Segue intratable o Sporting Pontenova no grupo norte da Terceira Futgal. Os de Héctor Expósito venceron na Veiga ao San Ciprián e mantén o pleno de vitorias. Segue invicto tamén o Muimenta, segundo clasificado logo de derrotar ao Roupar. O Río Ouro sumou a terceira vitoria como local e mantense na zona alta.
No grupo sur o Sober venceu por cuarta xornada consecutiva e subiu ao liderado logo do empate da Comercial fronte ao Carballedo. O Río Sil gañou o primeiro partido da tempada. Foi na Carqueixa diante do Casás.
Analizamos a xornada no Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia.
GRUPO NORTE
O Sporting Pontenova vence ao San Ciprián e suman pleno ao quince (0-3). Segundo encontro consecutivo sen encaixar e quinta vitoria para os de Héctor Expósito, que realizaron unha gran primeira metade e deixaron o encontro encarrilado nos primeiros vinte minutos cos goles de Óscar Amor e Alesuco. No segundo tempo o encontro igualouse. O San Ciprián estivo mellor con balón e amosou condicións para poder estar mellor clasificado. Nos últimos compases, Jorge fixo o terceiro.
O Muimenta impón a súa condición de favorito diante do Roupar (5-1). Mantense invicto o conxunto local logo de golear, malia xogar boa parte do partido en inferioridade, a un Roupar que saiu con forza ao campo, pero o Muimenta castigou na súa primeira chegada cun tanto de Julio. Pouco despois, Jesús viu dous cartóns amarelos, e a partir de aí o Roupar tivo o balón, pero os locais as ocasións. Seijas fixo o segundo á media hora de xogo nunha contra, mentres que os de David Lorenzo non foron quen de inquedar ao porteiro rival. No segundo tempo, o Roupar saiu ben ao campo e houbo intercambio de goles. Jairo marcou para o Muimenta e Sito para os xermadinos, que baixaron os brazos no tramo final. Fernando e Óscar completaron a goleada.
O Pol B infrinxe ao Cazás a primeira derrota do curso (1-2). Tardou en adaptarse ao campo un Pol B que estivo a piques de encaixar nunha das primeiras accións do encontro. A partir de aí, os de Basi fixéronse co dominio do partido e lograron adiantarse no marcador nun balón á espalda da defensa que culminou Pablo Porto cunha boa vaselina. Pouco despois, Renan fixo o segundo para os visitantes tras rematar un centro lateral de Lucas. A boa actuación do gardameta local Xabi sostivo no encontro aos seus. No segundo tempo, Ángel Pena trocou de sistema e realizou tres trocos e o Cazás mellorou notablemente e durante vinte minutos meteu ao Pol B na súa área, aínda que o gol local chegou preto do final cado Yago converteu un penalti. Lucas gozou dunha gran oportunidade para facer o terceiro.

O Río Ouro amósase intratable no Árbol e gaña ao Castroverde (3-0). Tres vitorias en tres encontros no seu campo do Río Ouro. Saiu mellor ao campo o Castroverde, tendo o dominio no primeiro cuarto de hora. A partir de aí, o xogou resultou parello cun Río Ouro sen demasiada claridade no seu xogo. Ámbolos dous conxuntos tiveron ocasións, pero os gardametas estiveron atinados. No segundo tempo, sobre todo logo da entrada de Jony, os locais estiveron mellor, e cun Castroverde con dez pola expulsión de Noel chegaron os goles. Ezequiel fixo dous goles antes de que Cancela estrelara un balón no pao. Co tempo cumprido, Anxo sentenciou.
Unha gran primeira metade chégalle ao Rioaveso para vencer ao Celeiro (3-0). Corenta e cinco minutos nefastes custáronlle o partido a un Celeiro que estivo sempre incómodo en Paraños. Os locais realizaron un bo fútbol que se convertiu en ocasións e goles. Álex Veiga en dúas ocasións e Luis Oleiros lograron deixar o choque sentenciado antes do intermedio. Os de Martín Rodríguez melloraron no segundo tempo diante dun Rioaveso que notou o cansanzo. Malia todo, a boa actuación de Diego Barro impediu que chegara o gol dos mariñáns.

GRUPO SUR
O Sober alcanza o liderado tras golear a domicilio ao Quiroga (1-6). Encontro sorprendentemente cómodo para un Sober que xa é líder. Os de Armental pasaron por enriba, sobre todo na primeira metade, dun Quiroga que encaixou a terceira derrota consecutiva. O partido púxose de cara para os visitantes axiña cun gol de Iago e Sergio ampliou diferencias. Samu marcou para o Quiroga tras aproveitar un despiste defensivo, pero foi un espellismo e Hugo Pereiro, en dúas ocasións, e Martín deixaron o encontro visto para sentencia no primeiro tempo. O Quiroga tentou recurtar diferencias no segundo tempo sen éxito e Hugo Pereiro completou o hat-trick.
A Comercial non pasa do empate diante do Carballedo (2-2). Non foi o mellor encontro do conxunto local. A Comercial non foi quen de realizar o seu fútbol e contaxiouse do fútbol directo que propuxo un Carballedo que logrou xerar boas ocasións de gol que solventou ben Manu Jr. Aínda así foi a Comercial quen se adiantou cun gol de Moste. Os visitantes non se viñeron abaixo e lograron empatar antes do descanso por medio de Martín. No segundo tempo, Manu Prieto deulle entrada a Jaouad e Torito e a Comercial realizou un mellor fútbol. O Carballedo buscou o tanto da vitoria e logrouno tras un penalti que converteu Nico. Os de David Guerra quedaron en inferioridade pola expulsión de Pupas e a Comercial xerou un bo número de ocasións de gol e logrou empatar grazas a un tanto do pichichi Torito.

Cuarta vitoria consecutiva para un Relámpago que xa é terceiro (0-2). E tamén cuarto encontro sen encaixar para os de Melanie Carreira. O Corgo B estrelouse contra o muro defensivo dos visitantes nun primeiro tempo no que o Relámpago Taboada non foi quen de xerar ocasións claras. Tras o paso por vestiarios, o conxunto visitante chegou con máis claridade á área rival e viñeron os tantos. Fran, que acudiu á súa cita co habitual co gol, e Moure déronlle os tres puntos ao Relámpago.
O Río Sil sumou o primeiro triunfo da tempada diante do Casás (2-0). Encontro pouco vistoso e parello na Carqueixa e con ocasións para ámbolos dous equipos. O Río Sil foi quen de adiantarse no marcador sobrepasada a media hora de xogo logo dunha longa xogada de posesión que culminou Manu Díaz cun lanzamento que se colou preto da escadra. Nada máis comezar o segundo tempo, Claudio, de tiro cruzado, fixo o segundo. Brayan e Maira viron o cartón vermello directo e o Casás con nove xogadores chegou a rozar o tanto que o metera no partido. Preto do final, o Río Sil contou con claras opcións para sentenciar.
Encontro sen goles entre o Tabaoada B e o Páramo (0-0). Partido moi trabado no que o Páramo foi quen levou o peso do xogo. Os de Jacobo Vázquez, souberon defender ben as acometidas rivais, e malia que os visitantes xeraron ocasións, non se viron goles. O Taboada B, sobre todo no segundo tempo, saiu ben á contra e contou con opcións para adiantarse que desbaratou o gardameta Marquitos.
FOTO DE PORTADA: ROBER CARREIRA.

