Un golazo de Xaime sitúa ao Viveiro líder

O Viveiro tardou en retornar a Terceira, pero fíxoo pola porta grande. A pasada semana deixou boas sensacións en Cantarrana no triunfo ante o Estudiantil, pero estas foron refrendadas na visita a Fisterra. O conxunto mariñán atopouse con moitas dificultades nun reducido campo de Ara Solis, nun encontro trabado  e moi intenso, no que o cadro local logrou adiantarse en dúas ocasións. A gran reacción do Viveiro, que nunca lle perdeu a cara ao encontro resultou fundamental no resultado final.

Víronse as caras os dous conxuntos que lograron o ascenso desde a Preferente a pasada campaña. A primeira metade resultou monótona e sen grandes ocasións de gol. Tan só unha de Makaay para o Fisterra que desbaratou sen maiores apuros Manu Cedrón. Todo cambiou logo do paso por vestiarios. Aínda non pasaran dous minutos desde a reanudación cando o equipo de Jaime se adiantou no marcador, cun testarazo de Aarón López tras un bo centro lateral. Chusky moveu o banco e os trocos deron o seu froito. Iván e Facu, os dous xogadores que ingresaron no campo foron os protagonistas. O chairego fabricou e o arxentino definiu ante o ex lemista Ramón.

Co marcador igualado, o Viveiro fíxose co dominio do partido. Xaime puido adiantar aos mariñáns cun lanzamento de falta que rematou petando no pao, logo de pasearse o balón por diante de portería. Pero foi o Fisterra quen levou o gato á auga. Makaay recolleu un balón solto e conectou un tiro cruzado que rematou no fondo da portería tras tocar nun defensor o suficiente para despistar a Manu Cedrón.

De novo a gran reacción viveirense foi trascendental. Dous minutos máis tarde chegou o empate. Un bo balón de Javi Rey rematouno Tichu na área pequena establecendo de novo a igualada. Non se rendiu o Fisterra que o tentou por medio do omnipresente en ataque Makaay, pero atopouse coa boa intervención do porteiro do cadro celeste.

E no 88, o Viveiro deulle a volta ao marcador para convertirse en líder do grupo A da Terceira. Xaime cun lategazo desde trinta metros colocou o balón preto da escadra lonxe do alcance de Ramón.

O derbi entre o Polvorín e o Racing Vilalbés quedou adiado por mor de varios positivos no filial albivermello. O cadro de Álex Ortiz aínda non disputou ningunha das dúas xornadas ligueiras, mentres que os chairegos sumaron un valioso empate na súa visita ao campo do Arzúa.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 409

Deja un comentario