Rematou o 2023 futbolístico, e fíxoo con derrota na Segunda RFEF. O Racing Vilalbés non puido puntuar no Vao fronte ao Coruxo. Na Terceira RFEF a Sarriana venceu con claridade no campo do Somozas, mentres que o Polvorín e o Viveiro caeron derrotados. Os primeiro no campo do Gran Peña e os segundos na casa fronte ao Silva. Na Preferente o derbi entre o Ribadeo e o Castro rematou con triunfo mariñán. O Lemos caeu pola mínima no campo do Sofán, mentres que a Residencia fixo o propio na Pedreira co Mugardos.
Un Racing Vilalbés castigado polas baixas en defensa mereceu máis diante do Coruxo (3-2)
O resultado non fixo xustiza ao visto sobre o terreo de xogo do Vao. Mereceu máis o Racing nun encontro no que Simón Lamas tivo que reconstruir a súa liña defensiva polas ausencias de Kiko, Vérez e Javi Varela. Buyo e López xogaron no centro da zaga xunto a Nathan. O partido comezou con dominio local estéril. A primeira ocasión clara foi dos chairegos. Un bo pase de Pablo Rey a Álex Pérez rematouno este último que se atopou coa boa intervención do gardameta. Á media hora de xogo o encontro volveuse tolo e o Coruxo adiantouse nun disparo desde a frontal de Terranova tras un barullo na área. Só dous minutos máis tarde chegou o empate, obra de Make tras unha boa xogada de Álex Pérez. Reaccionaron ben os locais e antes do descanso marcaron o segundo por medio de David Añón, tras unha serie de rexeites na área.
A segunda metade comezou ben para os de Simón Lamas. Aos dous minutos Cristian empatou o encontro. O Racing gozou dos seus mellores minutos tras o empate, pero a falta de quince minutos para o final Andriu fixo o terceiro para o Coruxo e o Racing careceu de claridade de ideas para lograr a igualada.


Triunfo incontestable da Sarriana no campo do Somozas (0-3)
Moi superior a Sarriana no Alcalde Candocia. A primeira metade foi de completo dominio dos de Jorge Cuesta. Aos dez minutos chegou o primeiro tanto, logo de que o colexiado sinalase penalti por man dun defensor. Miguel non errou desde os once metros. O Somozas buscou xerar perigo á contra e obrigou a intervir a Javi Liz nunha ocasión. Boedo e Miguel contaron con dúas boas opcións de gol antes do descanso.
No segundo tempo o Somozas optou por un fútbol directo na procura do empate, pero a Sarriana non tardou en poñer terra de por medio. Tijan definiu á perfección diante do porteiro tras un bo servizo de Edgar. O terceiro tanto volveu a levar a sinatura de Miguel. Tras unha conducción o disparo desde a frontal pasou por enriba de Paco. German tamén anotou pero o colexiado anulou o seu tanto.

O Viveiro remata o ano do centenario con derrota nun mal encontro como local (0-2)
Foi mellor o Silva en Cantarrana desde o pitido inicial. Os coruñeses estiveron máis precisos e verticais que un Viveiro que non amosou a actitude e o ritmo axeitado. Á media hora de xogo, nunha contra levada por Antón e Rodri chegou o primeiro tanto obra de Pose. O Viveiro contou cunha sóa ocasión no primeiro tempo cun remate de Diego ao pao á saída dun córner.
Alberto López trocou de sistema no intermedio e o Viveiro saiu mellor ao campo. Cora rozou o empate cun bo tiro cruzado, pero pouco a pouco o Silva fíxose co control do partido novamente. Noutra contra, Pablo Carreo sentenciou o encontro.
O Polvorín xogou cun home máis, pero non foi quen de sumar co Gran Peña (1-0)
O debut de Roberto Trashorras na súa segunda etapa no banquiño do Polvorín non comezou do mellor xeito. A derrota do filial albivermello déixao en postos de descenso. Os lucenses puideron adiantarse nunha boa ocasión de Maceira e pouco despois chegou o gol local. Nun rexeite Rivera anotou o que sería o único tanto do encontro. Antes do descanso o Gran Peña quedou cun home menos por expulsión de Mario Cantero.

O Polvorín contou con varias ocasións para marcar, pero sen fortuna. Edu Taboada estrelou o balón no longueiro e Maceira e Lizancos tamén puideron marcar.

O Ribadeo asinou o seu mellor encontro no Pepe Barrera para vencer ao Castro (3-1)
O derbi provincial tivo clara cor local. O encontro caracterizouse polo alto ritmo e intensidade, sobre todo na primeira metade. Aínda que o dominio foi local, o Castro comezou xerando máis perigo sobre a área rival cun testarazo de Fito que marchou fóra por escasos centímetros e cun disparo de Marco que salvou Carrera. Non tardou o Ribadeo en avisar. Diego Ferreiro, a pase de Xaime, obrigou a Josema a realizar unha soberbia parada e pouco despois Simón rematou alto, sen oposición, á saída dun córner. No minuto 21 adiantouse o Ribadeo nun balón á área que prolongou Santi e Castrín cabeceou ao fondo da portería. Sen tempo para que o Castro asimilara o gol, chegou o segundo. Tichu rematou ao longueiro e o rexeite aproveitouno Diego Ferreiro que empurrou o balón. Preto do descanso Diego Ferreiro volveu a poñer a proba os reflexos de Josema.
O segundo tempo resultou máis baixo de revolucións. O Ribadeo cedeulle o balón a un Castro sen claridade no ataque. Rafa Casanova realizou un cuádruple troco na procura de solucións, pero as ocasións de gol non chegaron. Con vinte minutos gastados chegou a sentencia para o Ribadeo cun bo lanzamento de Tichu desde a frontal. O tanto do Castro chegou co tempo regulamentario xa cumprido. Álvaro colocou na escadra un lanzamento de falta desde a frontal.
O Lemos, plagado de baixas, perde pola mínima co Sofán (1-0)
Con seis baixas salientables viaxou o Lemos a Carballo. Ben é certo que é de destacar a boa labor dos rapaces do filial convocados por Juanlu Bernal. O encontro resultou igualado, cun fútbol moi directo e con moitas interrupcións. Mauro contou cunha boa ocasións para marcar, pero o balón estrelouse no pao. Non errou o Sofán, que aproveitou un desaxuste defensivo da zaga monfortina para poñerse por diante no marcador cun gol de Montero.
No segundo tempo o Lemos foi lixeiramente superior. O Sofán non contou con ocasións e o Lemos chegou con certo perigo á portería rival e puido anotar, pero non era o día. Con esta derrota, o cadro monfortino achégase aos postos de perigo.
A Residencia caeu no desconto no campo do Mugardos (2-1)
O conxunto lucense realizou un bo partido e amosouse superior ao seu rival, pero isto non se reflexou no resultado final. Pereira e Róber contaron con dúas claras ocasións de gol no primeiro tempo, antes de que a Resi inagurara o marcador. Foi no minuto 43. Un centro de Artai, tras xogada individual, deixouno pasar Pereira e no segundo pao rematou Andrés ao fondo da portería.
Saiu mellor ao campo no segundo tempo o cadro local. Do Carmo estrelou un balón no pao da portería de Diego e pouco despois o propio atacante estableceu o empate nunha boa xogada persoal. Co marcador igualado a Residencia fíxose de novo co dominio e contou con boas ocasións para marcar. Rober, Pereira e Gabri atopáronse coa inspiración do porteiro David Gómez. No minuto 95, á contra o ex viveirense Do Carmo, o mellor xogador do encontro, resolveu o encontro a favor dos mugardenses.
