O Tres en Raia En Boas Mans da cuarta xornada tráenos a primeira vitoria do Catro Roldas. Foi na Canteira diante do Friol B. O Goiriz segue intratable e conta cun pleno de puntos tras golear ao Celeiro. Abadín e Rioaveso gañaron a domicilio, mentres que o Cazás venceu ao Matela nun choque entre dous dos conxuntos destacados do comezo ligueiro.
No grupo sur, o Sporting Lucense é o único que mantén o pleno de puntos logo de derrotar ao Relámpago Taboada. O Monterroso B cedeu os primeiros puntos no choque de filiais diante do Sarriana B e o Sober conta os encontros por vitorias, aínda que no seu caso son tres, tras gañar nun choque parello ao Carballedo. Río Sil e Chantada Atlético B fixeron os deberes como visitantes.
grupo norte
Vizoso amosa a súa calidade na clara vitoria do Goiriz en Trasvías (0-4). Encontro de clara superioridade visitante. O Celeiro prantou cara na primeira metade, na que soamente Vizoso atinou coa portería. Tras o descanso foi outra historia. O Goiriz sentenciou en dez minutos fulgurantes con goles de Canario, Piraña e de novo Vizoso. Con trinta e cinco minutos por diante, só a boa actuación do gardameta local Óscar evitou unha goleada maior.
O Rioaveso sitúase segundo tras vencer no campo do Castroverde (1-2). Encontro no que os chairegos comezaron mellor, desenrolando un gran fútbol, e froito diso chegou o primeiro gol obra de Álex Anido aos seis minutos de xogo. O dianteiro conectou un bo tiro cruzado desde o vértice da área imposible para o porteiro. O Castroverde logrou igualar as forzas e tamén o resultado cun gol de Carlos López tras un rexeite do gardameta. No segundo tempo o Rioaveso voltou poñerse por diante cun gran gol de falta de Mario. O cadro local volcouse na procura do empate, pero os de Asier Lozano souberon sufrir para manter o resultado.


O Cazás supera ao Matela na táboa nun choque entre os «equipos revelación» (2-0). Tres porterías a cero para o Cazás nos catro encontros disputados, o que da mostra da súa intensidade defensiva. Contra o Matela, o cadro xermadino impúxose nos duelos e non tardou en adiantarse no marcador. Vizo viu adiantado ao gardameta visitante de anotou desde tres cuartos. Os locais estrelaron dous balóns no pao antes do intermedio. O Matela buscou o empate no segundo tempo e contou con varias ocasións para lograr o empate. Preto do final, Álex Muñoz, cun bo testarazo deixo o partido visto pra sentencia.
O Abadín mantén o pleno tras derrotar a unha Comercial que non estrea o casilleiro (2-3). Dominou no comezo o Abadín que se adiantou cun gol de Cristian tras superar a Corti no un contra un. O Comercial mellorou o seu xogo e o encontro igualouse. Malia todo, nunha boa xogada de ataque o Abadín fixo o segundo, obra de Ferre. Tras a reanudación, o conxunto local recurtou diferencias cun gol de Iker. Os de David Lorenzo reaccionaron de contado e Pablo errou a porta baleira o que puido ser o terceiro. Este non tardou en chegar. De novo Cristian, que deixou momentaneamente a portería, para marcar goles na contraria, marcou de tacón para deixar encarrilado o encontro para o Abadín. Raúl deulle emoción ao encontro tras un erro defensivo e os últimos intres ámbolos equipos protagonizaron chegadas con certo perigo á portería contraria.
O Catro Roldas estrea o casilleiro de vitorias cun Samu Orosa estelar (3-0). A inseguridade fíxose dona do Catro Roldas nuns primeiros compases de xogo no que o Friol B contou con opcións para marcar. Co paso dos minutos , o cadro local comezou a xerar ocasións claras e o primeiro tanto de Samu Orosa deulle moita confianza aos de Suso Coto. No segundo tempo, o empurrón do Friol B non chegou e o Catro Roldas controlou o encontro sen excesivos apuros. Samu Orosa fixo o segundo e os de Bruno Castro tentaron recurtar diferencias nunha falta lateral que detivo ben o gardameta. Xa nos últimos intres, Samu Orosa completou o seu hat-trick.


grupo sur
O Sporting Lucense mantén o pleno tras vencer ao Relámpago Taboada nunha boa segunda metade (3-0). Malia o resultado, o Relámpago realizou o mellor encontro do que vai de liga. O cadro visitante xogou replegado e buscou xerar perigo á contra. Contou con algunha oportunidade ao igual que os vistantes. Tras o paso por vestiarios, o Sporting Lucense mudou o seu plantexamente inicial e Cristian convertiu dúas ocasións e gol. Un tanto en propia porta deu ao traste coas esperanzas do Relámpago.
Tres de tres para un Sober que derrotou en Centeás ao Carballedo (2-1). Terceira vitoria noutros tantos encontros para os de Ibán Lagoa nun encontro con ocasións para os dous conxuntos. O gardameta Manu salvou a primeira do Carballedo e pouco despois Nico definiu moi ben para adiantar ao Sober. Pouco despois, nunha xogada desafortunada do gardameta visitante, o killer Martín non desaproveitou a oportunidade para ver porta de novo. No segundo tempo os de Adrián Pateiro arriscaron e lanzáronse a por un gol que os metera no partido. Este chegou por medio de José Luis, que igualou o encontro ata que Lobelle viu dous cartóns amarelos e deixou en inferioridade ao Carballedo. Cos visitantes á desesperada, o Sober puido sentenciar.
Unha primeira metade pra enmarcar dalle o triunfo á Sarriana B fronte ao Monterroso B (3-5). O filial monterrosino cedeu os primeiros puntos diante doutro filial. A Sarriana B xogou replegado buscando saír á contra e o plantexamento non puido dar mellor resultado. As chegadas á área rival convertíronse en goles para os sarriaos. Xoel fixo tres tantos e Pablo outro, que amosaron a febleza defensiva dos de Pampín. O técnico trocou de sistema e no primeiro minuto o Monterroso B recurtou diferencias cun gol de Isma. O tanto fíxolle crer aos locais que viron como se lle anulaba pouco despois outro tanto. O segundo chegou de penalti, obra de Martín e Balbino fixo o terceiro de falta. Os visitantes sufriron nuns minutos de tolemia monterrosina nos que Isma estrelou un balón no pao e Toni non logrou rematar un lanzamento de córner. Dani Vázquez, a falta de cinco minutos para o final sentenciou para os de Raúl.
Un gol no 95 dalle a vitoria ao Chantada Atlético B no Anexo á Medela (3-4). Primeira metade de dominio visitante. Os de Ivi Gayoso transformaron o dominio en goles. Miguel e Joselu puxeron en clara vantaxe aos chantadinos que viron como a confianza xogoulles unha mala pasada no segundo tempo. O Taboada B saiu moi ben ao campo e deulle a volta ao marcador con goles de Andrés, Adán e Yoni. O Chantada Atlético B reaccionou e Joselu igualou a contenda con dez minutos para o final que resultaron unha tolemia de ocasións para os dous lados. O gato á auga levouno Congui, que cun gol no 95 deulle os tres puntos aos visitantes.
Un tanto de falta de Manu dalle os primeiros puntos ao Rio Sil e deixa ao Bóveda sen estrearse (0-1). Os visitantes comezaron mellor. Contaron con dúas ocasións ata que Manu transformou un lanzamento de falta. A partir de aí o Bóveda disfrutou dos seus mellores minutos do campionato. Os de Elcoso xogaron en campo contrario e gozaron de numerosas ocasións. A mala sorte e a boa actuación do gardameta Adrián evitaron que se viran máis goles no Hermanos Somoza. Nos últimos intres, o Río Sil contou con algunha opción de sentenciar á contra.

