Antepenúltima xornada na Terceira. O Racing Vilalbés sumou un punto insuficiente diante do Paiosaco e mantén viva a esperanza dos seus perseguidores por entrar no play off. O Viveiro sumou un triunfo de vital importancia no campo do Gran Peña e acariña a súa continuidade en categoría nacional. Na Preferente, a Sarriana venceu fronte ao Dubra e escalou outro peldaño no seu afán acadar o ascenso. Non menos importante foi o triunfo do Ribadeo no campo do Unión, que rachou coa xeira negativa dos mariñáns. Derrotas da Residencia na Cheda diante do Montañeros e de Lemos e Portomarín a domicilio, fronte ao Noia e Sofán respectivamente.
O Racing Vilalbés desperdicia dous goles de vantaxe e cede un empate diante do Paiosaco (2-2)
O encontro comezou con dominio total por parte dun Racing que non tardou en adiantarse no marcador. Un centro de Álex Pérez rematouno Rares coa perna esquerda ao fondo da portería. Pouco despois Make puxo terra de por medio e deixaba o marcador en clara vantaxe para os de Simón Lamas. Tan só catro minutos máis tarde, o Paiosaco recurtou diferencias por medio de Moure, cando os chairegos tiñan dez futbolistas sobre o céspede por mor da lesión de Javi Rey. O gol e a lesión descentraron ao Racing que non dominou con claridade os restantes minutos do primeiro tempo.
Abriuse o encontro na segunda metade e o Paiosaco lanzouse na procura dun triunfo que era obrigado para eles e contaron con dúas ocasións moi claras. O Racing aproveitou os espazos e tamén gozou de varias opcións para ampliar diferencias, pero sen acerto. A falta de dez minutos para o final Juanma logrou o empate cun bo tiro cruzado. Nos últimos intres, os dous conxuntos contaron con ocasións moi claras para marcar e no desconto o colexiado anuloulle un tanto por fóra de xogo ao Racing.


Un gol de Anthony no desconto sitúa ao Viveiro moi preto da permanencia (2-3)
O Gran Peña dominou o balón, pero o Viveiro foi quen logrou adiantarse no marcador cun bo centro de Rolle que rematou Josemi de cabeza. O filial céltico continuou dominando o xogo e foi quen de igualar preto do intermedio cun lanzamento de falta de De la Iglesia que se colou pola escadra de Casillas.
A segunda metade comezou con claro dominio local. Rivera deulle a volta ao marcador e os de Bajcetic contaron con tres ocasións de gol que non foron quen de aproveitar. Alberto López moveu o banco e deulle entrada a tres xogadores de refresco. Sergio Otero, Anthony e Juan reemprazaron a Iker Hurtado, Junior e Diego e o Viveiro atopou o camiño do gol. De novo Josemi, desta volta desde o punto de penalti, foi quen de establecer o empate. A entrada de Arturo nos últimos minutos deulle profundidade aos mariñáns e foi precisamente o viveirense quen, no desconto asistiu a Anthony que logrou un tanto que pode valer unha permanencia.

A Sarriana acada un triunfo solvente fronte ao Dubra e achégase ao obxectivo do ascenso (3-0)
Bo encontro dos sarriaos na Ribela onde gañaron con suficiencia ao Dubra. Os de Brais Prados manteñen dous puntos de vantaxe sobre o Noia e seis sobre o Betanzos. O partido resultou cómodo para a Sarriana. Os visitantes dubidaron na súa forma de defender e os locales aproveitárono para poñerse por diante no marcador nunha xogada combinativa que finalizou Santín tras un bo centro de Marino. Antes do descanso Pedro ampliou diferencias ao rematar un saque desde o curruncho.
Na segunda metade o Dubra trocou de sistema para contrarrestar as embestidas da Sarriana, pero non lle deu os seus froitos. Os trocos fortaleceron aos sarriaos que apenas sufriron en defensa e foron quen de sentenciar cun lanzamento de David desde fóra da área.
A Residencia suma a segunda derrota consecutiva fronte ao Montañeros (1-2)
Foi superior o conxunto coruñés na primeira metade diante dunha Residencia que tiña o balón, pero lonxe da portería visitante. O Montañeros era quen de saír á contra con perigo e aos vinte minutos nunha xogada por banda, André marcou para os visitantes, que puideron ampliar diferencias en dúas claras ocasións ante as que respostou providencial Diego.

A segunda metade comezou co mesmo guión, e de novo o gardameta local Diego tivo que empregarse a fondo para evitar que a diferencia no marcador fora insalvable. Pero non puido facer nada preto de cumprirse o cuarto de hora de xogo nun disparo do veterán Rubén Rivera. Na última media hora o encontro xirou cento oitenta grados e foi a Residencia quen se fixo co dominio, en boa medida grazas aos trocos. O Montañeros deixou espazos e Iago Buján recurtou diferencias logo dun bo pase de Poratti. Tentaron o empate os de Dani Galán nos últimos intres cun Iago Buján moi incisivo por banda, pero o marcado non se moveu.
O Ribadeo suma tres puntos vitais nun encontro tolo no campo do Unión (4-5)
Os mariñáns puxeron fin á unha xeira de seis derrotas consecutivas no campo do Unión, e fixérono con máis suspense do que se podía agardar no intermedio do encontro. A primeira metade foi de total dominio ribadense. Antón marcou nada máis comezar, pero nunha das únicas chegadas dos rianxieros á portería de Dos Santos, Rebo empatou. Foi un espellismo. O Ribadeo dominou con claridade e en menos de dez minutos acadou tres goles obra de Roi, á saída dun córner, Xurde e Antón que practicamente sentenciaba o choque.
Na reanudación o guión parecía o mesmo. Antes de cumprirse os cinco minutos de xogo Xurde anotaba o quinto gol para os de Dani Moirón. Pero o Unión, consciente de que se xogaba a súa última bala para enchancharse á pelexa pola permanencia non se rendiu e buscou darlle a volta ao marcador, aínda que parecía algo utópico. O adestrador local poboou a súa zona atancante e en dous minutos lograron dous goles por medio de Chuso, cunha boa vaselina, e Saviola, e o convencemento foi superior. A falta de dez para o final, Víctor fixo o cuarto, pero o Ribadeo soubo parar o encontro e nos últimos intres defendeu o resultado sen excesivos sobresaltos. Neste encontro fixo o seu debut no once titular ribadense Matías, xogador que se desenvolve como lateral ou extremo esquerdo.
O Lemos volta de vacío do campo do Noia (1-0)
Non puideron os monfortinos sumar diante dun dos galos da Preferente. A primeira metade foi de dominio local. O Noia empurrou ao Lemos cara a súa área e contou con tres claras ocasións de gol ante as que respostou ben Losada. O Lemos estivo ben en defensa, pero nun centro lateral con vento en contra William recolleu un balón na área e non perdoou.
Os de Óscar Moure subiron liñas tras o descanso e o Noia non estivo tan cómodo sobre o céspede. Os de Iván Carril só foron quen de inquedar a Losada a través de tiros lonxanos e o Lemos, moi incisivo nos roubos de balón, chegaron á área rival con certo perigo e a falta de dez minutos o colexiado anuloulle un tanto a Mauro por fóra de xogo. O propio Mauro contou con outra boa ocasión para empatar, aínda que o balón non quixo entrar.
Derrota do Portomarín pola mínima no campo do Sofán (1-0)
Encontro pouco vistoso para o espectador e de baixo ritmo. O Portomarín saiu con tres centrais fronte a un rival que optou por xogar directo sobre o seu dianteiro Miguel Taibo, pero que non foi quen de atopalo durante unhos primeiros corenta e cinco minutos que remataron sen apenas ocasións de gol. O Portomarín só inquedou a Álex nun córner que solventou ben o gardameta.
A segunda metade seguiu un guión semellante ata que aos vinte minutos nunha xogada na que Fer esvarou recolleu o balón Jacobo Eibe que disparou e sorprendeu a Lisboa. O Portomarín tentouno a balón parado por medio de Iago que contou cunha boa ocasión para empatar, e mesmo reclamou penalti preto do final.
