Nota*: Neste capítulo de Sesión Plenario produciuse un erro na pregunta final que non afecta ao correcto desenvolvemento do concurso. Botana non xogou esta tempada no Nuevo Nausti, senon que o fixo na Comercial procedente precisamente do equipo vilalbés.
A 23ª Sesión Plenario trae o sétimo cruce dos oitavos de final. Xogan o futbolista do Iberia Antón Teijeira e o directivo do ED Lourenzá Oskarinho Docampo. A igualdade volveu ser a tónica xeral do concurso.
A vitoria conseguiuse na última rolda de preguntas, situación que impediu ter que xogalo todo ‘a morte súbita’. A recente eliminatoria xogada polo Abadín e o Nuevo Nausti para ascender a Segunda Rexional protagonizou a quenda decisiva. Foi unha Sesión competida entre dous mariñáns que se coñecen ben.
Da Feira do Viño a Bloques Cando:
Unha das afeccións máis ruidosas da provincia ten o seu epicentro en Lourenzá. Viuse esta pasada fin de semana coa despedida que lle fixeron a un dos xogadores máis importantes do ‘Atleti’, Iván Recalde.
Como Oskarinho é parte activa tamén dese grupo foi polo que lle preguntamos a Antón Teijeira na primeira cuestión. De seguido, ao directivo laurentino tocoulle saber cal fora o posto no que quedara a tempada pasada na Copa Deputación o Iberia.
A época do ano pide festa e por iso nesta Sesión lembramos unha das máis importantes da provincia que xa se celebrou en marzo, a Feira do Viño de Chantada.
Tivemos tempo para falar de patrocinadores, eses que lle botan unha man crucial aos nosos equipos. En Castro teñen un que lles permite ter un bo Bloque.
Ante a presenza de dous xogadores da Mariña, falamos de fútbol feminino mariñán. Lembramos ao Ribadeo – Sporting Pontenova e tamén a unha xogadora que formou parte del, Nere Lombardero.
Coa temporada rematada en varias categorías, agroman as estatísticas. Botamos man da clasificación de goleadores da Segunda Rexional para preguntar por Adrián Regueiro López ‘Romy’ e Rubén Vidal Vidal ‘Seixosmil’.
Sete concursantes clasificados nos oitavos de final:
Á espera de que vexades o resultado entre Antón e Oskarinho, hai seis participantes máis que xa accederon aos cuartos de final. Tanto Tucho como Lourido , xunto con David Rodríguez, Juan Rodríguez, Isaac Rouco e Manu Martínez están dentro dos «oito mellores» que xogarán por chegar a gran final do concurso que entretén e difunde o fútbol lucense.
Os cruces dos oitavos de final foron formados por sorteo. Non obstante, as eliminatorias non seguirán a orde do cadro e iranse xogando en función da dispoñibilidade dos participantes.
Á diferenza da primeira rolda, a quenda de xogo vén dada polo propio sorteo. Comezan a responder de primeiros os concursantes cuxa papeleta saíu de primeira.
Esta sección conta co apoio imprescindible de Plenario Veiga. O xerente de Discoteca Hermo e Bar Tibor (patrocionadores principais deste espazo) tamén colabora no concurso para avaliar as respostas dos participantes.
O redactor Iván Calaza foi o encargado de presentar esta vixésimo terceira Sesión Plenario que contou coa presenza do colaborador Plenario Veiga.
Nota*: Neste capítulo de Sesión Plenario produciuse un erro na pregunta final que non afecta ao correcto desenvolvemento do concurso. Botana non xogou esta tempada no Nuevo Nausti, senon que o fixo na Comercial procedente precisamente do equipo vilalbés.
O Iberia e o ‘Atleti’ en Sesión Plenario
As circunstancias fan que a Sesión Plenario non poda ir sempre pegada a actualidade do noso fútbol. Sobre todo en maio, onde tantos equipos se xogan moito en poucos días.
Debido a que o Iberia tiña un partido importante este domingo na fase de ascenso á 1ª, pedímoslle a Antón que nos fixese un pronóstico do que podía pasar. O futbolista de San Miguel cría firmemente nos seus, que competiron pero que quedaron finalmente eliminados na quenda de penaltis ante a SD Guitiriz.
Pola súa banda, o Santa Cruz vestiuse de gala para homenaxear a Iván Recalde. Coa permanencia conseguida, o Lourenzá – Castro convertiuse nunha festa de aplausos para o gran goleador e capitán.
Para o concursante Oskarinho, Iván Recalde «é un mito dentro do deporte de Lourenzá. Puido estar xogando anos atrás en equipos de maior categoría e cobrando, pero quedouse aquí cos amigos. Sempre foi un exemplo para os máis novos«.
«El sempre me di que teño un pouco de paixón por el, pero para min é un dos cinco ou seis mellores xogadores da Mariña dos últimos vinte anos«, finaliza o seu amigo Oskarinho Docampo.