Trío de Ases Terceira (Xornada 30) e Preferente (Xornada 31)

O Polvorín fíxose co derbi lucense de Terceira e condena ao Racing Vilalbés a seguir sufrindo. Na Preferente o Viveiro sentenciou o descenso do Castro cunha goleada, mentras que a Sarriana empatou na Ribela ante o Noia logo de desaproveitar dous goles de ventaxa. O Ribadeo superou o trámite no campo do colista Estudiantil, e o Foz recuperou sensacións tras golear ao Agolada no Martínez Otero.

O derbi de Terceira rematou con triunfo do Polvorín na Madalena ante un Racing Vilalbés, que rachou a xeira de nove xornadas sen perder (0-1). O filial lucense deu un paso de xigante ao sumar 41 puntos, mentras que o conxunto chairego queda dous puntos por enriba do descenso directo. Quince lucenses, nove nas filas vilalbeses e seis nas luguesas, formaron parte do partido no céspede da Madalena. Logo dun primeiro tempo sen moitas ocasións, o Racing valeuse do balón parado para xerar perigo, pero non atinou entre os tres paos. Na segunda, Juan de Dora tivo unha boa opción, pero o seu lanzamento marchou ao longueiro. Pouco despois Brunet tamén disparou á madeira. O rexeite aproveitouno Antón Escobar para facer o único tanto do encontro. Décimosexto tanto para o ariete do Polvorín. Costoulle ao conxunto local chegar á porta de Cacharrón, pero nos minutos finais puxo en apretos aos de Durán. José Varela e máis tarde Edrosa, ao que o liña lle anulou un gol, tiveron as máis claras. O de Pastoriza, que entrara na segunda metade tivo que abandonalo encontro por unha lesión no ombreiro. Cuadrado puido sentenciar pero Javi Pita estivo acertado no man a man. Moi preto do final, Make atopouse de novo coa madeira logo dun centro de José Varela, no que foi a derradeira ocasión.

O Viveiro retornou á senda da vitoria ao grande, goleando a un Castro que certificou o seu descenso a Primeira Autonómica (6-0). O ex xogador do conxunto chairego, Tichu, abriu a lata ao aproveitar un balón solto dentro da área. O gol serviulle aos de Chusky para xerar fútbol e tentar certifícalo triunfo, pero o Castro, moi ordeado, aguantaba as acometidas viveirenses. Alberto Rey, cun lanzamento ao longueiro, tivo a oportunidade de empatalo encontro. Pero nada máis comezala segunda metade, Álex Meitín, de cabeza, fixo o segundo e pouco despois Roi, que voltaba ao equipo titular logo da superala lesión, sentenciou o partido. Xa coa vista posta no derbi mariñán da vindeira xornada, o adestrador viveirense meteu xogadores de refresco e as rotacións déronlle bo resultado. Rolle, que empezara no banco culminou a goleada con dous tantos, logo de que o capitán Álex Meitín fixese o cuarto.

A Sarriana empatou na Ribela ante un rival directo, o Noia (2-2). Nun dos encontros máis completos dos de Alberto López, o desconto resultou fatídico. Desde o primeiro minuto ata o derradeiro, a Sarriana foi o equipo que levou o timón do partido. Cun ritmo alto de xogo, sucedéronse as ocasións ata que Omar fixo o primeiro aos dezaseis minutos superando a Pajarillo, que resultou lesinonado nesa acción. Do Noia en ataque tan só rescatamos un testarazo de Quintairos que detivo sen problemas Javi López. Na segunda metade, o mesmo guión. A Sarriana ampliou diferencias nunha xogada de estratexia na que Luisma aproveitou unha prolongación de Diego Núñez. Cando parecía sentenciado o encontro, Nando de penalti no 93, e de falta no 94 enmudeceu unha Ribela que presentou un ambiente espectacular.

O Ribadeo venceu no campo do Estudiantil, pechacancelas da categoría (0-2). Fácil vitoria dos de Rafa Casanova, que malia as numerosas baixas, solventaron o encontro nos compases iniciais. Aitor no primeiro minuto de partido, e Vizoso cando aínda o reloxo non chegara ao vinte de xogo fixeron os tantos dos ribadenses. O marcador non se moveu, aínda que o Ribadeo contou con numerosas ocasións de amplialas diferencias, nun encontro que controlou de comezo a fin. O Estudiantil tan só chegou á meta defendida por Javi Prieto nunha ocasión, pero o remate do atacante marchou ao pao. Tiveron minutos no conxunto mariñán os xuvenís Iván, Álex e David.

O Foz voltou á senda do triunfo e fíxoo cunha goleada ante o Agolada (4-0). Co descenso directo moi lonxe, os de Gayol pelexarán neste tramo final de liga por evitar saír dos postos que den lugar á perda de categoría por arrastres. Os mariñáns fixéronse co balón e co dominio do partido, deixando ao rival sen argumentos. Ibán Gayol impuxo a súa lei, e un centro seu foi rematado por Xenxo para facelo primeiro. Pouco máis tarde, un maxistral lanzamento de falta do propio Gayol puxo terra de por medio. Na segunda metade, o conxunto visitante deu un paso adiante, pero as chegadas a área focense non remataron de ser claras. O fillo do adestrador local acadou o doblete a falta de vinte minutos para o final  e xa moi preto do final, Asier non errou desde os once metros, logo dun penalti cometido sobre Xenxo.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario