O Racing Vilalbés debutou na Madalena en Segunda RFEF e fíxoo cun empate diante dun Avilés chamado a pelexar polo ascenso. Na Terceira non houbo triunfos lucenses. Polvorín e Sarriana sumaron un punto fronte a Estradense e Gran Peña respectivamente, mentres que o Viveiro caeu en Cantarrana diante do Bergantiños. Na Preferente, o derbi provincial entre o Ribadeo e a Residencia rematou con triunfo dos mariñáns. O Lemos venceu no feudo do Sigüeiro e o Castro caeu fronte ao Boiro.
O Racing Vilalbés sumou un punto na súa estrea na Madalena en Segunda RFEF (1-1)
O Avilés foi o primeiro rival dos chairegos na Madalena na nova categoría. Os de Simón Lamas realizaron un encontro moi serio diante dun conxunto chamado a pelexar polo ascenso. Saiu moi ben o Racing e antes de cumprirse o primeiro minuto de xogo xa gozou dunha dobre ocasión que nin Jose Varela nin Álex Pérez foron quen de concretar. A balón parado Quico tamén puxo en apuros ao gardameta rival. No primeiro achegamento dos asturianos chegou o gol, obra de Alorda. O tanto afectoulle ao Racing que pasou os peores minutos. O Avilés chegou con certo perigo á porta de Álex Santomé, pero antes do descanso, un penalti cometido sobre Álex Pérez transformouno Pablo Rey no tanto do empate. A decisión arbitral foi moi protestada polos xogadores visitantes.
A segunda metade foi moito máis pechada. O Avilés tivo moito máis balón e ao Racing Vilalbés costoulle moito máis transitar. O conxunto asturiano contou con máis chegadas á área rival, pero sen inquedar demasiado aos chairegos, que unha vez máis amosáronse como un equipo serio, solidario e moi difícil de superar.


O Polvorín igualou fronte ao Estradense nun encontro sen apenas ocasións (0-0)
O filial albivermello voltou a Terceira e fíxoo nun encontro no que apenas se viron ocasións ao longo dos noventa minutos. O Polvorín tivo o balón diante dun Estradense no que o sarriao David Páez artellou un sistema defensivo que apenas tivo fisuras.
Os pupilos de Roberto Fernández tentaron abrir o campo e buscar os seus xogadores de banda, pero apenas surxiron centros laterais perigosos que inquedaran aos visitantes. O Estradense en ataque tentou xerar perigo a balón parado, aínda que sen demasiado éxito.

A Sarriana debuta en Terceira RFEF cun punto no feudo do Gran Peña (2-2)
Costoulle entrar á Sarriana no encontro nos primeiros minutos. O alto ritmo do segundo filial céltico puxo en dificultades aos de Jorge Cuesta. Pouco a pouco, o cadro sarriao colleulle o pulso ao partido e no primeiro achegamento un lanzamento lonxando de Jared sorprendeu a Álex Vila. Co marcador a favor, a Sarriana gozou do seu mellor momento. Só tres minutos máis tarde, Cuadrado puxo terra de por medio. O marcador aínda puido ser máis amplo para o cadro lucense que só se viu intimidado no último intre da primeira metade, cando Javi Liz solventou un man a man fronte a un dianteiro rival.
Logo do paso por vestiarios, a Sarriana non entrou ben ao campo e o Gran Peña meteu atrás aos sarriaos que tiveron que xogar con Keko no centro da defensa no canto dun Ruchi que quedou nos vestiarios mancado no descanso. Non tardaron os vigueses en recurtar diferencias. De la Iglesias no perdonou desde os once metros. A falta de doce minutos para o final, Óscar Gil, cun lanzamento desde fóra da área logrou o empate. Preto do final, Edgar viu o segundo cartón amarelo e a Sarriana resistiu cun home menos para lograr o seu primeiro punto na categoría.
O Viveiro cae en Cantarrana co Bergantiños, un dos favoritos ao ascenso (1-2)
Encontro igualado en Cantarrana. O Viveiro prantoulle cara a un rival cun cadro de xogadores confeccionado para acadar o ascenso. Nada máis comezar, Arturo tivo nas súas botas o gol. Co paso dos minutos, os de Carballo foron chegando á área rival con máis perigo. O colexiado sinalou un penalti inexistente favorable ao Bergantiños que Ayoub detivo providencial. O tanto visitante chegaría pouco despois. Álex Ramos centrou ao segundo pao e o ribadense Pedrosa rematou ao fondo da portería.

Na segunda metade, Alberto López moveu fichas coas entradas de Manu, Cora e Mauro e o equipo mellorou. Manu, nun lanzamento de falta frontal, igualou o partido. O Bergantiños, cun xogo directo, logrou o tanto do triunfo noutro penalti, que desta vez transformou Álex Ramos. O Viveiro tivo ocasións para empatar nas botas de Diego Núñez, Manu e Nacho, pero as paradas de Santi Canedo resultaron providenciais.
O Ribadeo levou o derbi provincial diante da Residencia no Pepe Barrera (2-1)
O primeiro derbi da temporada tivo cor local. O Ribadeo foi superior na primeira metade. Asier, aos nove minutos de xogo, tras unha gran xogada individual, na que se desfixo de varios defensores, superou a Diego poñendo en vantaxe ao cadro local. Foron os mellores minutos dos de Dani Moirón. Nunha boa xogada de Álex Meitín a piques estivo de marcar Aitor, e Iván cunha volea preto estivo de facer o segundo. A Residencia apenas inquedou a portería de Carrera na primeira metade. Tan só Gabi, cun lanzamento frouxo desde a frontal probou ao gardameta ribadense.
A segunda metade comezou tal e como o fixo a primeira. Aos tres minutos, unha gran xogada de Asier rematou coa asistencia deste a Álex Meitín, que definiu ben cun tiro cruzado. A partir de aí o encontro trocou e a Resi foi quen se fixo co dominio cun gran Dani Renda na sala de máquinias. No minuto 65 o disparo de Andrés detívoo Carrera, pero o rexeite recolleuno Rois que á segunda superou a Carrera. Pouco máis tarde, un lanzamento de falta lateral de Dani Renda a piques estivo de colarse na portería dun Ribadeo que pasou os seus peores minutos. No tramo final, os de Dani Galán xogaron máis directo na procura dun remate na área, pero o Ribadeo defendeu o marcador sen pasar excesivo perigo.
Armesto volve ao Lemos cun doblete para sumar tres puntos (1-2)
Bo encontro do Lemos no campo dun Sigüeiro que amosou un bo xogo combinativo. Os monfortinos, coas liñas moi xuntas, evitaron ocasións moi claras do cadro local. Ata a media hora de xogo soamente unha chegada clara para cada equipo, pero no minuto 32 Armesto fixo o primeiro logo dunha boa conducción. Ata o descanso, o Sigüeiro dominou sen que Losada tivera que intervir.
No segundo tempo o Lemos cedeulle o balón ao rival e agardou ben colocado para saír á contra. Así chegou o segundo a falta de seis minutos para o final. Dani Arias asistiu e Armesto fixo o segundo, tamén na súa conta particular. Xa co tempo cumprido Hugo Álvarez aproveitou unha pérdida do Lemos para recurtar diferencias.
Gregor non tivo piedade dun bo Castro no seu retorno a Preferente (3-1)
O encontro comezou parello e con alternativas, pero o cadro chairego tivo que rmatar contracorrente desde os sete minutos. Gregor rematou de cabeza un bo centro lateral de Saro. O Castro soubo defenderse ata cumpridos a primeira media hora, cando Gregor aproveitou un balón morto na área para poñer terra de por medio.
Logo do paso por vestiarios, o Castro deu un paso adiante e buscou recurtar diferencias, pero era o día de Gregor. Á contra sentenciou o choque tras superar no un contra un a Josema. Desde o punto de penalti Fito recurtou diferencias.
