#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Xoán e Eladio, protagonistas goleadores na xornada da Segunda

A xornada da Segunda Rexional estivo marcada por unha finde con moitos goles nalgúns campos. Dez houbo na Fonte e sete nos Chacotes. A excepción do Páramo – Corgo, o resto de partidos puidéronse xogar con normalidade. Cabreiros, Meira, Becerreá e Ferreira seguen na cabeza.

Na zona norte, grupo 1A, o Cabreiros enlazou o terceiro empate consecutivo. Igualou a un gol no derbi ante o Xermade. O equipo preparado por Abel Rochela mantén marxe na táboa xa que o Celta Barreiros perdeu. O cadro do Cascabeiro caeu derrotado pola mínima ante un rival directo, o Sanci. Vitoria de peso dos pupilos de Jaime Méndez que remataron o partido con nove.

O Roupar estreouse no 2022 (ten dous partidos aprazados) con vitoria ante o Iberia. O conxunto verde conseguiu o segundo triunfo do curso cun gol de penalti de Sebas. Os de San Miguel afrontaron o partido con baixas, principalmente na punta do ataque onde non estiveron nin Balbón, nin Barrera nin Joni.

Esta situación aproveitouna a Candelaria para non perder esperanzas de chegar ao cuarto posto. Venceu ao Mondoñedo e colócase a catro puntos do Iberia cun partido pendente de xogar.



Na zona norte, grupo 2A, o Meira continúa ao seu. Recuperouse da derrota en Guitiriz cun triunfo na Lomba. Lourido marcou o seu terceiro gol en catro titularidades. Iso si, o Matela presentou batalla. O encontro decidiuse no último cuarto de hora cando o equipo de Outeiro xa xogaba cun menos pola expulsión de Joni.

O duelo trepidante de goles viviviuse na Fonte. Sete marcou o Cospeito e tres o Guitiriz. E iso non foi todo para o cadro local que mandou dous balóns ao pau e fallou dous man a man. Luciuse Xoán, autor de catro goles.

O Cospeito está a dez puntos do Meira cun partido menos e empatado co Goiriz que ten un partido máis. O conxunto vilalbés venceu con claridade no resultado na Fonsagrada. Eladio marcou os tres goles do encontro. Non obstante, o gardamallas Marcos tamén foi dos destacados con grandes intervencións de mérito ante a ofensiva local.



O Abadín e o Muimenta empataron a dous goles no Municipal. O resultado permítelle aos celestes seguir na pelexa polos postos de privilexio. Por outra banda, o Abadín sobe a moral pero ve como se afastan os equipos de diante.

Eladio marcou tres goles na Fonsagrada

Na zona sur, grupo 2A, o Becerreá venceu de novo para sumar a novena vitoria da tempada. Derrotou ao Santa Comba e completou unha semana de seis puntos ao vencerlle o mércores anterior ao Paradela.

Dez puntos o separan do Páramo (non xogou) e do Paradela (igualou ante a Mila). Os de Rubén Bergantiños comezaron peor pero repuxéronse no segundo tempo.

A zona media da táboa apértase e o Palas quere sumarse á festa. Nunha tempada na que os resultados a favor non terminan de darse, salienta o contundente triunfo ante o Sporting Lucense. Unha vitoria con sete goles liderada por Chorén.

Na zona sur, grupo 2B, o Ferreira cortou a súa xeira de vitorias pero sumou un punto ante o Brollón. Sitúase tres puntos por riba dun forte Río Sil que venceu ao Quiroga. Apúntase á pelexa o Oural que gañou no seu primeiro encontro do ano ante o Bóveda. Queda a catro puntos do líder, cun encontro máis pendente de xogar.

Era tamén o primeiro partido do 2022 para o Chantada B que perdeu ante o Incio. O cadro amarelo fíxose cos tres puntos no tramo final e non perde a esperanza de loitar por entrar na zona de privilexio. Valenzuela foi autor dun dobrete para os seus.

Xoán e Eladio, protagonistas goleadores na xornada da Segunda

Lemos B, dobrete de Álex e liderado

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *