Previa: Unha Primeira por todo o alto

A Primeira Galicia, versión lucense, comezou o xoves coa disputa do Monterroso-Outeiro de Rei. Un aperitivo do que nos agarda esta fin de semana. O da primeira xornada dunha das competicións máis igualadas e imprevisibles da última década. Dende Futbolinlugo, queremos facer unha breve previa na que trataremos de explicar como chegan os diversos equipos da categoría á súa estrea oficial.

*San Ciprián: Varios pesos pesados non seguen. Contan cun cadro de xogadores amplo á vez que xoven. Lekumberri ten traballo por diante para tentar non pasar apuros e selar a permanencia.

*Chantada Atlético: Volven tras un breve paso por Segunda Galicia. A clara meta será manterse na categoría. Para iso, é imprescindible facerse fortes no Sangoñedo.

*Páramo: Agárdase unha campaña máis tranquila nas Rapadas. Con Fontal ao mando e fichaxes de calidade no centro do campo e na dianteira. Será un conxunto moi duro de roer.

*Xove Lago: Un dos grandes tapados. Mantiveron ás súas ‘estrellas’ e reforzáronse en todas as liñas. Coa gran campaña pasada e este aumento de argumentos, as expectativas suben. Iso sí, en Xove presión ningunha.

*Lemos: Proxecto para buscar o ascenso. Movéronse axiña e ben no mercado. Melloraron un equipo que xa era sólido de por sí. Este pode ser o ano do retorno á Preferente.

*Pol: Falta profundidade de banquiño e sobra calidade. Un recén ascendido con nomes que meten medo. O seu rendemento é unha incógnita e dependen de non sufrir moitas lesións e inconvintes. Esta campaña cumplen o seu 40 aniversario.

*Residencia: Nun momento do verán, chegaron a verse na Preferente. Agora a realidade, é a de estar na zona nobre da Primeira. Manteñen o bloque, cunha nova dose de xuventude. As novas xeracións da Cheda veñen pisando forte.

*Chantada: Sufriron un par de baixas notables. O conxunto comandado por Juan tratou de sobrepoñerse a elas. Estarán arriba porén é probable que non lles chegue para pelexar o ascenso. O Sangoñedo resultará chave.

*Outeiro de Rei: Un dos grandes favoritos. Cholas recolle a herdanza de Juan Peón. E faino cun equipo mellor, máis completo, que o que competiu a campaña pasada na Preferente.

*Atlético Escairón: Cambio importante no Saviñao. Moitas caras novas. Aínda así, conseguiron configurar un cadro competitivo, con xogadores importantes en todas as liñas. Deberían moverse polas alturas da táboa.

*Burela: O bloque que impresionou a campaña pasada mantense. Ademais, lograron o retorno de varios xogadores. Especialmente, Miguel Gomes. Non deberían ter problemas para acadar a salvación na súa volta a Primeira.

*Friol: Jon Vázquez estrease no banquiño deste recén ascendido. Contan con futbolistas interesantes e veñen de firmar unha magnífica campaña. Se se adaptan rápido á categoría, non pasarán apuros.

*Pastoricense: Dous emblemas coma Vitín e Farra dixeron adeus. A maioría do equipo do ano pasado segue e o Acebreiro continuará sendo un feudo moi difícil de asaltar. Primeiro, a permanencia. Logo, o que se poida.

*Monterroso: Poucos reforzos, que chegan dende o filial principalmente, para suplir baixas. Algunhas delas importantes. O primeiro será certificar a permanencia con Rielo aos mandos. Logo, xa haberá tempo a soñar.

*Riotorto: O cadro de Labrada ampliou o fondo de armario. Algo que o lastrou en campañas pasadas. Talento en todas as posicións, cunha dianteira espectacular para a categoría. Estarán arriba.

*Santaballés: Fichaxes para apuntalar un equipo de calidade, cunha das mellores defensas da categoría. Con Simón Lamas, asentaranse na zona nobre. Sen renunciar a nada.

*Taboada: A consolidación do proxecto de Martín Murado. Contan con incorporacións que lle darán un plus ao equipo branquiazul. Se consiguen facer da Medela un fortín, darán moitos sustos.

*Sporting Pontenova: Incorporaron bastantes xogadores nos últimos días. Perderon pezas importantes. Unha delas pasa ao banquiño: Andrés Bouza. A salvación parte coma o claro obxectivo.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 754

Deja un comentario