#Con F de Futbolista #Feminino #Fútbol afeccionado

Xornada gris para CD Lugo e PM Friol e os seus filiais

  • O CD Lugo non pasou do empate ante o CD Parquesol na Cheda
  • Na súa visita a León, o PM Friol sufriu a primeira derrota da tempada
  • Os filiais de ambos equipos seguiron a súa mesma sorte
  • Na Segunta Futgal, a SD Antas gaña o derbi ante a SD Chantada
  • A Terceira Futgal por fin ten calendario

Unha vez máis, a falta de acerto nas finalizacións penaliza ó CD Lugo. As albivermellas, ó non ser quen de pórse diante do marcador aínda que o seu dominio era claro, foron entrando nun estado de ansiedade.

As présas nunca son boas, e a precipitación das xogadoras de Joaquín condenounas a non ter un resultado folgado e cunha vantaxe cómoda e segura tralo gol en propia meta do Parquesol que adiantara ás luguesas.

Once titular do CD Lugo no partido ante o Parquesol. Foto: Carlos Esteban

O bo xogo do Lugo non tivo recompensa e colócanse, tras colleitar nesta xornada un único punto, na novena praza da táboa con 4 puntos.

Primeira derrota para o pm friol

Porén, a inquedanza das xogadoras do CD Lugo por anotar outro gol rematou saíndo cara. No minuto 71′ as luguesas botaban un córner a favor que, tras un despiste do cadro local, as valisoletanas aproveitaron para armar unha contra na que Rosat remataría poñendo o gol do definitivo empate.



As xogadoras dirixidas por Alejandra Fernández firmaron a primeira derrota da tempada a domicilio ante o Olímpico de León.

O cadro leonés foi claramente superior ó conxunto friolés. Así e todo, o PM Friol tivo varias ocasións claras para anotar na primeira parte, con mans a mans ante Natalia Fernández, a porteira leonesa, á cal non foron capaces de bater.

Porén, a efectividade das do Olímpico era moito maior. Xa no minuto 15′ do encontro, despois dun saque de banda as xogadoras locais sacaron un centro dende o lateral que rematou Fariza na área pequena para abrir o marcador (1-0).



Unha vez máis, o conxunto friolés acusaba a falta de organización á hora de manter as liñas do equipo. A adaptación das 13 fichaxes feitas polo equipo ‘perruqueiro’ está a custar nestos primeiros compases da tempada.

Xa na segunda parte a posesión e dominio seguía a ser leonés. Deste xeito, no minuto 71′ chegaría o segundo gol. Un disparo potente e ben colocado preto da escuadra de Ángela Lozano, ex-xogadora friolesa, condenou ó PM Friol, que sufriu a coñecida ‘maldición das ex-‘.

A próxima xornada as friolesas agardan a visita do recén creado equipo celtista, ‘As Celtas‘, que polo momento situánse en primeiro posto empatadas a puntos co Olímpico León. O equipo celeste conta cun conxunto de xogadoras de moita calidade.

O PM Friol b tamén caeu ante a ud carral

O filial friolés seguiu unha sorte semellante á do primeiro equipo.

As xogadoras dirixidas por Quiroga sabían da perigosidade do equipo ó que se enfrontaban, moi dinámico, cunhas transicións moi rápidas e unha colocación defensiva moi coidada e áxil. Unha experiencia contra a cal un equipo tan novo como o das friolesas aínda sufre para competir.



Aínda así, as amarelas tiveron momentos de bo xogo, máis tranquilas co balón. Foi entón cando foron quen de atopar a Sofía entre liñas e tratar de facer dano ás carralesas.

Despois de sufrir o primeiro gol en contra, xa nos primeiros lances do partido (no min. 7′), as friolesas tiveron dúas ocasións moi claras para tentar de empatar o encontro. A porteira do Carral emerxeu nese momento como salvadora para evitar o empate xa sobre a liña de gol en dúas ocasións case consecutivas. Dúas oportunidades claras que, cun chisco máis de sorte, terían posto por diante ó Friol.

Porén, no minuto 35′ o que chegou foi o segundo tanto da UD Carral tras unha indecisión entre a porteira friolesa e as defensas.

PM Frol B
Aliñación do PM Friol B. Cedida

Xa na segunda parte, pouco despois da volta dos vestiarios (min. 49′) as carralesas anotaron o 3-0 polo que deixaron o partido prácticamente sentenciado.

Aínda que o filial friolés non sumou puntos nas dúas xornadas que levamos de liga, o corpo técnico chama á calma. «Somos un equipo de xogadoras moi novas, que aínda teñen que coñecerse e rodar como equipo. Confiamos en que os resultados chegarán» sinala Quiroga.

O CD Lugo b colleita un punto en culleredo

Tamén emulando o resultado do primeiro equipo, o filial lugués firmaba un empate ante a UD Juvenil Almeiras na súa visita a ós Loureiros.

Normalmente os empates non contentan a ninguén, pero quizabes foi o resultado máis xusto para un partido coma este, atascado de inicio a fin.

As luguesas tampouco gozaron de sorte de cara a porta. Aínda que as albivermellas tiveron catro ocasións moi claras para levarse o partido, non foron quen de materializalas en goles que subiran ó luminoso.

Os goles de ambos conxuntos chegaron ó final do encontro. A UD Juvenil Almeiras adiantouse no marcador no minuto 79′ por medio de Marta López. Xa no desconto (91′), Ánxela, que entrara dende o banco tralo paso por vestiarios, poría o gol definitivo. Con este empate, as luguesas sitúanse na décima posición da táboa.

Como filial que son, o equipo segue co «proceso formativo, collendo pouco a pouco máis confianza de cara ó que resta de tempada. Precisamos minutos para rodarnos», aseguraba Bargados.

Unha das mellores xogadoras albivermellas no encontro, Nayra López, tivo que abandoar o terreo de xogo tras recibir un forte golpe na perna.

O derbi entre a sd antas e a sd chantada quedou en terras seoanesas

Un derbi entre a SD Antas e a SD Chantada sempre ten o seu aquel.

Once titular da SD Antas no derbi. Foto cedida

As celestes xogaban no Castro Seoane e fixérono valer, se ben as xogadoras chantadesas contaron tamén con momentos de bo xogo grazas á súa solidez defensiva, que amosaron dende o primeiro intre.

Así, foi á SD Antas á que lle tocou levar a iniciativa do ataque, o que propiciou dúas ocasións de Tamara que, coa intensa e boa colocación das chantadesas en defensas, provocaba que as seoanesas estiveran moi incómodas.

O primeiro gol do encontro cheou a través dunha xogada elaborada da SD Antas que saía en primeiro lugar das botas de Maite, que coa súa enorme calidade emprendía unha xogada para que Jenny recibira en banda e, tras deixar atrás á súa marca, anotara no 35′.

A segunda parte presentouse cunha dinámica semellante á anterior. A SD Chantada continuaba ben colocada en defensa e intentando buscar o empate con contras rápidas, mentres que a SD Antas levaba a iniciativa do ataque. As xogadoras de Nieves amosaron unha maior concentración, conectando pases rasos que lles permitían intentar facer o seu xogo.

Once titular da SD Chantada no derbi. Foto cedida

As locais, apostando por un xogo máis aéreo complicaban a defensa da SD Chantada e as súas oportunidades de saír ó ataque. Así, as de Dani Abelairas tiveron unha ocasión clara por medio de Elisa, que enviou un balón ó pau tras recibir un bo pase de Jenny. O segundo e definitivo gol do encontro chegou nos últimos suspiros do partido. No min. 85′ María Pérez sentenciou o encontro para darlle a vitoria no derbi á SD Antas.

Agora si, comeza terceira futgal

Tal e como vos adiantabamos neste medio o pasado mércores, o comezo ligueiro da Terceira adiouse finalmente unha semana máis.

Agora si temos calendario. Estes son os enfrontamentos dos equipos lucenses na xornada inagural:

  • SD San Lázaro – SCD Milagrosa
  • SD Cruces – SG Comercial
  • Monte Forte – Trazo CF
  • UD Santiso FC – Carballedo FC

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *