#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Unha imaxe icónica e a docena de Romy

Se houbera unha imaxe que representase a Segunda Rexional esa podería ser unha foto na que estiveran Manel e Marcos. Por iso son portada da 9ª xornada da 2ª na que o Meira se mantén líder no norte, un trío de equipos segue na cabeza do sur e Romy chegou a docena de goles . Contámolo en #ONoso11AChaira, patrocinado por Deportes A Chaira.

Na zona norte, o Meira segue no máis alto da clasificación. Continúa sendo o único equipo que non perdeu do grupo. Sumou a sétima vitoria do curso e ten catro puntos de marxe sobre o segundo clasificado. 

Desta volta superou ao filial do Castro a domicilio, pero a tarefa non foi nada sinxela. Os xogadores vestidos de vermello comezaron mellor e chegaron a poñerse por diante na primeira metade. Porén, boa parte das expectativas locais víronse truncadas cando quedaron cun menos por expulsión de Iago antes do descanso. 

O Meira foi a polo encontro no segundo tempo e volveu actuar sobre seguro cos seus dianteiros. Seixosmil con dous goles e Farra con un foron clave para conseguir outros tres puntos.



Era un dos grandes partidos da xornada porque ambos equipos ocupaban e seguen ocupando postos de play off. O Muimenta superou no Pichón ao Roupar e volve á segunda praza. 

Gran partido coral dos celestes que dominaron de principio a fin. E iso que só tiñan un cambio dispoñible, ante un Roupar que tamén chegaba con varias baixas. 

Na primeira metade os locais tiveron numerosas chegadas a área para marcar. O gol inaugural do partido non se anotou ata pouco antes do descanso. Jairo rematou no segundo pau unha falta lateral. 



Nada máis volver dos vestiarios, o Muimenta aumentou as distancias cun gol de Seijas. Aínda así, o cadro verde achegouse no marcador ao transformar un penalti. Aínda faltaban uns minutos para o final pero foron os locais quen sentenciaron mediante outra pena máxima. 

O Iberia e o Folgueiro seguen coa súa boa dinámica e aséntanse na zona de play off. Logo do Meira e do Muimenta, o Iberia, o Folgueiro e o Roupar ocupan as seguintes posicións con dezoito puntos. A cinco do líder e tres por riba do 6º clasificado (o que quedaría fóra da fase de ascenso). 

O Iberia derrotou con claridade a un Goiriz que só sumou un punto neste curso. Os locais adiantáronse moi cedo e foron os que máis ocasións xeraron ante un equipo que no segundo tempo quedou con dez futbolistas sobre o campo. Barrera sobresaíu no cadro de Reinante con tres goles. 

Nas Valgas volveuse repetir a imaxe icónica das últimas temporadas. Esa fotografía que está por riba de calquera resultado. A foto dos capitáns Marcos (51 anos) e Manel (a piques de facer os 49), homes de peso do Iberia e do Goiriz que representan como ninguén o fútbol da nosa provincia. 

Pola súa banda o Folgueiro mantén tamén a súa boa liña. Sumou a quinta vitoria da temporada ante o Alfoz e enlaza oito encontros sen perder. Só caeu derrotado na primeira xornada. 



Dominio alterno no Municipal que se decidiu pola maior pegada dos visitantes. Aí sobresaíu Aarón con dous goles. O futbolista viveirense gozou da súa primeira titularidade e marcou por segunda xornada seguida. Reforzou ao equipo nas últimas semanas procedente do Lourenzá

A Candelaria ocupa a sexta praza e queda a tres puntos do play off logo do seu triunfo ante o Celta Barreiros. Foi un partido tolo, no que se marcaron sete goles. Non obstante, o cadro da Rúa marcou un máis que o seu rival. 

O Celta Barreiros logrou poñerse por diante dúas veces no marcador pero non foi suficiente. De feito, marcou o dianteiro Soto o primeiro tanto dende o seu regreso. Foi instantánea a súa reacción no campo con respecto á pregunta que aparecía horas despois en Sesión Plenario

Os locais lográronse repoñer aos seus erros defensivos e decidiron o partido ao seu favor nos últimos intres por medio dun penalti. 

Non deixa de medrar na clasificación o Cospeito. Logo de comezar o curso con dúas derrotas, segue na boa liña e acumula sete xornadas sen perder. Desta volta, volveu ao camiño da vitoria ante o Guitiriz, ao que supera na clasificación. 

O partido comezou igualado pero o Cospeito conseguiu adiantarse ao pouco do cuarto de hora por medio de Xoán

A segunda metade estivo condicionada pola expulsión de Antón no Guitiriz, feito que se produciu ao inicio do segundo acto. O Guitiriz tivo algunha posibilidade de empatar, pero quen conseguiu o gol foi de novo Xoán

Guitiriz e Xermade empatan na metade da táboa a doce puntos. O conxunto xermadino volveu polo carreiro do triunfo despois de tres xornadas. Superou á Comercial no Municipal. 

O Xermade tívoo de cara antes do primeiro minuto de xogo. Aí foi cando conseguiu xa o primeiro gol. No segundo tempo chegaría o dobrete de Nahum, antes de quedarse cun futbolista menos pola expulsión con vermella directa de Fran. 

Non obstante, o partido xa estaba practicamente decidido. Pacín anotou un bo gol dende a frontal da área para honra da Comercial. 

Na décima posición con dez puntos aparece o Fonsagrada que puntiño a puntiño vai facendo o seu camiño. Acumula catro empates no que vai de liga. O último conseguiuno ante un Cabreiros ao que tamén lle fan falta. 

Os locais comezaron marcando por medio dun penalti. Ao pouco, igualou o Cabreiros cun remate de Totti a saída dun córner. 

A pesar da camisola que leva na foto, Romy non xoga á defensiva e acumula xa doce goles no que vai de temporada

Na zona sur, continúa o triple empate na cabeza. Friol, Paradela e Oural gañaron os seus respectivos encontros e alcanzaron a sexta vitoria do curso. Isto sumado aos dous empates que teñen cada un fan que os tres cheguen aos 20 puntos. 

O Friol viviu un partido tolo na Reigosa ante o Sporting Lucense. Marcáronse sete goles. Os visitantes deron un gran nivel. Chegaron a ir gañando por dous goles de diferenza e incluso volveron poñerse por diante cando os locais igualaron o resultado. 

Non foi ata os últimos intres cando o partido se decidiu e a vitoria caeu do lado friolés. 

O Paradela sumou a terceira vitoria seguida ante o Ferreira na casa. Tamén foi un resultado axustado, aínda que os locais nunca estiveron por baixo no marcador. Os de Pantón acudiron a cita con numerosas baixas como a dos dous Marcos, Edgar, Enri ou Rafa. 

Os locais puxéronse por diante dúas veces antes do descanso. Primeiro marcou Romy, logo empatou Samba e despois volveu marcar Romy.  Dous goles máis para o de Paradela que comezou a temporada de xeito espectacular: xa leva 12 goles

Logo de marchar aos vestiarios con vantaxe, na reanudación, de novo Samba igualou o marcador. Non foi ata o último tramo de encontro, cando un gol de Alejo lle deu o triunfo os de Rubén Bergantiños. 

O Oural volveu ao camiño da vitoria ante o San Lázaro e tamén gañou o seu partido pola mínima. 

Foron os pupilos preparados por Diego Rey quen se adiantaron no marcador ante un Oural que afrontou o encontro con varias baixas. Aínda así, no segundo tempo foron quen de darlle a volta ao resultado. 

Nun bo traballo de grupo liderado por Cayuela e Colon, foi o propio mediocampista de Sarria o que empatou de falta directa. Máis tarde, Diego marcaría o segundo cun remate de cabeza. 

Na cuarta praza está o Guntín, a dous puntos dos líderes. O cadro laranxa volveu á senda do triunfo gañándolle ao Corgo no Ladairo. 

Os visitantes plantaron cara na primeira metade, pero na segunda xa se lles fixo máis difícil. Aí foi cando os locais marcaron os dous goles que lle deron os tres puntos. 

Na 5ª praza (a última que dá acceso á fase de ascenso) está o Becerreá. Sitúase a cinco puntos do trío de cabeza. Venceu pola mínima na casa á Milagrosa. 

Os locais adiantáronse no marcador ao pouco de comezar o partido. Tiveron máis oportunidades de seguido pero estivo ben baixo paus Cabarcos. A segunda metade foi máis desputada e a Mila empatou con tanto de Joel de cabeza. 

Non obstante, non tardou en chegar a réplica dos de Antón Méndez. Xairo desde fóra da área anotou o gol definitivo.

O Ferreira é 6º con 14 puntos e séguelle o trío da capital empatado a 13: San Lázaro, Milagrosa e San Roque. O conxunto de Montirón sumou o cuarto empate da temporada na súa visita ao Lemos B. 

Foi un partido de poder a poder no Luis Bodegas. Non houbo grandes ocasións na primeira metade, agás unha doble oportunidade na que Emilio mandou o balón ao pau. 

No segundo acto, os visitantes xeraron máis perigo pero non estiveron acertados. O resultado non se moveu. 

O Brollón ocupa a décima posición e sumou a terceira vitoria da temporada ante o Río Sil. O duelo nos Medos comezou igualado pero con accións determinantes no primeiro tempo. 

Os locais adiantáronse no marcador e antes do descanso o Río Sil quedou cun xogador menos por expulsión. No segundo tempo, os de Chura tiñan encauzado o partido e lograron tres tantos máis. 

Da parte máis baixa da táboa, o único que conseguiu gañar foi o filial da SD Chantada. Fíxoo no derbi ante o Carballedo

O balón parado foi crucial no encontro. Dese xeito chegaron os dous goles dos locais. No segundo tempo, o equipo preparado por Rodrigo Amarante quedou cun menos e o partido aínda se lle puxo máis costa arriba. 

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *