Na Ribela tíñano claro este verán. A aposta era Julio Corral, un auténtico especialista en ascensos. O preparador soberino colecciona diversos éxitos pola zona sur da provincia, onde logrou subir de categoría ao Lemos, Calasancio, Ferreira… E tamén á propia Sarriana con anterioridade.
Na vila eran conscientes de que igual non ían ver cada domingo ese fútbol de toque, que tanto está de moda. Pero sí, un conxunto que loita ata o pitido final, que se sobrepón ás adversidades. E que consigue convertir noventa minutos nun pesadelo para o rival. Boa proba diso está na propia estatística. A Sarriana conseguiu nove victorias pola mínima. 27 puntos cunha diferenza dun solo gol. Unha evidencia do valor dos pequenos detalles. Do control e dominio dos mesmos.
Un triunfo máis da ‘vella escola’. Do fútbol de antaño adaptado ás novas correntes. Porque o ascenso do cadro da Ribela garda certas similitudes co dos seus compañeiros do Foz de Gayol. Selo de autor. Parten dunha base experimentada, cun técnico que coñece a vila e o fútbol provincial coma a palma de man. Como xa dixemos, con numerosos éxitos ás súas espaldas. E, logo, xa vén o resto. Certa liberdade e decisión á hora de fichar. De buscar o que mellor se adapta ao estilo e á idea preconcebida. Nese punto, Julio Corral recurre a unha das fórmulas que máis éxito deu nos últimos anos: a combinación de veteranía e xuventude.
Busca unha referencia por liña. Sitúa a Macía na portería e confía nos goles do eterno Marino, pichichi contrastado do noso balompé. Saca o seu primeiro as da manga co reforzo de Marzán para a medular, unha das estrelas da categoría. E atrás, na retaguardia, un vello coñecido da parroquia: Sito (xunto cos galóns de Luisma). A partires de aí, chega o resto. Recuperar a vellos coñecidos da afección, á xente do pobo. Á que sinte o escudo. Héctor (despois de marcarse un temporadón co Castro en Terceira), o propio Sito ou Diego Díaz (con pouco protagonismo). Para unirse aos Chavea, Fran, Raúl, Luisma, Carnero… Formando así unha columna vertebral do pobo.
Unha espiña dorsal á que se lle engadiron poderosas aletas das comarcas de arredores. Ivo, dende o Bóveda, consolidouse no eixe da defensa. Ao igual que Barrio, gran promesa do Calasancio. Ou Rubén Díaz, acompañando a Marzán dende o Atlético Escairón. E, por último, dando paso á canteira cando se puido. A Sarriana volve ter proxecto serio e a Preferente dará boa proba delo. Agardemos que sexa por moito tempo e non regresen as pantasmas do pasado!