Volveu a Primeira Galicia, e con ela volveron os Máxicos. A primeira xornada deixou sensacións agridoces e moitos goles para os conxuntos da provincia, que xa adiantaron que a campaña vai ser, cando menos, igualada.
Portomarín 2-5 Outeiro de Rei: os chairegos foron os grandes dominadores dun primeiro tempo que rematou con 0-1 pero no que o marcador puido ser máis amplo. Porén, os locais agarráronse ao choque na reanudación, ao anotar o 1-1 á saída dun córner e o 2-1 cun gran disparo desde a frontal, ambos tantos obra de Hugo. Os nervos xogaron entón unha mala pasada aos xogadores do Portomarín, que quedou cun home menos e, máis tarde, concedeu un penalti que supuxo o 2-2. Cos do Chao da Poza rotos, o Outeiro aproveitou e fixo tres goles máis (2-5) que lle concederon unha victoria merecida, pero sufrida.
Chantada Atlético 3-0 Guntín: comezou o Chantada Atlético con moita intensidade ante o recén ascendido Guntín. De feito, a primeira media hora foron os locais os que mandaron no xogo, aínda que o Guntín foi quen de defenderse con solvencia e gozou de ocasións claras na recta final do primeiro tempo. Porén, serían os atléticos os que se adiantasen na primeira xogada do segundo tempo, logo de tan só 10 segundos de xogo, para poñer o 1-0 e, a partires de aí, dominar completamente un choque que rematou con 3-0 no Sangoñedo.
Meira 1-1 Lourenzá: partido moi igualado condicionado polas tormentas. Logo dun primeiro tempo no que o Meira perdoou aos seus rivais, con ocasións claras que desperdiciaron, comezou un segundo tempo tolo: o gardamallas local Fer foi expulsado por unha man fóra da área e, pouco despois, os de Roberto Ramallal puxeron o 0-1 por medio de Yago Cruña. Na última xogada do partido, un penalti a prol do Meira moi protestado polo «Atleti» traduciuse no 1-1 que supuxo o reparto de puntos nun choque que estivo detido case un cuarto de hora por mor do granizo.


Taboada 1-0 Milagrosa: a igualdade reinou na Medela entre Taboada e Milagrosa. Os de Frigsa apretaron máis no primeiro tempo, cando Rafa errou un man a man que puido adiantar aos seus. Xa na segunda metade, o Taboada fixo o 1-0 á saída dun córner, que a postre deixaría os tres puntos na casa. As desputas e o xogo directo primaron nun duelo entre dous conxuntos moi combativos.


Atlético Escairón 0-2 Pol: presentou a súa candidatura ao ascenso a SD Pol no Saviñao. Os locais apretaron aos seus rivais no primeiro tempo e gozaron de algunha ocasión para adiantarse, pero un conxunto polense que destaca pola súa calidade individual soubo sufrir e, na recta final, dous destellos de Gerardo e Omar comvertéronse en sendos tantos para dar aos seus os primeiros puntos da temporada.
Guitiriz 0-1 Foz: un gol de falta directa transformada por Dani Chao decidiu un choque moi igualado no Suso Cruz. Logo dun parexo primeiro tempo, o Guitiriz gozou de dúas ocasións nas botas de Iván Labrada que detivo ben Tomy. E, na Primeira, cando perdoas pagas. Así llo fixo saber o Foz cun certero disparo de Dani Chao nunha falta na frontal da área que se traduciu en tres puntos para os mariñáns ante un Guitiriz que xa demostrou que vai dar moita guerra este ano.

Santaballés 0-0 Xove Lago: moita igualdade na Liga entre dous clásicos da categoría. Os mariñáns empurraron algo máis no primeiro tempo, contando con algún tiro que se puido traducir en gol, mentres que os chairegos gozaron de dúas ocasións claras no primeiro tempo que atallou ben Trullo. Pese ao resultado, o choque destacou polo seu alto ritmo e intensidade.
Monterroso 0-3 SD Chantada: victoria merecida da SD Chantada ante un Monterroso que se viu superado polos seus rivais. Sobre todo nunha primeira media hora na que Gabri anotou dous goles (un tras un centro de Foci e outro tras un gran pase de Manu). Co 0-2, os locais deron un paso adiante, enviaron un balón ao traveseiro e puideron recurtar diferenzas. Porén, unha SD Chantada que soubo sufrir nese tramo foi quen de facer o 0-3 ao comezo do segundo tempo cun gran disparo de Manu. Con este resultado, o Monterroso o intentou e puido facer algún gol, pero finalmente o electrónico non se moveu.
Burela 6-2 Riotorto: partido sen historia na Marosa. Os locais, empurrados polo seu vistoso xogo e o seu alto ritmo, xa mandaban por 4-0 no tempo de lecer. Pese a que o Riotorto non lle perdeu a cara ao partido e chegou a poñerse 4-2 á volta dos vestiarios, os mariñáns volveron pisar o acelerador para anotar dous tantos máis que sentenciaron un choque que dominaron de principio a fin.
