Cadra xa volve marcar. O central do Racing Villabés B regresou nas últimas xornadas ao equipo tras un longo tempo parado por lesión. Cadra marcou o gol do triunfo do seus en San Ciprián. Todo nunha xornada da Segunda na que o Roupar salvou unha situación crítica cun triunfo en Abadín. Pola súa banda, o Friol viu como lle suspendían outro partido por mor do tempo. O segundo en tres semanas. Pero xa ten datas para xogalos. O próximo martes co Oural e en Xoves Santo co Incio.
22 xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’:
- Equipos que máis gañaron: Pastoricense e Iberia (16 vitorias)
- Equipos que menos perderon: Pastoricense (dous partidos)
- Equipo que máis puntuou: Pastoricense (52 pts.)
- Equipo que máis goles marcou: Oural (59 goles)
- Equipos que menos goles encaixaron: Iberia (16 goles)
- O rei do empate: Xermade (11)
- Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (20 goles)
- Tendo en conta as tres últimas xornadas…
- Na boa xeira: Iberia, Racing B, Oural, Becerreá, Antas e Chantada B (dúas vitorias e un empate)
- Futbolistas na mellor xeira goleadora: Borja Mella do San Ciprián e Sergio Pollo do Quiroga (4 goles)
- Equipos menos goleados: O Mondoñedo e o Racing B (un gol)
- *Non participan no reconto referido aos partidos ao estar pendentes de xogar: Friol (dous), Oural (un) e Incio (un)
O Pastoricense sufriu, pero venceu no derbi co Muimenta
O conxunto do Acebreiro saíu vitorioso na casa no duelo de proximidade co Muimenta (3-2). O triunfo permítelle seguir no primeiro posto e volve ao camiño da vitoria logo da segunda derrota do curso. Conta cun punto de vantaxe sobre o Iberia e tres sobre o Racing B.
Pola súa parte, o Muimenta continúa fóra do descenso directo pero empatado a puntos co Mondoñedo, que tampouco sumou nesta xornada. En canto a resultados, o cadro celeste viu cortada a súa boxa xeira de catro partidos puntuando.
No partido non saíu ben o Pastoricense. No quecemento xa tiveron a mala nova de non poder contar con Manu Penedo; non puido saír de inicio ao notar molestias. Ao cuarto de hora, púxose por diante o Muimenta. Jesús aproveitou un erro defensivo local e marcou gol. Foron de menos a máis os locais. Tras unha acción a balón parado, Kanu igualou. Os celestes aínda reclamaron un penalti que o árbitro considerou que a falta fóra da área.


No segundo tempo, ao comezar, anuláronlle un gol a Jairo do Muimenta. O colexiado entendeu fóra de xogo. Na seguinte xogada, anotou o Pastoricense cun remate de Iaguito de cabeza na área pequena. Viñéronse abaixo os visitantes. Os locais tiveron a posesión do balón. Borja marcou o terceiro cun remate na área grande. Co 3-1, nun córner, o conxunto celeste anotou o segundo. Fran Regueiro lanzou e Carlos non deu evitado o tanto olímpico. O Muimenta apertou ao final principalmente co balón parado.

O Iberia, 22 puntos de 24 posibles en 2024
O equipo de San Miguel de Reinante derrotou ao Cabreiros (1-2). O Iberia tenlle a medida tomada ao cadro xermadés. Gañoulle na Copa e na liga. Son os dous únicos partidos que o Cabreiros perdeu dende a chegada do técnico Isaac Rouco.

Co resultado, o Iberia segue a un punto do líder. Mantén a boa xeira de oito partidos sen perder na competición doméstica: sete vitorias e un empate. O Cabreiros queda asentado na zona media da táboa (8º), pero a once do play off e sen riscos inminentes pola zona baixa.
Tivo ocasións o Iberia, pero quen se puxo por diante foi o Cabreiros cun gran gol do central Totti. O tanto fíxolle dano aos visitantes que si reaccionaron no segundo acto. Borja empatou a saída dun córner. Barrera marcou o segundo de penalti na recta final. Aínda así, Alonso luciuse cunha boa parada nunha última ocasión local.
O peor para o Iberia foron as lesións. Principalmente a de Carlos e Franchi, aínda que Pisco e Pernas tamén marcharon con molesitas.
O Racing B marca distancias co Sanci cun gol de Cadra
O filial racinguista conseguiu vencer na Veiga ao San Ciprián (0-1). Os tres puntos permítenlle o cadro preparado por Iván Lamas seguir a dous do Iberia e a tres do Pastoricense. Ademais de aumentar a distancia co seu rival en nove puntos.
Este partido veu a confirmar a tendencia máis habitual de toda a temporada. Pastoricense, Iberia e Racing B mantiveron ata o momento un mellor nivel de puntuación con respecto ao resto de equipos do grupo.

O Sanci queda con 40 puntos. Dous máis que o Folgueiro e oito sobre un Xermade que será o próximo rival na Veiga (o finde do 23 de marzo).
Gabri e Alfredo tiveron as primeiras oportunidades de gol para o Racing B. Nun balón parado, Cadra aproveitou un rexeite e marcou de cabeza. Alfredo e Samu puideron ampliar vantaxe. Os locais quedaron cun futbolista menos antes do descanso.
É o primeiro gol que marca Cadra este curso no que estivo moito tempo sen poder xogar. O central gozara duns bos números o curso pasado. Anotara seis tantos entre Liga e Copa. Na Copa chegara a marcar tres de penalti nun mesmo partido.
No segundo tempo, os locais trataron de practicar un fútbol directo buscando ao seu dianteiro Borja Mella. Xeraron acercamentos polas bandas, pero costoulles na definición. O Racing B chegou tamén a área rival e tivo algunha ocasión para sentenciar, que non acertaron.
O Folgueiro salvagarda a 5ª praza
Esta xornada houbo duelo directo polo 5º posto. O Folgueiro gañoulle ao Sporting Pontenova (3-2). O conxunto adestrado por Manuel Vicente volveu gañar dúas xornadas despois, manteñen a distancia de seis puntos co Xermade e deixan xa moi afastado da loita ao Sp. Pontenova (7º a once puntos).
O Sporting Pontenova comezou moi ben. Púxose 0-2 no Anexo de Xove. Marcou dous tantos a recén fichaxe Óscar, que xa fora protagonista na xornada pasada. O Folgueiro comezou a mellorar e xerou ocasións. Anotou un gol por medio de Sergi. Tamén os visitantes puideron ampliar vantaxe no primeiro tempo.
Con todo, no segundo acto o Folgueiro logrou remontar o resultado. Oki marcou un dobrete. Primeiro de penalti e despois cun lanzamento de falta. Na recta final houbo ocasións para ambos lados.
O Xermade non renuncia á pelexa final
O club xermadés foi o único dos equipos que estaban preto do 5º posto que gañou. Venceu á Comercial (0-2). Agora mesmo, case se podería dicir que é o único con capacidade para intentar entrar nos postos de promoción de ascenso. Está a seis puntos do Folgueiro e a oito do Sanci. Corta unha xeira de catro partidos sen gañar.
Xerou máis perigo o Xermade na primeira metade. Vila e Andy tiveron as mellores ocasións. Non foi ata o segundo tempo, cando os pupilos preparados por Borja Bouza se puxeron por diante. Andy marcou de penalti.
Inquedaron algo a meta rival os locais, pero en xeral o Xermade controlou o partido e foi máis efectivo. Fixo o segundo por medio de Pedro que definiu enviando o balón por riba do porteiro dende fóra da área.
Este foi o último encontro de Andrés Rodríguez dirixindo á Comercial. O preparador lucense pasa a formar parte do corpo técnico do CD Castro. É o segundo adestrador de Fernando Corredoira. Andrés pon fin a unha etapa de dous anos e medio no corpo técnico da Comercial. Nese tempo o club logrou un ascenso á Segunda e unha permanencia nesta categoría.
A Comercial é 10ª con 25 puntos. Necesitará sumar máis para asegurar a pemanencia. Conta con sete de marxe co descenso directo e catro equipos polo medio. Leva tres derrotas seguidas.
A regularidade no Municipal dálle estabilidade ao Alfoz
O conxunto alfocense derrotou pola mínima ao Mondoñedo (1-0). Acumula 27 puntos e continúa asentado na zona media (9º). Ten nove puntos máis ca o descenso directo que marca o seu rival da pasada fin de semana. Só perdeu dous partidos en 2024. En toda a temporada, só a Candelaria e o Racing B foron capaces de gañar no Municipal.
Pola súa parte, o Mondoñedo cortou a súa boa dinámica de dous triunfos seguidos. Continúa en descenso directo, pero empatado co Muimenta e a un punto do Abadín.
Foi un encontro moi desputado. O Alfoz valeuse de novo do balón parado para marcar o gol. Un bo golpeo de Pablo Río para o remate de Liz.
No segundo tempo, o Mondoñedo tivo algunha opción de marcar, pero sen acerto. Os pupilos preparados por Isra pediron gol nunha ocasión onde o colexiado entendeu que o balón non soprepasara a liña de gol.
Un punto que non evita o perigo
O Cospeito e a Candelaria igualaron (1-1) nun duelo directo por non pasar apuros. O cadro cospeités queda con dous puntos máis ca o seu rival na clasificación, seis con respecto ao descenso directo. O máis preocupante para os pupilos adestrados por Luis Romay é que levan dez xornadas sen gañar.
Púxose moi rápido por diante a Candelaria nunha transición que culminou con gol Rocky. Comezou a xerar oportunidades o Cospeito na busca do empate. A metade da primeira parte os visitantes quedaron cun menos por expulsión de Bruno.
O encontro loxicamente cambiou. A Candelaria tratou de defender o resultado. Os locais volcáronse ao ataque principalmente no segundo tempo, pero tan só foron capaces de empatar por medio de Álex Cabado. O lateral esquerdo de Árbol mantén un idilio co cadro da Rúa. A pesar de ser defensor, xa marcara tamén no encontro da primeira volta.
O Roupar aproveitou a última oportunidade
A semana pasada falabamos de que o partido en Abadín para o Roupar podía ser a súa última opción de ter posibilidades claras de salvación. Venceu (0-3) e volta a estar na pelexa. Queda a tres do Mondoñedo e do Muimenta e a catro do Abadín. Ademais ten o gol average ao seu favor co conxunto abadinense.
A primeira metade foi igualada. Xogo directo por mor do mal estado do terreo de xogo e sen moitas ocasións para ningún dos equipos. O Roupar marcou nun momento clave, xusto antes do descanso.
No segundo tempo, o conxunto verde xerou máis ocasións. Ampliou a vantaxe con dous goles máis e non lle deu opción de remontar aos locais. Sergio anotou un dobrete.
O Abadín é 13ª con dezanove puntos. O Muimenta ocupa a antepenúltima posición con dezaoito. En descenso directo están o Mondoñedo (18 pts.) e o Roupar (15 pts.).

O máis interesante da xornada que vén (quedan 24 pts.)
- Roupar – Alfoz (sáb. ás 16:30h no Novo)
O Roupar séguese aferrando a pelexar pola salvación ata o final. Logo de salvar unha situación crítica ao vencer ao Abadín, as opcións pasan por seguir sumando puntos. Recibe a un Alfoz asentado na zona media e que non quere pasar apuros nas últimas xornadas. O Alfoz non poderá contar por sanción con Palmeiro nin con Walter Goncalves Semedo. Por sanción tampouco estarán no Roupar Wasi nin Sito.
- Racing Villalbés B – Abadín (dom. ás 16:30h na Fonte)
Non é a primeira vez que uns de Vilalba e outros de Abadín se van xuntar en Cospeito. Desta vez, con tres puntos moi importantes en xogo para ambos. O filial racinguista ten a tres puntos ao líder. O Abadín conta con tan só un punto de marxe sobre o descenso directo. Na primeira volta, o Abadín xa fora capaz de sacar un punto na súa casa (1-1).
- Candelaria – San Ciprián (dom. ás 17:00h na Granda)
Derbi do concello de Cervo. A situación clasificatoria é ben distinta entre ambos. A Candelaria conta con catro puntos de marxe sobre o descenso directo e dous equipos polo medio. Acumula tres encontros sen perder, pero sumar segue sendo moi necesario. O Sanci é 4º, con poucas opcións de coller ao trío de cabeza e con risco de perder a posición. Ten dous puntos de vantaxe sobre o Folgueiro. Na primeira volta venceu o Sanci (2-0). Deonildo e Hugo serán baixa no Sanci por sanción. Bruno e Raúl Lara non poderán ser da partida nos locais. O adestrador local Simón tampouco poderá vivir o partido dende o banco.

O Oural consolida o liderado
O equipo da parroquia de Sarria saíu vitorioso de dous duelos directos consecutivos. Empatou co Becerreá e venceu ao Brollón (4-2) na última xornada. Ten un partido menos e, aínda así, conta con dous puntos máis que o Becerreá e catro sobre o Brollón. Unha distancia que podería aumentar porque na próxima xornada xogan o Becerreá e o Brollón. O conxunto dos Medos viu cortada a súa gran xeira de resultados e perdeu por primeira vez en 2024.
Gran partido xogado na Ribela. Houbo ataques para ambos lados no primeiro tempo. A calidade individual do Oural marcou a diferenza. Cayuela volveu a marcar un bo gol para poñer por diante aos seus. Logo, Diego Díaz remata a saída dun córner.
Na segunda metade, o Oural aumentou a diferenza. Gran xogada de Diego que anotou o seu dobrete. O encontro semellaba sentenciado. Pero, nin moito menos. O Brollón tirou proveito do balón parado para asustar o rival. Logrou dous goles e buscou o empate con insistencia. Bertín e Miguel foron os goleadores. Aínda así, na recta final Diego forzou un penalti e Ospina sentenciou.
O Becerreá sofre para seguir invicto en 2024
O conxunto preparado por Javi Gómez queda a dous puntos do líder (que ten un partido menos), tras superar ao Quiroga (2-3). A boa dinámica continúa: seis vitorias e dous empates en 2024. O sábado vivirá outro duelo importante co Brollón.
Pola súa parte, o Quiroga rompeu a súa boa xeira de resultados. Levaba tres triunfos seguidos. Queda con nove puntos de distancia sobre o descenso directo, pero só un equipo polo medio.
O encontro comezou de cara para o Becerreá. Ao pouco de comezar, marcou Riomao por medio dun penalti. Con todo, pouco a pouco, os locais foron entrando no partido. Leo, Sergio Pollo ou Gachán xeraron ocasións. Foi o preludio para que despois o propio Sergio Pollo anotara dous goles case consecutivos. O Quiroga marchou ao descanso co resultado a favor.
No segundo tempo, o cadro quirogués tivo as súas opcións para sentenciar, pero viu como lle remontaban o partido. Primeiro, empatando a través do balón parado e logo nunha transición rápida.
O San Lázaro sucumbe ante o Antas
O club orixinario da Ponte mantén a 4ª praza, pero ve como se achega o seu rival da pasada finde. Perdeu 2-3 co Antas. Queda cun punto máis que o Antas que volveu á zona de promoción. Iso si, á costa dun Friol que ten dous partidos pendentes de xogar. O San Lázaro colleitou tres derrotas nos últimos catro encontros. Mentres que o Antas leva tres sen perder.
Encontro igualado cun final tolo. O Antas marcou rápido o primeiro. O San Lázaro empatou por medio de Jul nun saque de esquina. Nunha boa xogada visitante, Marcos anotou o segundo.
Tratou de defender o resultado o Antas no segundo tempo. Cando o partido chegaba ao final, os locais empataron. Jul completaba o seu dobrete. Na seguinte xogada, os visitantes forzaron unha falta que lles deu a vitoria in extremis.

O Friol acusado polo tempo a domicilio
Segundo partido aprazado para o Friol en dúas saídas seguidas. Primeiro foi o encontro en Oural polas inundacións. A pasada fin de semana pola neve que cubría o Carboeiro no Incio. Esta situación dificulta a competición para o cadro friolés.
O encontro queda fixado agora para o Xoves Santo. En Semana Santa o Friol tamén terá o partido dos oitavos de final da Copa Deputación ante o Páramo.
Onde taén hai cambios é no partido pendente co Oural. En principio, estaba previsto para o festivo 1 de maio. Pero o encontro vaise xogar xa o próximo martes (Día do Pai). Revivindo os antigos horarios da Liga de Campións, o Oural recibirá na Ribela de Sarria ao Friol ás 20:45h.
Agora mesmo o Friol está fóra da promoción de ascenso. Con todo, está a un punto do Antas e a dous do San Lázaro.
O Palas impídelle ao Ferreira seguir preto do 5º posto
A regularidade mantén ao Palas na zona media da táboa. Os pupilos preparados por Brais Vázquez nunca encaixaron máis de dúas derrotas seguidas. De feito, viñan nesa xeira e impuxéronse ao Ferreira (3-1). O Palas administra ademais moi ben os goles. Leva 21 a favor e 20 en contra. É a segunda vez na temporada que marca tres nun partido. Fixérao na xornada 10 co Sporting Lucense.
Pola contra, o Ferreira volve desaproveitar unha nova oportunidade de pegarse á parta alta. Continúa 7º, a catro puntos da zona de promoción de ascenso.
O Palas entrou con forza. Aos 20 minutos xa gañaba 2-0. Cerca do descanso, o Ferreira aproveitou para recurtar diferenzas. O encontro foi máis trabado no segundo tempo. Os da Ulloa aproveitaron unha contra para anotar o terceiro, cando o Ferreira estaba na busca do empate.
O San Roque afasta perigos coa 2ª vitoria consecutiva
Dúas vitorias seguidas. É o balance do San Roque preparado por Piru tras a marcha de Fernando Corredoira. Zona media da táboa e os postos de descenso máis lonxe. Derrotou no Polvorín ao Paradela (3-2). Catro partidos sen gañar acumulan os de Rubén Bergantiños. Precisarán máis puntos para salvarse.
Encontro de remontadas, onde o San Roque conseguiu a máis importante; a remontada final. O cadro local púxose por diante no primeiro tempo e tivo boas opcións para ampliar a vantaxe.
O Paradela deulle a volta ao resultado na segunda parte. Primeiro cun gol en propia e logo cun bo pase do porteiro José Ángel que culminou Diego cun bo gol. Nun último arreón, os locais empataron e marcaron o terceiro no tempo extra.
O Lemos B non logra poñer máis distancia co descenso
O filial do Club Lemos tiña unha boa oportunidade para ter máis distancia coa zona de descenso. Pero tan só empatou na casa co Sporting Lucense (0-0). Segue tendo nove de marxe co descenso directo, pero catro co antepenúltimo clasificado. O Sporting segue a oito puntos de saír da zona de descenso segura.
O cadro capitalino tivo opcións no primeiro tempo. Raúl Lestón, Ousmani ou Mujib puideron marcar. Máis oportunidades de gol para o filial que mellorou no segundo tempo, pero tampouco logrou batir a meta rival.
O derbi da comarca chantadesa contenta máis ao filial
O Carballedo e o Chantada B igualaron (2-2) nun encontro que serviu de previa á Feira do Viño. Marcharon de festa máis contentos os integrantes do cadro filial. Están fóra do descenso directo con cinco puntos máis ca o seu rival e acumulan catro xornadas sen perder.
En cambio, o Carballedo queda con 14 puntos e ansiando unha vitoria. Non gañou en 2024. Polo menos, o empate serve para cortar a dinámica de sete derrotas seguidas.
Encontro desputado no Catro Ventos. Evidentemente que estivo condicionado no minuto 20 pola expulsión do meta do filial. Artai exerceu a responsabilidade baixo paus. Con todo, foi o Chantada B quen se puxo por diante. Lograron dous goles no primeiro tempo en cadansúa acción a balón parado.
No segundo acto, o Carballedo fixo valer a súa condición de estar en superioridade. Primeiro Viru recortou diferenzas e logo Carral empatou. Intentaron o gol da vitoria pero non chegaría.
O Quiroga é 13º con vinte e tres puntos. O Chantada B ocupa a antepenúltima posición con dezanove puntos. En descenso directo están o Carballedo (14 pts.) e o Sporting Lucense (11 pts.).

O máis interesante da xornada que vén (quedan 24 pts.)
- Becerreá – Brollón (sáb. ás 17:00h no Municipal)
O segundo clasificado recibe ao terceiro. Dous puntos de diferenza. Ambos veñen de xogar hai nada contra o líder. En xogo está o segundo posto e ser o principal perseguidor dun Oural que non deixa moita marxe para fisuras. Na primeira volta a vitoria do Brollón fora moi contundente: 5-1.
- Sporting Lucense – San Lázaro (sáb. ás 20:00h nas Gándaras)
Derbi capitalino. Ambos equipos xogan na casa, aínda que de local actuará o Sporting Lucense. Tamén é o que máis necesita os puntos. Está a oito de poder saír do descenso directo. As necesidades do San Lázaro son outras: manter a súa condición de equipo play off. Na primeira volta, o Sporting xa lograra empatar (1-1).
- Paradela – Lemos B (dom. ás 16:30h no Gandarón)
O Paradela ten tres puntos máis que o filial. Ambos están na zona media baixa da clasificación e levan catro partidos sen gañar. A necesidade non é imperiosa, pero gañar reduce as posibilidades de pasar apuros nas últimas xornadas.