Samu Gundín foi un dos xogadores clave na vitoria no derbi do Iberia ante o Celta Barreiros. Samu liderou aos seus, que rematan o ano sen perder nesta tempada. Mada protagonizou unha das curiosidades da finde. O porteiro Mada tivo que xogar de central debido ás baixas do Sanci.
Segundo partido de Jul co San Roque e primeiro hat-trick. Os tantos de Jul e máis o xogo do equipo manteñen ao San Roque na zona alta da táboa.
O Iberia remata a primeira volta do campionato invicto. Suma 37 puntos logrados con 11 vitorias e 4 empates. Rematou o ano con triunfo no derbi pola mínima ante o Celta Barreiros (0-1).
O cadro de San Miguel de Reinante é o líder á metade da liga. Conta con seis puntos de vantaxe sobre o Folgueiro (en posición de fase de ascenso) e nove con respecto ao Riotorto e ao Xermade.


O Celta Barreiros finaliza a primeira volta na sexta posición. Na tempada do seu regreso á categoría acumulou ata o momento 25 puntos, queda a seis do segundo posto.
O derbi foi igualado na primeira parte. Antón e Diego tiveron as ocasións máis claras para os locais. Samu a mellor para os visitantes.
No segundo acto, o Iberia dominou máis. Iván García aproveitouse dun malentendido defensivo no rival para anotar o único tanto do encontro.

O Iberia remata tamén como equipo menos goleado da primeira volta. Encaixou doce goles. Alonso foi titular en 13 ocasións.
O Folgueiro termina o ano defendendo a segunda posición. O cadro do Vicedo mantense no único posto que esta campaña dá acceso a xogar a promoción de ascenso. Venceu a un rival directo como o Sporting Pontenova (3-2), que queda con sete puntos menos.
Os locais adiantáronse ao cuarto de hora por medio de Kiños. Puideron ampliar a vantaxe, pero non o fixeron nun primeiro tempo no que os visitantes quedaron cun compañeiro menos ao expulsar a Brayan.
Aínda que Oki marcou o segundo a balón parado para o Folgueiro no segundo acto, o Sporting tivo vida no encontro, a pesar de estar en inferioridade. Marcos marcou o primeiro visitante, tras pase de Héctor.
Preto do 90, Erni aproveitou un erro defensivo para poñelo terceiro. Os visitantes non baixaron os brazos, Cuzco provocou un penalti e convertiuno el mesmo en gol no tempo extra. Pelexaron ata o final, pero non lograron a igualada.

Os pupilos preparados por Manuel Vicente quedan a seis do líder. Contan con tres puntos máis que o Riotorto e o Xermade. Ademais deixan ao seu rival desta fin de semana a sete (7°).
O Riotorto remata o ano nunha boa dinámica, aínda que igualou 3-3 co Alfoz. O equipo da Veiga segue unha liña de cinco partidos sen perder. O seu inicio de ano pode marcar ata onde é capaz de chegar. Recibe ao Celta Barreiros e logo visita ao Iberia.
Mentres que o Alfoz acaba o 2024 na zona morna da táboa (10°). Aínda que nas últimas xornadas viu como sumaban puntos os de abaixo. Ten +6 con respecto ao descenso directo.
Comezou moito mellor o Riotorto poñéndose cedo por diante con gol de Panchito. Repúxose o Alfoz que igualou ao pouco por medio de Iván García. Con todo, o resultado ao descanso sería de 2-1 porque os locais anotaron de penalti a través do xemelgo Óscar.
Na segunda metade, o cadro alfocense foi capaz de darlle a volta ao resultado. Borja e Suis marcaron. Incluso puideron anotar o cuarto, antes de que nos intres finais, novamente dende os once metros con Óscar de lanzador, o Riotorto salvara un punto.
O Xermade é 4°, igualado co Riotorto con 28 puntos, despois de golear á Piringalla (7-0). Foi un deses partidos nos que a un equipo lle sae todo. Os locais anotaron o primeiro mediada a primeira parte a o rematala ían 3-0 con goles de Chungui, Sergio Caamaño e Nando.
A volta dos vestiarios, os pupilos adestrados por Borja Bouza seguiron igualmente metidos no partido. Sergio Caamaño anotou dobrete e logo Pedro, e Tiny e Hossu (ambos de penalti) redondearon a goleada.
A Piringalla remata o 2024 12ª con 17 puntos, cinco de diferenza co descenso directo.
A cinco puntos do play off sitúase o Casás (5°), que superou a un rival directo como o San Ciprián (4-1). Sétimo triunfo do ano para un equipo que se atopa no seu segundo ano de vida.
O Sanci queda con 22 puntos na primeira volta. Tras liderar a liga as primeiras xornadas, agora está a quince puntos da cabeza. Ten a nove o segundo posto e dez por riba do descenso directo. O encontro en Lugo afrontouno con tan só 12 xogadores e algún deles con molestias. O meta Madariaga tivo que xogar de central. O gardamallas Manu defendeu a portería na súa quinta titularidade deste curso.
O Casás encamiñou o partido no primeiro tempo. Seco anotou o dobrete e Cristian complícaballe a remontada ao rival ao marcar preto do tempo de lecer. Javi Reigosa sentenciou nada máis volver dos vestiarios.
A Candelaria é novena con 21 puntos, logo de empatar en Cospeito (3-3). O club da Rúa está na zona media, a dez da promoción e nove por riba do penúltimo.
O Cospeito sumou o seu terceiro punto do curso. Nunha tempada moi complicada para a entidades da Fonte, os dous puntos conseguidos nos tres últimos partidos son unha pequena esperanza para seguir honrando a camisola.
Das dúas veces que os visitantes se colocaron por diante no marcador, o Cospeito logrou empatar. Rafa adiantou a Candelaria antes do descanso. A volta da caseta, Diego empatou para o Cospeito e marcou o seu primeiro gol neste curso.
De novo Xardel parecía que decantaba o triunfo para a Rúa, pero Jesús Anido logrou o empate no tramo final.
Na zona media baixa, o Guitiriz e o Cabreiros manteñen a mesma distancia entre si. Cinco puntos os separan tras empatar (4-4). O Guitiriz ten 18 puntos, como o Alfoz; mentres que o Cabreiros suma 13, agora só un máis que o descenso directo.
Encontro trepidante na Acea. O Guitiriz tomou vantaxe de dous goles aos cinco minutos por medio dos xovencísimos Juan e Mario. Os locais refixéronse e metéronse no partido antes do descanso con tanto de Jordano.
No segundo tempo, o Cabreiros empatou por medio de Chema nun lanzamento de falta. Aos cinco minutos, Marco culminou unha boa xogada entre Alberte e Chema para remonatar momentaneamente o resultado. Jordano repetiu tanto para o cuarto.
Na recta final, o Cabreiros baixou fisicamente e o Guitiriz veuse arriba. A canteira tirou novamente do carro. Carral marcou o terceiro e no último saque de esquina do encontro Sergio Campello anotou o cuarto para obter un valioso punto.
O Muimenta aumentou exponencialmente as súas posibilidades de salvación ao gañar ao Mondoñedo (1-3). Os celestes sumaron dúas vitorias seguidas para acabar o ano e meterse de cheo na pelexs. Seguen en descenso, a un punto do Cabreiros e a tres do seu rival, o Mondoñedo.
Os locais trataron de levar o dominio do xogo a través do balón no primeiro tempo. Adiantáronse con gol de Noceda a balón parado, aínda que lles faltou xerar máis opcións en base ao manexo de pelota. Nunha perda dela, chegou o empate visitante por medio de Jairo.
No segundo acto, Javi Morán anotou o segundo para o Muimenta. O equipo rival protesto a acción ao entender que o balón saíu antes pola liña de banda. A partir de aí o Mondoñedo foise mentalmente do partido e facilitoulle o camiño aos celestes, que acabaron sentenciando con gol de Jesús.

Na zona sur, o Ferreira é o campión de inverno, o primeiro clasificado ao final da primeira volta. Sumou a 10ª vitoria do curso nun apertado partido co Rubián (4-3).
O equipo preparado por Senén finaliza o ano na zona baixa, na 13ª posición, con tres puntos máis que o descenso directo.
O líder tomou vantaxe con dous goles, pero o Rubián meteuse no encontro xusto antes do descanso. O Ferreira conseguiu o terceiro xa no segundo acto, pero os pupilos preparados por Senén non se renderon e lograron empatar. Nos últimos intres, o triunfo quedou na casa grazas a un gol de Héctor logo dunha galta lateral.
O grupo promete emocións fortes para o 2025. Os cinco primeiros clasificados están en cinco puntos. A un punto do líder, sitúase o Becerreá, ocupando praza de promoción de ascenso. Novena vitoria da tempada ante un rival directo, o Paradela (0-1).
Dúas derrotas seguidas baixan ao Paradela ata a 6ª praza. A igualdade é tal que, aínda así, está a cinco puntos do primeiro posto.
Foi un encontro moi competido. O Paradela dominou e roldou con perigo a área visitante. A defensa do Becerreá mantivo ao equipo. No segundo tempo, o Becerreá aproveitou un balón parado para marcar o único tanto do partido. Rubén enviou unha pelota ao fondo da portería, tras unha serie de rexeites.
Mantivo a solvencia defensiva o Becerreá ante os apertos do Paradela, que insistiu, pero non lograron sacar nada proveitoso do Gandarón.
O San Roque recuperou sensacións logo da última derrota ante o Chantada B (4-0). Colócase 3º con 30 puntos, a dous do líder. Comezaron a caburar as noVas fichaxes: Jul marcou un hat-trick.
O filial chantadés acaba o 2024 en descenso. Non obstante, a zona baixa tamén está igualada. Os seus antecesores están a un, tres e catro puntos.
O conxunto capitalino deixou moi claro a súa versión dende o minuto un que se puxo por diante. Xogou ao seu e deixou practicamente na sombra ao filial. Ademais dos tres tantos de Jul, salientou a participación do xuvenil Vidal. Foi titular e realizou un gran partido.
O Brollón tamén remata a primeira volta coa frecha para riba, tras un baixón. Acumula catro encontros sen perder e venceu por oitava vez na campaña ante o Quiroga (0-4).
O club quirogués chega ao final do ano na última posición. Con todo, ao igual que o Chantada B, a situación non é tan dramática. A salvación está a dous puntos.
O Brollón amosou o seu poderío ofensivo no San Martiño. Mario e Isma puideron adiantar aos seus. Jato tivo a opción para os locais. Ao cuarto de hora, Isma marcou o primeiro. Pouco despois, Damián, recén regresado do Club Lemos, anotou o segundo.
Na acción dese segundo gol, Gachán levou un golpe fortuíto do propio Damián. O futbolista local tivo que acudir a urxencias, pero todo quedou nun susto.
Antes do tempo de lecer, Maza, en xogada individual, sentenciou co terceiro. No segundo acto, Isma redondeou o resultado.
A nota positiva do Quiroga foi o debut do xuvenil Toni. Xogou de titular como mediocentro e demostrou a súa capacidade para xogar entre os maiores.
O Santa Comba constatou co seu último triunfo, ante o Lemos B (0-1), que é o equipo revelación do grupo. Tras ser un recén ascendido na categoría, pecha a 1ª volta na 5ª posición con 29 puntos (igualado co Brollón) e a tres da cabeza.
Santi Sanz foi un dos protagonistas ao marcar o único tanto do partido. É o primeiro gol da tempada para o dianteiro lucense.
Os resultados da xornada beneficiáronlle ao filial do Lemos e vai pasar o Nadal fóra dos postos baixos da categoría. Conta cun punto de marxe con respecto ao descenso directo.
O Palas queda con 26 puntos, despois de perder no derbi co Antas (0-2). Os pupilos preparados por Brais Vázquez sitúanse na 7ª praza, a cinco do posto de promoción de ascenso.
Os tres puntos dánlle aire a un Antas que acumulaba sete partidos sen gañar con seis derrotas seguidas. Deixa o descenso momentaneamente a oito puntos. É o seu quinto triunfo do curso.
Só o Portomarín gañara nos Chacotes ata que chegou un Antas, que realizou unha gran primeira parte. Levou o dominio do balón e tiveron varias opcións de gol.
Con todo, non foi ata o segundo tempo cando chegaron os goles. O encontro igualouse máis, pero o Antas si tivo o acerto que lle faltara nos primeiros corenta e cinco minutos. Xurxo anotou un dobrete no tramo final do encontro, tan só unha semanas despois de regresar ao club.
O Portomarín non acaba de unirse ao tren de arriba, aínda que ten a sete puntos o 2º posto. No último encontro do ano igualou co Páramo (2-2). O conxunto visitante é 10º con 18 puntos.
Non houbo moitas ocasións nos primeiros minutos. A balón parado O Páramo logrou porse por diante. Pouco despois, Joshua foi expulsado no Portomarín e Arturo pasou a asumir funcións de gardamallas.
No segundo tempo, con 10 o Portomarín igualou. San Fiz empatou dende os once metros. Os locais anotaron o segundo nunha xogada por banda por medio de Julio. Os visitantes non quedaron atrás e foron buscar o premio, que chegou nos últimos intres. De novo de penalti, e outra vez San Fiz.
O Friol esperta con tres triunfos seguidos, o último ante o Incio (1-0), co que marca unha distancia de oito puntos. O conxunto friolés é 9º, sitúase na zona media e parte a táboa clasificatoria. Atópase a once puntos do líder e conta con once puntos máis que o primeiro posto de descenso directo.
O Incio presentouse con numerosas baixas na Reigosa e, para máis inri, na primeita metade mancáronse Xosé e Cepeda. Termaron das acometidas locais e o resultado ao descanso non se movera.
No segundo acto, o Friol non xerou demasiadas ocasións, pero chegoulle para dar co gol que lle posibilitara os tres puntos. Logrouno Piñeirín, que desempeñou unha gran labor no lateral dereito (aínda que o en O Noso 11 A Chaira lle cambiaramos a posición) para rematar o ano con bo sabor.
