O filial do Racing Villalbés B e o Cospeito xogará a final da ‘Conferencia norte’ da 2ª e da 3ª Rexional. A Milagrosa e o Paradela desputarán a final da ‘Conferencia sur’; ao puro estilo NBA. Os gañadores xogarán a gran final da Copa Deputación 2023 a última fin de semana de xuño.
A temporada chega a súa recta final con catro equipos seleccionados para conseguir o último título da campaña e uns cartiños extra. Un dos candidatos relevará ao Becerreá, vixente campión.
- Racing B – Cospeito (dom. ás 19:00h no Roca): novo derbi da Chaira para buscar finalista
O Racing Villalbés B e o Cospeito xogarán por chegar a final da Copa despois de completar xa unha gran temporada. Un novo derbi da Chaira decidirá o candidato da zona norte de Lugo. O encontro ten un ápice de máis nostalxia ao desputarse no Roca, o campo de sempre do Racing no centro da vila.
Os locais xa saben o que é eliminar rivais no campo de herba natural da Madalena (ao Castro B) e no anexo de herba artificial (ao Xermade). O filial manexouse ben á hora de superar a rivais da zona cos que competirá a próxima campaña en Segunda Rexional.


Non obstante, o encontro dos cuartos de final co Xermade case pasou a un segundo plano logo da lesión de Brais. O futbolista pontés do Xermade tivo que marcharse do campo en ambulancia. Continúa hospitalizado e ten afectados os ligamentos (cruzado e colateral) e tamén o menisco do seu xeonllo esquerdo. Dámoslle moito ánimo e desexámoslle unha boa recuperación.
A xogada produciuse pouco antes do descanso. Daquela xa gañaban os locais que se adiantaron ao cuarto de hora no marcador. Ampliaron vantaxe por medio de Cadra que marcou de penalti, logo en propia porta e de novo de penalti.
No segundo tempo tentou achegarse no marcador o Xermade. Fíxoo pero non logrou empatar e no último tramo un novo penalti marcado por Cadra acabou coas súas esperanzas. O central do Cadramón marcou tres goles no partido e os tres de penalti.

Pola súa parte, o Cospeito superou ao Rioaveso en Paraños. Outro derbi que neste caso tivo máis cor vermella. Os pupilos preparados por Luis Romay amosaron un potencial superior aínda que os locais tiveron os seus momentos.
Rui cun disparo dende a frontal e Ferreiro cun bo lanzamento polo escadra puxeron por diante aos seus no primeiro tempo. Tentouno o Rioaveso ata que xa na recta final Ferreiro marcou o seu dobrete tras xogada de Xoán. Logo de estar moi preto de ascender á 1ª, o Cospeito busca reválida na Copa.

- Milagrosa – Paradela (dom. ás 16:30h no Luis Gorgoso): a capacidade goleadora mídese nas semifinais
A Mila e o Paradela vense as caras de novo nas semifinais da Copa logo de pelexar durante toda a liga por entrar na fase de ascenso á Primeira. Ambos se clasificaron aínda que foron por cadros distintos. O Paradela apeouse na primeira eliminatoria e a Milagrosa si conseguiu o ascenso.
Con todo, o cadro de Frigsa semella querer máis. Busca o dobrete ante un Paradela que revive na Copa a súa boa fase regular. A Mila golea nos últimos encontros e os de Rubén Bergantiños tamén amosaron unha gran pegada ao longo da liga (aínda que a última eliminatoria foi 0-0).
A Milagrosa superou na casa ao Ferreira. E iso que nada máis empezar, foi o conxunto adestrado por Jesse o que se puxo por diante. Espertaron os locais e Víctor realizou un bo traballo baixo paus. Antes do descanso Joel igualou o choque.

No segundo tempo, a Mila deulle a volta ao marcador con outro gol de Joel, un de Anxo e outro de Mario. As baixas en defensa e no medio do campo condicionaron tamén a un Ferreira que remata aquí a súa campaña.
Pola súa parte, a eliminatoria entre o Paradela e o Oural tivo que resolverse nos penaltis. O duelo de proximidade da comarca de Sarria non tivo ninún gol no tempo regulamentario. Aínda así, o encontro estivo entretido cunha gran actuación de ambos porteiros.
Finalmente, tamén foi un dos porteiros o protagonista dos penaltis. Eros do Paradela detivo dous lanzamentos que marcaron a diferenza na quenda e contribuíron en gran medida ao pase dos seus ás semifinais.