Como se dun fío vermello invisible se tratase, o CD Lugo e o PM Friol semellan destinados a atoparse. Ou a querer facelo unha tempada máis na Terceira RFEF. As de Joaquín Blanco cumpriron co seu cometido ao sumar tres puntos de ouro na casa mentres que as veciñas da Reigosa superaron ao Llanera a domicilio para alimentar as esperanzas de salvación das albivermellas.
O CD Lugo levou un partido moi igualado ante o Victoria CF. O encontro decidiuse no tempraneiro gol de Ainara Silvosa nun saque desde o curruncho. O tanto quitoulle presión á escadra de Joaquín Blanco, moi seria en defensa e incisiva ao contragolpe. O Victoria tiña a posesión pero precipitábase na construción do xogo e non creaba ocasións. Así, a primeira parte resultou bastante plana sen máis oportunidades claras.
A segunda metade comezou de xeito similar. A medida que avanzaban os minutos, o Victoria asumiu máis riscos. O conxunto albivermello aproveitou a circunstancia para sacar varias contras claras, que non logrou materializar para pechar o partido. Nos derradeiros compases, o sufrimento resultou inevitable no último ‘arreón’ visitante. Tocou defender con uñas e dentes para que os tres puntos quedasen na Cheda.
O PM Friol fíxolle un gran favor ao CD Lugo, ao gañar a un Llanera que xa está por debaixo das capitalinas na táboa. O cadro asturiano púxose por diante no marcador nada máis comezar. A cousa non collía boa cor, máis aínda coa cantidade de erros e imprecisións que se rexistraban sobre o pequeno céspede artificial do Pepe Quimarán. O Llanera perdoou un penalti para aumentar as diferenzas. E o PM Friol decidiu que ata aí, que era bo momento para empatar.


O gol cambiou o conto radicalmente. O equipo de Ángel Buján e Geluco Villar realizou unha soberbia segunda metade e rematou goleando no cuarto de hora final. Lynda Muriel conseguiu un ‘dobrete’.
Punto insuficiente para un frouxo pM friol b na primeira galicia
O PM Friol B segue en descenso a pesares do empate colleitado en Noia ante o ‘colista‘ da Primeira Galicia. O duelo estivo cheo de alternativas e mesmo as de Geluco Villar chegaron a ir por diante no marcador no ecuador da primeira metade. De tódolos xeitos, as lucenses pecaron de falta de intensidade e concederon goles con erros groseiros en defensa e portería.
O san roque, único equipo lucense capaz de puntuar na segunda galicia

O San Roque non se baixa da súa pelexa particular co Abellá polo play off de ascenso. As verdibrancas sumaron un valioso punto, un tanto agridoce, no feudo dun físico Xallas. O partido foi moi igualado, sen claro dominador. Ás de Quiroga faltoulles algo de calma con balón nalgúns momentos pero fixeron moito dano polas bandas. Así chegou o primeiro tanto; nun centro de Mery que interpretou Miriam á perfección, anticipándose á porteira local. Pola súa parte, o Xallas atopou no balón parado o seu principal argumento. Así logrou o empate, a pouco máis de cinco minutos para o remate. Un córner mal defendido polo San Roque, propiciou o 1-1 final.


O líder cumpriu todos os prognósticos ante o último clasificado. A Milagrosa, moi inferior ao Pastoriza, non tivo opción algunha. As de Felipe Varela xa perdían antes do minuto dez. E dous goles consecutivos ao inicio da reanudación, impediron calquera posible anhelo de remonta.
O Chantada sucumbiu na casa ante un Arenteiro superior. As ourensás mostraron un maior número de recursos ofensivos ante un equipo chantadino que apenas xerou perigo en ataque. A diferenza de nivel quedou clara xa no inicio de encontro. Onde o Arenteiro abriu a lata de penalti, tras un saque de banda mal defendido polas de Jorge González.
Un Antas con baixas perdeu a oportunidade de puntuar no feudo do Cultural Maniños. As de Dani Abelairas realizaron un bo inicio de partido, con Elias e María ameazando a portería rival. Porén, un desaxuste no centro de campo rematou cun balón ás costas; que á postre, foi o primeiro gol local.
o cD lugo b leva o derbi da xornada na terceira galicia. O monte forte e O san lázaro caeron con claridade
O CD Lugo B venceu á Comercial no derbi da xornada nun encontro marcado polo frío e a choiva inicial. O equipo de Vicky realizou unha boa primeira metade, na que competiu de ti a ti ante un dos candidatos ao título na Terceira Galicia. O filial albivermello dominaba sen crear ocasións claras, algo que non logrou ata o final da segunda metade. Unha segunda parte na que a Comercial se desordeou pouco a pouco e rematou con dez xogadoras por lesión. Ánxela asinou dous goles no set en branco do CD Lugo B.

Os despistes defensivos penalizaron en exceso ao Monte Forte ante o líder. O Bandeira adiantouse ao bordo da media hora nun posible tanto en fóra de xogo. Xusto antes do descanso, un desaxuste na área propiciou o 2-0. As de Cristian Penas melloraron moito tralo paso polos vestiarios. Xeraron numerosas ocasións, que non lograron materializar. E nos dez minutos finais, o Bandeira fixo dous goles máis para redondear un resultado demasiado avultado.

O San Lázaro asinou un pobre partido na súa visita ao Taragoña. O cadro de Rianxo xogou ao que quixo ante un rival inoperante en ataque. O centro do campo lugués non existiu e o triunfo do Taragoña debeu ser máis contundente. Catro balóns locais ao longueiro e dous mans a mans detidos por Jesy, maquillaron unha tarde para olvidar. Por último, o Carballedo descansou nesta xornada.
Resultados da xornada
CD Lugo 1-0 Victoria CF
Llanera 1-4 PM Friol

Noia 4-4 PM Friol B
Chantada 0-3 Arenteiro
Xallas 1-1 San Roque
Cultural Maniños 2-0 Antas
Pastoriza 6-0 Milagrosa
Comercial 0-6 CD Lugo B
Bandeira 4-0 Monte Forte
Taragoña 3-1 San Lázaro
Descansa: Carballedo
