#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

Volve a Preferente de sempre

Volve a Preferente. Esta fin de semana ponse en marcha a competición e faino no seu formato tradicional. Logo de dúas campañas atípicas por mor da Covid-19, esta categoría retoma a súa esencia con dous grupos de vinte equipos. En cada grupo dous conxuntos acadarán o ascenso de xeito directo, mentres que o terceiro pelexará por acadalo nunha eliminatoria co mesmo clasificado do outro grupo. O gañador tamén xogará a Copa do Rei. Pola zona baixa perderán a categoría os catro últimos clasificados, sen perder de vista o que ocorra cos temidos arrastres de categorías superiores.

O fútbol lucense terá cinco representantes na Preferente: Sarriana, Lemos, Ribadeo, Residencia e Portomarín, todos eles con obxectivos ben dispares.

A Sarriana, despois de quedar dous anos ás portas de acadar o ansiado ascenso, volta á carga e faino cun cadro de xogadores espectacular. A directiva sarriá deulle continuidade ao proxecto con Edu Rodríguez á fronte. Co mesmo bloque do último ano, pero con reforzos de auténtico luxo como o de Marino, que chega desde o Viveiro, ao igual que Marcos ou Agus. Para a dianteira, os reforzos chegaron de máis lonxe. Diego Santín provén do Atlético Bembibre e conta cunha ampla experiencia na Terceira castelán-leonesa, mentres que Adri chega do Miajadas extremeño. Os sarriaos farán o seu debut este sábado no campo do Unión, conxunto rianxeiro recén ascendido.

Novo proxecto na Pinguela. O Lemos, no ano do seu centenario, apostou para o seu banquiño por Josito Jul, que sustituirá a Alberto López. Os monfortinos, logo dunha gran campaña non queren baixar o listón e apostan por pelexar na zona alta da clasificación. Cunha ampla renovación da súa plantilla, o Lemos reforzouse coa chegada dos zagueiros Samu Quintela e Galas, do medio Carrasco, que retorna á Pinguela logo do seu paso polo Escairón, e dos atacantes ourensáns Dani Real e Santi Real, que volta ao fútbol galego logo do seu paso pola Terceira Andaluza e Castelán-Manchega. Os monfortinos abrián a liga visitando o sempre difícil campo do Fisterra.



Outro conxunto que aposta forte esta temporada é o Ribadeo. Logo dunha temporada na que acadou a permanencia na última xornada, aínda que cunha puntuación para poder facelo antes, na entidade mariñá non queren pasar apuros e confeccionaron unha plantilla para pelexar na zona alta da táboa. Dani Moirón continúa aos mandos e conta con fichaxes de relumbrón como Xaime, Asier, Álex Meitín ou o vilalbés Iván, que afronta a súa segunda etapa no Pepe Barrera, así como o asturiano Germán, con experiencia xa na Terceira. O ribadense Del Viso da o salto desde o xuvenil. Para o debut visitará o Pepe Barrera o As Pontes, dirixido por un vello coñecido da afección local: Rafa Casanova.

A Residencia afronta o novo curso co gran obxectivo de manter a categoría. Para iso aposta claramente pola continuidade. Repiten a maior parte de xogadores, así como o adestrador: Dani Galán, toda unha institución no club. O reforzo máis salientable é Edrosa, que non puido debutar a pasada temporada por lesión. O da Pastoriza, xa recuperado, aportará a súa calidade sobre o céspede da Cheda a onde tamén chegan o gardameta Marcos Sanfiz desde o xuvenil do EF Polvorín ou Martín, desde o CD Lugo. E como sempre, a Resi apostará fortemente pola canteira. Para comezar, recibe na Cheda ao Noia, un dos equipos chamados a pelexar polo ascenso.

Histórica é a presenza por primeira vez en Preferente do Portomarín, que fará o seu debut no Chao da Poza recibindo ao Dubra. O conxunto presidido por Sergio Vázquez ‘Chapu‘ logrou a fazaña e aspira, como non podía ser doutro xeito a manter a categoría. Cun bloque continuista, o Portomarín reforzouse coa chegada de Raúl, Fabián, Iago ou Abella. No banquiño estará Fernando Sánchez ‘Fernandito‘, que colleu o temón do equipo en Segunda Autonómica e agora afronta o reto máis difícil: manter o equipo en Preferente.



Volve a Preferente de sempre

Volve a Primeira co seu tradicional formato

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *