SD Castroverde, a unión como chave do éxito

A SD Castroverde xa é de novo equipo da Segunda Galicia despois de batir na penúltima xornada ao Monterroso B. Ascenso e campionato para un equipo moi regular durante toda a temporada que basa o seu éxito na unión do cadro de xogadores.

Xa non é que haxa moitas xornadas na Terceira Galicia grupo sur (24 en concreto) pero ao Castroverde incluso lle vai sobrar a última (xogará no Castro Seoane ante o filial do Antas). O equipo verdiblanco xa conseguiu o ansiado ascenso á Segunda despois do descenso do ano pasado. Bastaron cincuenta e cinco puntos para poñerse á cabeza da categoría. E todo ca unión grupal por bandeira comandados por Fran Veiga que despois do debut nos bancos con descenso, consegue resarcirse do curso pasado.

“Desde un principio propuxémonos devolver o equipo o antes posible á Segunda” afirma o adestrador Fran Veiga quen confesa as metas internas que se propuxeron o cadro de xogadores e o corpo técnico ó longo da temporada: “A principios de ano marcámonos unha serie de obxectivos internos. Por exemplo, nos primeiros cinco partidos contando a nosa xornada de descanso, marcámonos o propósito de facer dez puntos. Finalmente acabamos facendo os doce posibles”, afirma Veiga.

A unión, chave no Castroverde

“Nunca tivemos que cancelar un adestramento por falta de xente”

Non obstante, un ascenso nunca é un camiño fácil e, a pesar do curta que se poida facer a categoría por mor dos poucos equipos que hai, houbo momentos complicados como confesa o míster: “Despois do Nadal si que tivemos un baixón en xaneiro. Creo que vernos con once puntos de vantaxe nos fixo baixar un pouco“. Pero, unha vez máis o grupo do Castroverde superou as adversidades. “Fomos un grupo moi unido. Nunca tivemos que cancelar un adestramento por falta de xente”, asegura o técnico.

A pesar da liña regular mantida ó longo do curso (só perdeu dous partidos), o ascenso decidiuse nun choque semellante a unha final onde se xogaron o todo ou nada ante o Monterroso B que se atopaba nunha situación similar. Foi un partido intenso, no que os visitantes levaron por momentos o peso do encontro aínda que non crearon grandes ocasións. O enfrontamento decidiuse nos últimos minutos grazas a un penalti transformado por Gabi e a un golazo de Marcos Gemelo de quen o seu adestrador fala marabillas: “para min é un dos mellores xogadores da categoría. Xente que xogou sempre o fútbol por pasalo ben e divertirse. Se xogaran por competir estarían en cotas moito máis altas sen dúbida.”

Ademais de Marcos, destaca Veiga a calidade do cadro de xogadores deste ano, en palabras del “mellor incluso ca o do ano pasado”. Cun porteiro como Alberto que o ano pasado xogou no Outeiro en Primeira, o caso de Gabi ou Manu López que aínda que non lle acompañoaron tanto o s goles na segunda volta como na primeira realizou tamén un gran traballo.

Os xogadores do Castroverde celebrando o gol do ascenso

E agora xa toca pensar en novos obxectivos. O concello de Castroverde de preto de tres mil habitantes tócalle agora vivir a Copa Deputación, algo que dende o conxunto verdiblanco sempre foron a competir. “O obxectivo é  facer a competición o mais longa posible. Este anos temos dous puntos en contra. Por un lado o ritmo de competición que non é o mesmo en Terceira ca os dos equipos de Segunda. Por outra parte, que imos estar sobre un mes parados porque xa acabamos a liga esta fin de semana. Iso igual nos lastra un pouco”, apunta Fran Veiga.

O actual adestrador, xa tivo a oportunidade de estar tamén como xogador no equipo da Veiga do Olmo. Di que ó ser todos como una familia faino todo máis fácil. “Se eu adestro a un grupo de xogadores cos que non teño moito trato, mándolles dous berros e voume tan tranquilo para a casa; pero a estes mándolles dous berros e despois vou tomar algo con eles. Son todos uns fenómenos e estou encantado de adestralos“, afirma Fran Veiga. E que así siga sendo por moitos anos.

 

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario