A SD Antas vence ante un rival directo polo ascenso

O PM Friol saca a súa mellor versión ante os equipos fortes da táboa

Ante as rivais fortes da liga, o PM Friol semella virse arriba e pórse as pilas para sacar o seu mellor xogo. Iso foi o que ocorreu no partido desta fin de semana ante a Bovedana, que remataría cun 3-1 no luminoso favorable ás friolesas.

Foi un partido moi desputado. As xogadoras do Bovedana son moi intensas e o PM Friol saiu ben ao encontro, tendo varias ocasións de gol que non entraron ata que o 1-0 chegou das botas de Potassa e con axuda tamén da porteira rival.

As xogadoras do PM Friol celebran os tres puntos ao finalizar o partido. Foto cedida.

Á volta dos vestiarios empataría a Bovedana cun gran gol. Mais Balo conseguiu devolver ao PM Friol ó dominio do partido e do marcador grazas a un gol olímpico. Potassa, xa nos minutos finais, firmaría o seu dobrete para aumentar tamén a renda favorable ás friolesas. As amarelas notaron a volta ó verde de dúas xogadoras esenciais para o equipo: Ana e Yoleidis.

Un impreciso Lugo cae ante o Olímpico

Na casa do Olímpico de León, o Lugo saiu ao campo con moitas imprecisións cando conseguía ter o balón e moi lentas cando a posesión era das rivais. A primeira parte as luguesas foron moi inferiores ás locais, tal e como reflectía o marcador (3-0).



Once inicial do CD Lugo. Foto cedida

Tras o paso polos vestiarios, as albivermellas saíron mellor ao campo, co partido máis controlado defensivamente, cun xogo de maior calidade e sen pasar tantos apuros como no primeiro tempo. As luguesas desfrutaron dalgunha ocasión illada mais unha hipotética remontada quedaba moi lonxe das súas posibilidades.

O CD Lugo B imponse pola mínima ao Breixo Lema

O partido comezou moi igualado, cunha primeira parte na que ningún dos dous equipos tivo ocasións claras para anotar.

Xa na segunda metade, as albivermellas non baixaron o ritmo e, nada máis comezar, unha ocasión clara por parte de Ánxela que acaba bloqueando a porteira do Breixo Lema avisaba do perigo das luguesas.



Once inicial do CD Lugo B. Foto cedida

Pouco a pouco o partido foi tornándose de dominio totalmente lugués, sen ocasións para as visitantes (Breixo Lema) que apenas conseguía cruzar o mediocampo. Co Lugo mandando sobre o partido, María anotaría o primeiro gol e, aínda que Luchy e Xiana tiveron dúas opcións clarísimas de aumentar a vantaxe, o luminoso non se moveu.

A adestradora albivermella, Iria, amosouse moi satisfeita «do bo traballo das xogadoras que, unha vez máis, amosaron garra», indicaba ao remate do partido.

Derrota do filial friolés no desconto

Cando xa semellaba que o partido remataría en táboas, no engadido, o Dumbría anotaría o segundo gol para privar do empate ao PM Friol B. Unhas táboas que terían sido un bo resultado para o cadro friolés tendo en conta que acudían ao encontro pragadas de baixas e ante un equipo que ocupa postos máis altos na táboa.

Sen Ana, a capitana e unha das referentes do equipo, o PM Friol sabía que era un encontro complicado. Aínda así as friolesas foron quen de mirar de ti a ti ao Dumbría e incluso de adiantarse no marcador por medio de Lidia. O partido semellaba bastante controlado polas amarelas durante a primeira parte, que evitaron ocasións das locais agás accións a balón parado. Porén, Carla tivo nas súas botas a ocasión para aumentar a diferenza a dous goles, mais fallou o disparo prácticamente a porta baleira que tería suposto unha diferenza de goles que, probablemente, tería mudado o partido.

Once inicial do PM Friol B. Foto cedida

Na segunda parte o perigo das xogadoras do Dumbría foi maior. Os primeiros minutos tras o paso polo vestiario, adiantando liñas, as locais facían dano. Unha vez parou o «chaparrón» durante os primeiros intres da segunda metade, o PM Friol B volveu a ter oportunidades e a sentirse máis cómodas sobre o terreo de xogo. Porén, a falta de contundencia na defensa preto da área e de bos despexes condenaron a un Friol que, ademais, quedou os últimos 15 minutos sen Carla, que foi expulsada. Todo se complicou para que finalmente o Dumbría puxera o definitivo 2-1 xa no tempo do desconto, privando así ao PM Friol B dun merecido, canto menos, empate.



A SD Antas imponse nun duelo directo polo ascenso

Gran partido o vivido entre o CD Valladares e a SD Antas, dous conxuntos aspirantes aos postos altos da clasificación que finalmente puideron gañar as seoanesas grazas a unha grande eficacia.

O partido comezaba con 20 minutos de bo xogo de ambos equipos, sen ocasións pero con moita intensidade. Na saída dun córner, Lucía Núñez fíxose co balón dentro da área e o seu remate, desviado por unha defensora, deixa á porteira rival sen posibilidade de reacción para evitar que o balón chegue ata o fondo da rede.

Co gol visitante as locais reaccionaron na busca de igualar o partido mais un Antas moi sólido en defensa evitou todos os ataques e remates á vez que buscaba perigo á contra grazas á velocidade de Dana e Jenny.

Nuria tería preto o 0-2 á saída dun saque dende o curruncho, pero o seu golpeo de cabeza marchou alto.

Xa na segunda metade, Ángela lucíase cunha boa parada para evitar o empate e, de novo o Antas golpearía grazas a un córner moi pechado de Jenny que acaba tocando tamén na defensora na línea de gol para poñer, agora si, o 0-2.

O Valladares reaccionou ben e nada máis sacar o balón dende o mediocampo anotou tras un rexeite dentro da área seoanesa. De novo co partido máis apretado, Dana seguía loitando con intensidade por cada balón e chega a un balón en liña de fondo, dando un pase atrás que empurra Jenny para pór o 1-3 definitivo.

As xogadoras da SD Antas celebran os tres puntos. Foto cedida

A partires dese intre a SD Antas botouse a defender para afianzar os tres puntos que, finalmente, trouxeron para a capital seoanesa.

Bo partido para a volta de Lucía Núñez (goleadora) á que xa fóra a súa casa logo do seu paso polo CD Illescas (Toledo). Un reforzo que sen dúbida será moi útil para a SD Antas neste último tramo da tempada no que tamén incorporou (á volta de Nadal) a Marta, que militara nas filas do Bergantiños e Lugo.

Unha Comercial descolocada non pode co Arzúa

As xogadoras de Vicky saíron coas liñas moi descolocadas ao campo e, a pesares de que houbo xogadas de calidade como a que lles deu o seu único gol (de Daniela, ao pouco de comezar o encontro), non foi un bo partido.

Xogadoras da Comercial. Foto cedida

Na segunda parte ademais fíxose notar o cansancio e, a pesares de que as luguesas tiveron algunha ocasión para anotar, o balón non quixo entrar. Quen si anotou foi o equipo local, o Arzúa, que con dous goles (no 63′ e no 68′) remontarían o tanto inicial do Comercial para quedarse cos tres puntos.

O San Lázaro continúa imparable ante o Monte Forte

Pese a que o Monte Forte se adiantou cun gol tempraneiro (Arias, 10′) no marcador e o Monte Forte comezou dominando o partido durante os primeiros minutos grazas a unha defensa moi adiantada, o San Lázaro soubo comprender o partido para empatar grazas a unha xogada entre liñas que anotou Irene xusto antes de marchar ao descanso.

Xogadoras e corpo técnico do Monte Forte. Foto cedida

Á volta do vestiario o San Lázaro foi medrando cun Monte Forte a remolque pese a ter algunha ocasión. No 70′, Douaa adiantaría ao San Lázaro no marcador (2-1). Anita faría o tercerio tan só 6 minutos despois (3-1) e o último, de Ana, sentenciou o encontro (4-1).

As xogadoras do San Lázaro celebran os tres puntos ao final do encontro. Foto cedida.

Un Carballedo mermado polas baixas non pode co Nicrariense

O encontro estivo condicionado, dende o inicio, ponas numerosas baixas que o Carballedo presentaba nas súas filas. Aínda que tentou adaptarse coa xente dispoñible e dando todo de si, comezando moi ben a primeira parte, con moita intensidade e incluso algunhas ocasións, pero foi o Nicrariense o que, nunha contra, anotaría o 1-0.

Dende ese primeiro gol, o Carballedo veuse abaixo e o Nicrariense non tardaría en aumentar a diferenza a dous tantos de renda. Pouco antes do descanso, un penalti cometido polo Carballedo fai que o Nicrariense marche aos vestiarios cunha vantaxe xa de tres goles no luminoso: 3-0.

Xogadoras e corpo técnico do Carballedo. Foto cedida

Á volta dos vestiarios Sementa facía o único cambio dispoñible para meter algo de aire fresco pero o cansancio do resto de xogadoras pásalle factura ao Carballedo, que tivo que xogar a defender para non sufrir demasiado na segunda parte. O Nicrariense atopouse cunha liña sólida das guerreiras que apenas conseguiron romper agás noutro penalti que remataría por pór o 4-0 definitivo.

A Copa

O pasado mércores, Milagrosa e San Lázaro mediron as súas forzas na ronda previa da Copa Deputación, partido que clasificou ó San Lázaro tras impoñerse 1-2. Os seguintes encontros desta competición desputaranse a fin de semana do 18 de maio.

A SD Antas vence ante un rival directo polo ascenso

O Foz para a súa xeira en

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *