Foi unha décima xornada de contrastes nos dous grupos da Segunda Rexional. No norte houbo varios enfrontamentos directos entre os equipos da parte alta; mentres que no sur xogáronse dous encontros entre os primeiros e os últimos clasificados.
Foi no sur onde saltou a maior das sorpresas. O Corgo venceu a un Paradela que deixa de formar parte momentaneamente do trío de cabeza. O Friol e o Oural quedan como líderes. Contámolo nunha nova entrega de #ONoso11AChaira patrocinado por Deportes A Chaira.
Na zona norte, o Meira mantense na cabeza en solitario, aínda que con menos diferenza con respecto ao seu inmediato perseguidor. Agora supera en tres puntos ao segundo clasificado, o Folgueiro.
Era un dos grandes partidos da xornada. O Meira e o Iberia enfrontáronse na Lomba sendo primeiro e terceiro na clasificación, respectivamente. A pesar de non haber goles, o encontro non defraudou en ritmo. A distancia entre eles na táboa segue sendo a mesma de cinco puntos.


A igualdade imperou en terreo meirego. Ningún dos dous equipos tivo excesivas ocasións, pero ambos puideron marcar. Nas máis claras que houbo, tanto Juanmy como Javi Prieto, os dous gardamallas, estiveron acertados. E tamén tiveron aos paus do seu lado.
O Meira segue invicto, aínda que é a primeira vez no curso que non gaña na Lomba e a segunda vez que non consegue marcar. Pola súa parte, o Iberia acumula sete xornadas seguidas sen perder e é o quinto partido da campaña no que non encaixa goles.
O Folgueiro subiu á segunda praza logo de superar precisamente ao equipo que posuía esa posición, o Muimenta (agora é 5º). Os locais sobrepuxéronse ao gol dos celestes que supoñía o empate e conseguiron tres puntos moi importantes.

Zeus marcou un dobrete, Aarón anotou de penalti (segue coa súa boa xeira marcando en tres partidos seguidos) e Aurelio e Iago García completaron a autoría goleadora dos do Vicedo.
Non obstante, sobre todo onde tamén dominaron foi no medio do campo con gran traballo de Isma e Schuster. O ‘alemán’ Ángel Candia, ex xogador do Viveiro ou das Pontes, gozou da primeira titularidade da tempada e amosou o seu poderío aos seus corenta anos. Terceiro triunfo seguido do Folgueiro e nove partidos sen perder.
Na cuarta praza está o Roupar (empatado con Folgueiro e Muimenta a 19 puntos) logo de empatar sen goles ante o Guitiriz. Ambos equipos viñan dunha derrota e suman un punto que mantén igualada a pelexa pola fase de ascenso.
O Cospeito é precisamente un dos equipos que máis se beneficiou na xornada. Ao non sumar os de máis arriba de tres e gañar a un rival directo como a Candelaria, colócase na sexta posición a tres puntos do play off.
Os locais tiveron o dominio do xogo ante un rival ben plantado defensivamente. Cuarta vitoria do curso para o equipo dirixido por Luis que ademais acumulan oito encontros sen perder. Pola súa banda, a Candelaria queda un posto por abaixo (7ª) e cun punto menos ca o seu rival.


Da zona baixa cara a zona media pasaron o Fonsagrada e o Castro B. Ambos equipos suman trece puntos e están nun gran momento de resultados. O conxunto fonsagradino superou ao Goiriz no Ventiño nun encontro que practicamente se resolveu no primeiro tempo.
Aínda así, o gran mérito do encontro foi para Marcos, o gardamallas do Goiriz. Lesionouse no quecemento dun ombreiro e xogou igualmente o partido por mor de non ter recambio.
Pola súa parte, o Castro B dominiou a un Celta Barreiros que foi inferior no Cascabeiro. A pesar dos cinco goles encaixados, un dos grandes protagonistas foi o porteiro local Pitero que salvou aos seus dunha goleada moito maior.
Ademais do Fonsagrada e do Castro B, tamén teñen 13 puntos o Guitiriz e o Xermade. Precisamente no derbi xermadés desta xornada houbo empate. O Xermade foi quen de comezar mandando no marcador, aínda que despois o Cabreiros remontou momentaneamente ata poñerse 3-1.
No segundo tempo, notouse a superioridade física dos pupilos dos irmáns Pena e conseguiron igualar. Ambos equipos puxeron de manifesto a mala arbitraxe do partido.
Na parte baixa, a Comercial venceu pola mínima ao Alfoz. Foi un encontro igualado no que o maior acerto dos capitalinos serviulles para conseguir tres puntos importantes para tentar saír da zona de perigo.
A Comercial volveu gañar logo de catro xornadas sen facelo. Pola contra, xustamente catro son as derrotas seguidas que acumula o Alfoz no último mes.
Na zona sur da provincia, o Friol e o Oural son os que se manteñen no máis alto con 23 puntos. O cadro friolés superou no Catro Ventos ao Carballedo. Os visitantes adiantáronse cedo, aínda que o equipo preparado por Rodrigo Amarante mantívose con opcións ata a hora de xogo.
A partir de aí, o segundo gol en contra sentenciou aos locais e o Friol incrementou a súa conta goleadora.
Pola súa banda, o Oural logrou os tres puntos ante o Brollón. Os visitantes xa tiñan dous goles de vantaxe ao cuarto de hora.
O equipo dos Medos logrou marcar un gol antes do descanso e tentou buscar o empate ao inicio do segundo tempo. Pero quen marcou foi o Oural o terceiro que a partir de aí xa se fixo co control absoluto do xogo.
Terceiro, a dous puntos dos líderes, agora é o Guntín que venceu á Milagrosa nun partido no que se marcaron oito goles. No tempo de lecer o resultado era de 3-3 logo dunha primeira metade onde os ataques claramente se opuxeron ás defensas.
Si que mellorou defensivamente o Guntín no segundo acto. Iso unido a sacarlle rendemento a dous balóns ás costas da defensa local, permitiulle levar os tres puntos.
O Paradela afrontaba a xornada no trío de cabeza instalado na segunda posición. Pero cruzouse no seu camiño un bo Corgo que deu a badalada da fin de semana. O equipo sumou a segunda vitoria da temporada (as dúas foron no Municipal) ante un rival moi condicionado por unha expulsión antes do descanso.
Os locais tiveron dous penaltis ao seu favor, aínda que só foron quen de transformar un en gol. O resultado ao inicio do segundo tempo era de 1-1. A fortuna non estivo tampouco do lado do Paradela cando un saque do seu porteiro pega no seu compañeiro Juan e entra na súa propia portería.
O Ferreira pasa a marcar a zona de play off e sobe o quinto posto da táboa ao vencer ao Chantada B. Samba foi un dos grandes protagonistas cun gol e unha asistencia.
Ás portas da zona de privilexio queda agora o Becerreá que non pasou do empate ante o San Roque na capital. Un punto separa os de vermello e negro da quinta posición.
Comezou mellor o Becerreá, pero un erro defensivo facilitou que foran os locais os que se adiantaran no marcador por medio de Jano. Co gol, o San Roque medrou ante un rival que buscaba transitar rápido. Os visitantes aproveitaron un erro defensivo do rival para conseguir empatar.
Na reanudación, Santín desfixo a igualdade nunha incursión en campo rival que rematou cun disparo afastado pegado ao pau coa súa zurda. A partir de aí, o San Roque empeñouse en marcar o seu segundo gol e conseguiuno nunha gran xogada a balón parado rematada por Raúl.
A tres puntos da fase de ascenso quedan o Sporting Lucense (7º) e o San Roque (8º). Precisamente o conxunto preparado por Lolo superou ao San Lázaro (9º) no derbi da finde na capital lucense. Cuarta vitoria dun Sporting ao que lle falta ser quen de enlazar varias de xeito consecutivo.

Na parte baixa da clasificación, sobresaía un partido: o Río Sil impúxose pola mínima ao Lemos B. Os pupilos preparados por Cabanelas soben ata o 12º posto e suman once puntos. Volveron gañar logo de cinco derrotas.
Pola súa banda, o filial lemista continúa na penúltima posición e acumulando oito encontros sen lograr sumar de tres. Na Carqueixa os locais levaron máis o peso do xogo, pero no último tramo de encontro o equipo de Monforte apertou. Conseguiu recurtar distancias no marcador pero non lle chegou para lograr o empate.