Chega un novo Trío de Ases O Cantón e faino cun importante triunfo do Viveiro na Terceira RFEF. Os mariñáns superaron en Cantarrana ao Silva. Tamén salientable a vitoria do Polvorín na Cheda diante do Somozas que o consolida na zona media-alta da táboa. Os dous lucenses que están en postos de play off non puideron gañar. O Racing Vilalbés empatou na Madalena fronte ao Gran Peña e a Sarriana caeu na Ribela fronte ao Alondras.
Na Preferente, o Ribadeo rachou a súa mala xeira cun convincente triunfo en Vista Alegre fronte ao Ordes. Tamén venceu o Pol diante do Miño e escala dous postos na clasificación. O Lemos sumou un punto no feudo do Paiosaco e o Escairón non foi quen de sumar no Municipal fronte ao Sofán.
O Racing Vilalbés iguala fronte a un ordeado Gran Peña (0-0)
Os chairegos non puideron superar ao Gran Peña e ven como a UD Ourense, único conxunto da zona alta que logrou gañar nesta xornada, se escapa a catro puntos. O cadro vigués defendeu nun bloque moi baixo e buscou xerar perigo ao contragolpe. A iniciativo foi en todo momento do Racing, aínda que sen profundidade na primeira media hora. A partir de aí, os de Alberto López ampliaron o campo e xeraron perigo por medio de Cañi e Javi Rey.


Tras o descanso o encontro seguiu a mesma tónica, aínda que as contras visitantes obrigaron a intervir con acerto a Álex Santomé. Tamén o gardameta do Gran Peña estivo moi atinado a disparos de Cañi e Javi Rey. No último tramo de partido a entrada de Fito e Vicente deulle máis verticalidade aos chairegos, pero o resultado non se moveu.
A Sarriana cae na Ribela fronte a un Alondras que entra en zona de play off (1-2)
Derrota da Sarriana, primeira con José Antonio Rodríguez como adestrador, nun encontro no que os locais non foron quen de levar a cabo o seu habitual fútbol, sobre todo nunha primeira parte na que predominou a precipitación. Malia todo, foi a Sarriana a que xerou máis situacións de perigo, sobre todo a balón parado ou en accións individuais. Azael, Boedo ou Santi Gegunde puideron adiantar aos sarriaos. O gol local chegou moi preto do descanso. Azael deixou atrás a tres rivais e foi derribado na área. Él mesmo foi o encargado de transformar a pena máxima.

Á volta do intermedio, o Alondras apretou máis arriba e fixo que a Sarriana tivera dúbidas con balón. A mala xestión do resultado dos locais aproveitouna o rival, que logrou empatar nunha rápida transición que culminou Pablo Goitia. A falta de dez minutos para o final, nun saque desde o curruncho, chegou o tanto da remontada, obra de Roi Tato.
O Polvorín vence ao Somozas no último suspiro cun gol de Maceira (2-1)
Encontro aberto no que o Polvorín tivo o control no primeiro tempo. Os de Álex Ortiz levaron o peso do choque a través do control e a posesión. Víctor Casais adiantou ao filial albivermello e a renda ao descanso puido ser máis ampla.
No segundo tempo o Polvorín estivo moi precipitado e o Somozas subiu liñas. Os lucenses optaron por xogar replegados na procura de situacións para transitar. Juan Cambón estableceu a igualada e Víctor Casais novamente levou moito perigo á portería rival. O atacante errou un man a man diante de Adrián Casillas. No último minuto, nun saque desde o curruncho, Maceira deulle os tres puntos ao Polvorín.
O Viveiro vence ao Silva e colle aire na pelexa pola permanencia (2-0)

Primeira vitoria viveirense con Adrián Benavides no banquiño. O encontro resultou semellante aos últimos encontros na casa, amosando unha gran solidez defensiva, fundamental para defender o xogo directo do Silva. Adri Lombao gozou de dúas ocasións moi claras para marcar no primeiro tempo, mentres que o conxunto coruñés só tentou sorprender a Ayoub con disparos desde a frontal.
Tras o paso por vestiarios, o encontro transcorreu de xeito semellante ata que Arturo abriu o marcador para os celestes. O tanto foi unha liberación para o Viveiro. Os de Adrián Benavides gañaron en confianza e moi preto do final German sentenciou tras aproveitar un bo servizo de Víctor.

O Pol reencóntrase coa vitoria nun bo encontro fronte ao Miño (2-0)
Encontro parello nos primeiros minutos entre dous conxuntos cunha idea de fútbol semellante. O Pol desequilibrou o choque cun golazo de volea de Julio Camba. Non eran os mellores minutos dos de Manolo García, que se viñeron arriba co marcador favorable.
Nunha segunda metade de ritmo alto o conxunto local non tardou en facer o segundo. Nunha contra moi ben levada polos chairegos Dani convirte o segundo cunha gran definición. Rivas estrelou un balón no pao no que puido ser o terceiro tanto.
Con estes tres puntos o Pol é noveno na clasificación con trinta e cinco puntos.
Losada salva un valioso punto para o Lemos no campo do Paiosaco (1-1)
Partido difícil para os monfortinos que souberon controlar ao rival no primeiro tempo. O Paiosaco, malia levar a iniciativa, non foi quen de xerar perigo e o Lemos logrou adiantarse cun gol de Pedro López á saída dun córner. Xusto antes do descanso o Paiosaco gozou dunha ocasión inmellorable para empatar grazas a un lanzamento de penalti. Josiño disparou e Losada detivo de xeito providencial.
No segundo tempo o Paiosaco amosouse superior ao Lemos e xerou varias situacións claras de perigo, sobre todo grazas á presenza dos seus extremos. A todas elas respostou un inspirado Losada. …………….
O Ribadeo logra vencer no campo do Ordes e amplía diferencias cos postos de descenso (0-2)
Oito xornadas máis tarde o Ribadeo sumou os tres puntos. Fíxoo nun bo encontro no campo dun Ordes que propuxo un xogo directo que os de Luchi souberon defender sen pasar apuros. O Ribadeo, cando lograba ter o balón xeneraba moita superioridade e non tardaba en crear situacións de perigo. Nunha delas, Álex Meitín gañoulle a partida á defensa local e fixo o primeiro. O Ordes non inquedou a portería de Javi Pita ata o desconto, cando fan o seu primeiro remate.
Tras o descanso, os locais intensificaron o xogo directo, pero a seriedade defensiva dos ribadenses impediron calquera situación perigosa na área. O Ribadeo buscou saír á contra con perigo e así chegou o segundo tanto, xa moi preto do final, novamente obra de Álex Meitín.
O Escairón merece un mellor premio fronte ao Sofán (0-1)
Moito fútbol directo no Municipal entres dous conxuntos que se enfrontaron de poder a poder. Os de Brais Prados contaron con dúas boas ocasións para adiantarse por medio de Birk e Julito que non lograron concretar. O Sofán tamén gozou dunha boa opción cun disparo desde dentro da área que saiu fóra por pouco.
No segundo tempo, o Escairón foi superior e logrou xerar boas ocasións de gol, moitas delas tras perigosas transicións. A máis clara tívoa Julito, que disparou e o central sofanista sacou o balón da mesma liña de gol. Na seguinte xogada, os locais concederon unha falta lateral, que na segunda tentativa, o extremo do Sofán centrou raso e potente. O balón tocou no pe de Julito e rematou dentro da portería. Nos últimos intres Moha, á saída dun córner, e Yann cun bo lanzamento, tiveron boas opcións para, cando menos, sumar un punto.
