O San Martiño de Quiroga, a moda da Terceira

O refrán di que “polo San Martiño mata o teu porquiño”, pero iso non quita que durante esa época non se fagan máis cousas. E se non que llo pregunten a directiva do Quiroga da Terceira Galicia grupo sur. Ante a idea de argallar algo que provocase reaccións na xente e fose vistoso para o campo do San Martiño, saíu precisamente no mes de novembro, como primeira iniciativa a de facer os indicadores coa distancia a cada campo. Así dende o estadio de fútbol de Quiroga podemos saber os quilómetros que os separan dalgúns dos estadios máis coñecidos do balompé. Empezando polos galegos, o Anxo Carro, Riazor ou Balaídos, pasando polo Santiago Bernabéu e o Camp Nou e rematando en Maracaná e en La Bombonera.

Os indicadores dos estadios foi a primeira iniciativa que desenvolver o club para promover o seu campo

“O fútbol non só son 22 persoas correndo. Buscamos darlle un toque distintivo ó campo” así fala “Rachu”, o vicepresidente do Quiroga. E que esta primeira idea do conxunto quirogués fíxose en poucos días viral, por iso se animaron a seguir dándolle á cabeza e potenciar o seu estadio. E que mellor ca instalar un palco vip moi “á galega” reutilizando obxectos. Instalaron, xusto debaixo das sinais indicativas, uns sofás para que aqueles seguidores máis fieis poidan desfrutar do fútbol da mellor maneira posible.

O palco vip do Quiroga e as súas vistas fíxeronse virais

Esta nova idea convertiu o club en máis viral aínda e a nova dos chamativos asentos cruzou mesmo ó charco e saíu publicada na Arxentina. “Estamos gratamente sorprendidos pola repercusión que tivo. Pretendíamos darlle un toque de humor, pero en seguida comezou a espallarse polas redes sociais ata chegar aos medios”, afirma Rachu. Agora o San Martiño de Quiroga é un atractivo engadido para aqueles equipos e seareiros rivais que se achegan e mesmo sacan fotos como se visitasen o Santiago Bernabéu.

As redes sociais

É evidente o papel crucial que xogan as redes socias na vida diría de moita xente nestes momentos. Forman parte dunha gran plataforma de difusión que é usada por administración e entidades para comunicarse con seu público. No mundo do fútbol, teñen unha gran importancia e os principais equipos moven masas de xente nese mundo online. No fútbol máis modesto, o uso é menor, pero para o Quiroga tamén é unha parte importante. Segundo Rachu a idea é que estas ferramentas sexan unha vía de comunicación.

Será o ano que vén o San Martiño un campo de Segunda?

O Quiroga atopase nestes momentos na sexta posición da clasificación. Ocupa un posto que lle daría opción de xogar a promoción de ascenso á Segunda Galicia. A falta de catro xornadas para o remate da liga o coxunto do San Martiño mantén unha distancia de catro puntos co séptimo clasificado. “O obxectivo é quedar o máis arriba posible, pásalo ben e non mancarse”, asegura Rachu que afirma que dende que entrou a nova directiva no ano 2012 optaron por formar un equipo con xente da contorna. Un equipos máis, pero cunha actitude diferente.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario