Txiki (Carballedo CF): “A capacidade para xuntar xente foi o que máis me sorprendeu”

Son tempos de conformar proxectos. Críticos para algúns equipos. A escaseza de xogadores ou de xente responsable á fronte pode derivar nun futuro negativo. Pero mentres algúns clubs na provincia debaten o seu futuro, hai un que xa o ten amarrado. O Carballedo CF recolle os cementos do desaparecido A Barrela e terá equipo na Terceira Rexional. Despois do éxito do conxunto feminino na tempada pasada, a estrtutura do Catro Ventos continúa medrando. Manuel Otero Costoya “Txiki” (6-04-1983, Taboada) dirixirá o cadro de futbolistas dende o banco. Este e outros motivos obrígano a pechar ciclo como xogador. CD Lugo, Calasancio, Antas ou Taboada foron os equipos que ocuparon a carreira futbolística de Txiki dende cativo. A aposta agora é centrarse nos bancos. No sénior pero tamén pendente dos máis cativos. Continuará adestrando na base do Antas. Sementando e recollendo a ilusión que transmiten os máis novos.

Futbolinlugo: Por que te decides por este novo proxecto?

Txiki: Xa coñecía aos directivos, apetecíame seguir adestrando a un equipo sénior e son uns rapaces que veñen con moitas ganas. Había a posibilidade de seguir adestrando en Taboada aos xuvenís, pero ao final non se deu.

Fil: Hai capacidade para que Carballedo volva ter equipo de fútbol masculino?

Tx: Si. Esa capacidade para xuntar xente é unha das cousas que máis me sorprendeu. Xa o tiñan medio armado. Van xuntando xente do propio pobo que como levaban tempo sen equipo alí tiñan gañas de volver xogar cos seus. Tamén hai moito rapaz novo e collen xente de Concellos limítrofes da zona de Ourense.

Fil: O equipo está perfilado?

Tx: Teremos que ir vendo aos xogadores e adestrar. Sempre poderá vir algún reforzo doutras categorías. Pero a base está feita. Ademais con xente de alí.

“Pensei que ía partir de cero, pero xa estaba todo medio encamiñado”

Ver esta publicación en Instagram

Xa é martes????, mirada á fronte e contando as horas para que veña a seguinte xornada⌚????⚽ #Futbolinlugo #AMedela ???? Anxo Varela (@taboadacf)

Una publicación compartida de Futbolinlugo (@futbolinlugo) el

Fil: É habitual que o adestrador sexa moitas veces o encargado de xuntar a xogadores, ti xa tiñas o traballo feito?

Tx: Pensei que ía partir de cero outra vez. Pero xa estaba todo falado e medio encamiñado Por ese lado si que me sorprendeu bastante. Agora toca ver os rapaces adestrar e escoller.

Fil: Cando comezades a pretemporada?

Tx: O martes 6 de agosoto.  Temos algúns amigables xa pechados. Xogaremos co Taboada B, Chantada xuv., Cea e Villamarín. Estamos abertos a programar máis cando coñezamos o calendario da Liga e o sorteo da Copa Deputación. 

Fil: Estarás a par co traballo na base do Antas…

Tx: Os pequenos de Antas é algo que tampouco quero perder. Somos case como unha familia. Pásoo moi ben con eles. Seguirei cos integrantes do benxamín do curso anterior que agora xa pasan a alevíns. Ademais estarei botando unha man cos xuvenís. Entre os clubs non houbo pegas. Déronme todas as facilidades do mundo para compaxinar.

Fil: Esta aposta como técnico significa deixar a un lado o de seguir xogando ao fútbol?

Tx: Si. O ano pasado din os últimos coletazos. Na segunda parte da tempada por distintos motivos non me coincidía tan ben adestrar e xoguei co Taboada B. Pero agora dou por pechada esa etapa. Centrarémonos en adestrar e en mellorar adestrando. Quero facelo ben e ter estabilidade. Non busco grandes divisións pero si atoparme a gusto nun sitio.

O imrán de Txiki, Andrés Otero marcou o gol que significou o ascenso do Taboada á Preferente no 2012. Os dous viviron o momento sobre o campo en Noia

Fil: Con que te quedas destes anos xogando?

Tx: Con moitas cousas, pero principalmente cos amigos que fixen. Xoguei no Lugo, no Calasancio, no Taboada e no Antas e en todos os sitios deixei amigos que nos seguimos vendo no mundo do fútbol. É o final é o que te levas. Tamén eses recordos de cando eras pequeno que son os que máis te marcan. A nivel deportivo para min o culme foi cando logramos o ascenso co Taboada á Preferente. Ademais puiden vivir dentro do campo cando meu irmán marcou o gol no último minuto que nos daba o ascenso.

Fil: Botarás de menos o Taboada CF?

Tx: Si porque foron moitos anos como xogador e adestrador. Fun segundo técnico do equipo A e primeiro do B. Ademais co traballo que nos costou o ano pasado, a perda que tivemos de Canti,.. Son meus veciños e son meus amigos tamén. Aínda que agora a curto prazo no fútbol collamos camiños distintos.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 466

Deja un comentario