Trío de Ases Preferente (Xornada 17)

A xornada número dezasete na Preferente Norte déixanos os triunfos de Viveiro e Foz nos derbis provinciais ante a Sarriana e o Castro respectivamente, e a debacle do Ribadeo no campo do Ordes.

O que se prevía como un derbi igualado entre dous equipos da zona alta rematou en goleada. O Viveiro está en estado de gracia, e gañoulle á Sarriana por cinco tantos a cero. E o certo é que contou con ocasións para que a diferencia no marcador fose maior. Os visitantes manteñen o segundo posto, pero xa ven de reollo aos mariñáns, a tan só tres puntos. Os de Alberto López non estiveron acertados e víronse superados polo Viveiro desde o comezo. Tan só Rubén Díaz na primeira metade, nun man a man ante Kiko, e Álvaro nun lanzamento de falta que foi ao pao cando o partido xa estaba resolto, tiveron opcións de gol para a Sarriana. Xa no primeiro minuto, Uriol e Tichu, á saída dun córner puideron adiantar aos de Chusky, que non tardaron en facelo, cando Marino driblou a dous rivais e marcou desde a frontal. Malia que o de Meira voltou a ter outra clara ocasión, así como tamén Álex Meitín, non foi ata o minuto 39 cando Rolle desde fóra da área superou a Javi López. Xusto antes de rematala primeira metade, Xaime fixo o terceiro ao rematar a pracer un bo pase atrás de Meitín. A segunda metade non tivo historia, Rolle anotou o segundo na súa conta particular ao aproveitar outra boa asistencia de Álex Metín, ao igual que Xaime logo dun servicio de Marino.

O outro derbi da xornada viviuse no Martínez Otero. Terceiro triunfo consecutivo do Foz (3-2) que tivo que remontar ante o Castro. Os chairegos adiantáronse no marcador antes dos dez minutos cun zurdazo de Chumi logo dunha boa acción de Buíde. Os mariñáns, nervosos e sen fluidez estrelábanse ante os de Brais Prados, ordenados e con dinamita á contra. Moi preto do descanso, Gonzalo enganchou un bo tiro cruzado e acadou o empate. Aos sete minutos da reanudación, Gayol moveu o banco e meteu no campo ao seu fillo Iban e Asier e cambiou o panorama. O Castro tivo unha clara opción nun remate do goleador Chumi, pero Bruzos respostou de xeito espectacular. A partir de ahí, Asier convertiuse no xogador clave do encontro. Impuxo a súa calidade e dous golazos seus resolveron o encontro. Xa no desconto, Dani Montes á saída dun córner recurtou distancias.

O Ribadeo prolongou a súa mala xeira en Vista Alegre ante o Ordes, onde caeu por 4-0. Os de Rafa Casanova asinaron o peor encontro da temporada. Tan só Luki, xa co encontro resolto, inquedou a portería rival. Os mariñáns manteron o tipo ata a media hora de xogo, cando o Ordes fixo o primeiro, pero xa en inferioridade no marcador, non foi quen crear perigo, e na segunda metade chegaron tres tantos máis. Tan só un punto acadado dos últimos doce en xogo, fan que o Ribadeo se alexe da zona alta, malia mantelo sexto posto da clasificación.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 409

Deja un comentario