbés chegue a este encontro decisivo dependendo de si mesmo. Os chairegos deben gañar no derbi e agardar acontecementos. As contas son sinxelas para os de Juan Rodríguez. Xogarán play off si logran os tres puntos e o partido entre Somozas e Boiro remata en empate. Se sae un gañadore deste encontro, sería preciso que o Estradense non gañara. Calquer empate a puntos perxudicaría ao Racing Vilalbés.

O CD Lugo B chega sen coñecer a derrota nos últimos cinco partidos. As contas do filial albivermello son semellantes ás do Racing Vilalbés. Para ser equipo de play off deben sacar adiante o seu partido na Madalena, e agardar os resultados dos rivais, pero os de Dani Galán teñen o golaverage favorable co Estradense e o Boiro. Polo tanto, o Lugo B xogaría a promoción de ascenso se gaña e o Estradense non o fai. Un hipotético cuádruple empate a 51 puntos entre Estradense, Somozas, Boiro e Lugo B beneficiaría aos lucenses, que acadarían praza no play off.

O último enfrontamento entre Racing Vilalbés e Polvorín na Madalena tivo lugar o 12 de xaneiro de 2025, e rematou con triunfo local cun solitario tanto de Borja Míguez.

Falamos na previa con Álex Santomé e Candal, os dous gardametas, que ben seguro serán decisivos no derbi.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

Álex Santomé (Racing Vilalbés)

Dúas derrotas que complican a promoción. «Chegamos á última xornada con opcións, e iso para nós xa é moi positivo. Fai moitas xornadas que acadamos a permanencia, que era o gran obxectivo do club, polo que agora buscaremos darlle unha alegría á afección cunha vitoria na derradeira xornada. Ogallá o logremos e se den os resultados para xogar o play off, pero para nós a temporada xa é magnífica. Entrar entre os cinco primeiros xa sería poñerlle un broche de ouro«.

O encontro co CD Lugo B. «Os filiais son equipos con moito ritmo e pouca experiencia. E no caso do CD Lugo non é unha excepción. Teñen futbolistas cunha calidade individual sobresaínte e que xa están xogando no primeiro equipo, como é o cado de Aday, titular en Primeira RFEF fronte ao Mérida. Debemos aproveitar a nosa experiencia e suplir esa vitalidade coa nosa solidadariedade e coa nosa forma de traballo para poder sumar os tres puntos. Precisamos que a afección empurre e sexa o noso xogador número doce«.

A canteira, protagonista. «Creo que a temporada do Racing é fantástica. O club deulle moita importancia á canteira e moitos rapaces da base contaron con moitos minutos e de calidade nesta campaña. Nesta categoría, salvo un filial, creo que non hai ningún equipo que aposte pola canteira como o facemos en Vilalba, e non só de palabra senon con feitos. Estar na derradeira xornada con opcións de play off con esta estructura de club é un exitazo, polo que a esta temporada daríalle unha nota moi alta«.

Candal (CD Lugo B)

O equipo. «A verdade é que chegamos nun gran momento, tanto defensiva como ofensivamente. Estamos a realizar un gran xogo e iso estase vendo reflectido nos últimos encontros. As nosas opcións pasan por xogar o noso fútbol independentemente de cal sexa a situación clasificatoria, e mentras disfrutamos da oportunidade que temos«.

Xogar o play off. «Suporía unha oportunidade de medrar para cada un de nós, xa que, estariamos a xogar partidos en situacións complexas, onde hai que controlar moitas variables do partido, e ben seguro que a presión do público. Asimesmo tamén nos ofrecería a posibilidade de amosar o equipo que somos, e sobre todo, o equipo no que nos convertemos ao longo da temporada«.

A temporada. «Foi moi boa. Como todos os equipos, pasamos por momentos mellores e peores, pero co paso do partidos puido verse un crecemento en todos os ámbitos que é remarcable«.

A AXENDA

Terceira RFEF

Viveiro – Compostela (Domingo ás 18 horas en Cantarrana): xornada festiva para o Viveiro logo de conquerir a permanencia de xeito matemático. Malia todo quererá desdedir a temporada cun triunfo diante dun Compostela que se xoga o ascenso directo.

Primeira Futgal

Residencia – Taboada (Domingo ás 18 horas na Cheda): trascendental partido na penúltima xornada da Primeira. Os locais precisan vencer para chegar á última xornada en praza de promoción, mentres que os visitantes queren a vitoria para saír dos postos de descenso.

Foz – Lourenzá (Domingo ás 17:30 horas no Martínez Otero): cos locais salvados, o Lourenzá pon en xogo boa parte das súas opcións de permanencia. Logo dunha boa xeira de resultados, os de Rubén Acebedo queren afrontar a última xornada fóra dos postos de descenso.

Castro – Ribadeo (Domingo ás 16 horas no Arturo Pereiro): a mala xeira dos locais propiciou que non teñan acadada a permanencia, polo que precisan sumar diante dun Ribadeo que quere asaltar a terceira praza antes de recibir no Pepe Barrera á Residencia.

Terceira Futgal – Eliminatorias de volta polo ascenso

Muimenta – Abadín (Domingo ás 17 horas no Pichón): o Abadín chega cunha vantaxe mínima da ida que tratará de defender no feudo dun Muimenta que quere retornar á Segunda Futgal na súa primeira tentativa.

Incio – Piringalla (Domingo ás 18 horas no Carboeiro): logo dun encontro de ida sen goles e no que a Piringalla puxo as ocasións, o conxunto local tratará de facerse forte como local para retornar á Segunda. Promete fortes emocións.

Foto de portada: Mundito Carballo Durán.

Racing Vilalbés e CD Lugo B, derbi cunha praza no play off en xogo

A Copa Deputación en imaxes: Ferreira –

Racing Vilalbés e CD Lugo B, derbi cunha praza no play off en xogo

Racing Vilalbés e CD Lugo B, derbi