#Fútbol afeccionado

Tres prazas, cinco equipos e 3 puntos de diferenza entre si

A loita por tres prazas que dan acceso a xogar a fase de ascenso na Segunda sur ponse do máis interesante. Paradela, Ferreira, Becerreá, Milagrosa e Oural están separados por tres puntos. 

Todo despois de que o Becerreá recuperara este mércores o seu encontro pendente co Lemos B. O equipo adestrado polo tándem Antón Méndez e Javi Gómez impúxose con claridade no marcador ao filial (6-1). Isto permítelle empatar a puntos coa Mila e volver ao 5° posto. 

Esta situación aperta a zona de privilexio do grupo sur. Sen dúbida, vai ser unha das pelexas máis igualadas na recta final da competición. A liga para en Semana Santa

Quedan nove puntos en xogo. Os partidos xogaranse nas tres útimas findes de abril. A maioría dos equipos non descansan porque teñen a primeira rolda da Copa Deputación. Contámolo en #ONoso11AChaira



O Meira non gaña pero mantén diferenzas co Folgueiro 

Na zona norte, o Meira chegou aos 60 puntos empatando no Municipal de Xermade. Mantén os tres puntos de diferenza co Folgueiro (máis o gol average). O equipo que lle recorta distancia é o Iberia. O cadro de Reinante queda a catro puntos do líder. No seu caso si ten o gol average gañado con respecto ao club meirego. 

Os pupilos preparados por Ramón Labrada comezaron gañando. De feito, na primeira metade todo se lles puxo de cara. Farra marcou un dobrete e deulle vantaxe aos seus. Antes do descanso, os locais quedaron cun menos por expulsión de Mario Benavente. 

O Xermade amosou o seu desencanto co árbitro. A maiores do xogador, foron expulsados o segundo adestrador e o delegado de campo. No cadro local acusan ao colexiado dunha parcialidade total ao longo do encontro. 



Con todo, o grupo preparado polos irmáns Pena logrou empatar no segundo tempo aínda en inferioridade numérica. Farra tivo os tres puntos nos seus pés pero errou un penalti na recta final. Foi o que lle faltou ao dianteiro pastoricense para pechar unha boa fin de semana. O sábado quedara campión, xunto co seu compañeiro Jesús, no torneo de tute organizado polo club. 

Da maneira na que se produciu o Xermade valora o empate. Aínda que un triunfo acercábao de cheo á loita pola promoción. Iso si, son oito partidos sen perder que o deixan a seis puntos do Cospeito. Ambos conxuntos enfrontaranse na penúltima xornada. 

O Folgueiro empatou tamén polo que nada cambiou na cabeza da clasificación. Igualou noutro dos grandes partidos da xornada ante o Guitiriz no Suso Cruz. 

Non houbo goles «legais» na primeira metade porque aos locais anuláronlle un. O Guitiriz tivo algunha ocasión máis que non materializou. Comezou mellor o Folgueiro no segundo acto. Non obstante, foron os futbolistas preparados por Marcos Pereiro os que se puxeron por diante. Foi nunha acción a balón parado provocada por unha cesión o porteiro. 

Os visitantes lograron o empate xa na recta final. O Guitiriz queda na cuarta posición con sete puntos de marxe sobre o Xermade e a Candelaria. Está a un paso de poder confirmar a súa presenza na fase de ascenso. 



O Iberia – Cospeito era sen dúbida outro dos bos partidos da finde. Dous equipos con moitas xornadas xa instalados na zona de privilexio. Pero se no que vai de tempada, o Cospeito xa foi capaz de estar unha volta enteira sen perder; agora parece que quen quere cumprir ese obxectivo é o Iberia

O equipo de San Miguel acumula catorce encontros sen perder. Está a un partido de dar unha volta enteira a liga sen ningunha derrota. Na próxima xornada visitará a Granda para xogar coa Candelaria. Xa ten asegurada a súa presenza na promoción de ascenso. 

Os locais marcharon ao descanso gañando pola mínima cun Cospeito que estivo moi impreciso co balón. Lograron aumentar vantaxe no segundo tempo nunha acción a balón parado culminada por Marcos

O Cospeito recurtou distancias por medio de Paredes. O Iberia puido facelo terceiro, pero os de Luis Romay empataron de penalti. Xa no tempo extra Barrera fixo o gol da vitoria. 

No Iberia tiveron protagonismo tamén os xuvenís xa que había catro na convocatoria. O extremo Dopico debutou no primeiro equipo. 

  • Calendario Meira: 

Meira – Alfoz

Muimenta – Meira

Meira – Roupar

  • Calendario Folgueiro:

Comercial – Folgueiro

Folgueiro – Cabreiros

Goiriz – Folgueiro 

Calendario Iberia:

Candelaria – Iberia

Iberia – Castro B

Guitiriz – Iberia

Nota*: o Meira podería ascender na próxima xornada no caso de que gañara o seu partido e a maiores tanto o Folgueiro como o Iberia perderan os seus partidos

A Candelaria perdeu a oportunidade de achegarse á promoción

O Cospeito queda con seis puntos de marxe sobre o Xermade (rival na penúltima xornada) e tamén sobre a Candelaria (con quen ten o gol average). 

Precisamente a Candelaria desaproveitou a oportunidade de achegarse moito máis a fase de ascenso. Perdeu ante o Castro B

O filial vermello entrou moi ben ao partido. Adiantouse moi rápido no encontro. Ao descanso chegouse co marcador de 2-1. No segundo acto os locais marcaron o terceiro, pero a Candelaria anotou o segundo para meterlle presión ao resultado. 

Os visitantes tentaron ir a polo empate, pero ao contragolpe sentenciou o Castro B. Navia e Borja marcaron cadanseu dobrete. 

O Muimenta volveu gañar e afasta o risco de descenso

O cadro celeste tamén conseguiu un triunfo moi importante ante un rival que se volvera directo pola permanencia, o Cabreiros. Os pupilos preparados por Basi lograron a vitoria despois de seis derrotas consecutivas. Non aseguran a permanencia por mor de non saber o número exacto de arrastres, pero si collen unha distancia considerable cos perseguidores. 

O cadro local marcou o único gol nun momento clave. Xusto antes do descanso. Estivo moito máis seguro que en anteriores partidos e o Cabreiros non gozou de grandes ocasións para empatar no segundo tempo. Para esta recta final de curso o Muimenta tamén incorporou a Dani Francos, xogador da propia localidade que xa estivera noutros momentos no grupo. 

Segue sumando puntos a Comercial que é novena con 36 puntos. Empatou ante un rival directo como o Roupar que está en peor situación clasificatoria.

A Comercial marchou ao descanso cunha cómoda vantaxe no marcador. Liderados por un Arturo que fixo un gran partido en ataque, asistencia co calcaño incluida. 

Con todo, os locais non mataron o partido no segundo tempo. No último tramo de encontro os de Diego Dopico conseguiron empatar. Esteban ‘Sebas’ foi o gran argumento do cadro verde para non baixar os brazos e lograr a igualada. 

Na décima posición está o Alfoz con 34 puntos. Nestes momentos deixa a seis rivais por baixo. Venceu pola mínima na casa ao Goiriz. 

A un punto do Alfoz está o Castro B, séguelle empatado a puntos o Cabreiros e logo aparece o Fonsagrada a catro puntos do conxunto alfocense. A tres do Fonsagrada e a sete do Alfoz está o Roupar. 

O cadro do Gómez Besteiro venceu ao Celta Barreiros. Os locais lograron ir con dous goles de diferenza ao descanso. Os visitantes tiveron bo dominio de balón na maior parte do encontro pero faltoulles xerar máis perigo de gol. Comezaron o encontro con once xustos, aínda que posteriormente chegaron dous futbolistas máis que non comprobaran ben as coordenadas. 

Jesús como porteiro menos batido do grupo e algún xogador fóra de posición para conformar un once con moito poderío ofensivo

O Guntín mantén a distancia no liderado

Na zona sur, o Guntín non afloxa e chega xa aos 63 puntos. Derrotou ao San Roque e mantén a diferenza de seis con respecto ao Friol. Con este triunfo o equipo do Ladairo leva unha racha dunha volta enteira sen perder. 

O cadro laranxa xa sentenciou practicamente o encontro no primeiro tempo. Mellorou o San Roque no segundo acto, pero os locais tamén xogaron co marcador e sentenciaron en canto puideron. 

Adri e Miguel Pérez xa xogan como titulares no Guntín logo de chegar hai unhas semanas procedentes no Pol. Tamén o San Roque se reforzou coa chegada de Jairo, un futbolista sen experiencia no fútbol provincial que levaba unhas semanas adestrando cos de Montirón. 

Pola súa banda, o cadro friolés superou con claridade ao Corgo. Ten asegurada a súa participación do play off e tratará de seguir presionando o líder. 

Un Corgo moi mermado aguantou media hora na Reigosa. A partir de aí os locais imprimiron un ritmo que non baixaron ata o final. Marcaron sete goles que quen sabe se poden ser importantes nun hipotético empate a todo na última xornada. 

  • Calendario Guntín: 

Chantada B – Guntín

Río Sil – Guntín

Guntín – Friol

  • Calendario Friol: 

Paradela – Friol

Friol – Chantada B

Guntín – Friol

Nota*: o Guntín podería ascender na próxima xornada no caso de que gañara o seu partido e o Friol non conseguira os tres puntos no seu

Apertadísima loita polas prazas de fase de ascenso

Onde se produciu «sorpasso» foi na terceira posición. O Paradela pasoulle ao Ferreira aínda que ambos están con 48 puntos. O equipo preparado por Rubén Bergantiños volveu ao camiño da vitoria ante o filial da SD Chantada

E todo despois de que o Chantada B se puxera 2-0 ao seu favor con dous bos goles. Con todo, ao pouco de que os locais marcaran o segundo, recurtou distancias o Paradela. Antes do descanso Hugo Carba, nunha boa xogada culminada cun gran disparo, logrou o empate. 

No segundo tempo, Alejo conseguiría a remontada con outro gol. Algo que lle permite ao Paradela dar un paso máis na súa pelexa por xogar a promoción. 

Pola súa banda, o Ferreira prolonga a súa xeira de malos resultados e perdeu como visitante co San Lázaro. Foi un encontro igualado no que o Ferreira tivo as súas opcións. O choque decidiuse no último tramo cun dobrete de Zas. 

Con todo, o triunfo segue deixando lonxe da promoción o equipo adestrado agora por Óscar García Darriba. Queda a sete puntos da quinta posición.

Na quinta posición está agora con 47 puntos o Becerreá. A un do Paradela e do Ferreira, empatado coa Mila e dous por encima do Oural, que foi precisamente o seu rival da fin de semana. 

Foi un encontro con alternativas o do Becerreá e o do Oural que reflectiu tamén a propia igualdade que hai na clasificación. Os locais adiantáronse, o Oural remontou momentaneamente o partido no segundo tempo e o Becerreá empataría posteriormente. 

A semana saíulle máis redonda o Becerreá co seu triunfo no partido pendente co Lemos B. Non lle deron opción a un filial lemista que tamén acudiu con baixas. Semana de catro puntos que pon a liga en orde e o equipo marcando a zona de privilexio con 47 puntos. 

Corenta e sete puntos tamén son os que ten a Milagrosa que venceu ao Río Sil. Os visitantes estiveron condicionados dende o comezo pola expulsión de David. Os goles da Mila non chegaron ata o segundo acto. Nuns vinte minutos marcou catro. Dobrete de Anxo e outros dous para Álex. Isma anotou o da honra para o Río Sil antes do final.

Sporting Lucense e Brollón, tranquilidade na zona media

O Sporting Lucense e o Brollón consolídande na zona media da táboa ao sumar tres novos puntos cada un. Os pupilos adestrados por Lolo superaron ao Lemos B. O filial comezou gañando e marchou con vantaxe ao descanso. No segundo tempo non deron parado o poderío ofensivo do Sporting que marcou tres goles para remontar.

O Brollón gañoulle ao Carballedo nos Medos. As primeiras ocasións de gol foron para os visitantes, máis quen se adiantou foi o Brollón. O gol trastocou os plans do equipo e encaixaron outros dous moi rápido. 

Con todo, o Carballedo marcou antes do descanso. No segundo tempo Moncho anotou o segundo e aumentaba as esperanzas para os seus. Non obstante, os locais non darían máis opcións e marcaron dous goles máis. 

Sen puntos na zona baixa

Esta xornada foi nefasta para os equipos da zona baixa. Ningún conseguiu sumar puntos. O Chantada B está na quinta posición por abaixo con 29 puntos nunha praza que xa poderiamos dicir de comodidade. 

Séguelle o Lemos B con 25 puntos e logo o Carballedo con 20. Esa terceira praza contando dende abaixo igual podería dar a salvación na categoría pero non hai nada seguro polo momento. 

O que en principio vai provocar o descenso si é o penúltimo posto. Está ocupado polo Río Sil con 16 puntos. No descenso directo está o Corgo con 12 puntos.

Neira representa os bos números defensivos do Guntín nunha xornada na que non houbo un gran porteiro destacado. Algún xogador tamén está fóra de posición para tentar cadrar da mellor maneira posible o onde.

Tres prazas, cinco equipos e 3 puntos de diferenza entre si

O Viveiro da un paso de xigante

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *