Roi Vázquez: “Vestir a camisola do Monterroso non é calquera cousa”

Estamos nas primeiras semanas dunha nova tempada no fútbol provincial e todos os nosos protagonistas anónimos teñen as pilas cargadas para un novo curso de fortes emocións polos campos de rexional. Todos? Non, todos non. Rodrigo Vázquez Rodríguez (Monterroso, 1983) colga as botas e as luvas despois de 22 tempadas consecutivas portando o número 1 na Sociedade Deportiva Monterroso. Nesta conversa informal que reproducimos para futbolinlugo e para as redes sociais do clube vermello, Roi fai un breve balance da súa dilatada carreira e cóntanos algúns momentos que viviu baixo os paus e tamén fóra do campo. Con todo, e coa súa habitual humildade, hai omisións de bulto. Basta unha pequena anécdota para coñecer o seu carácter: Non hai moito tempo, por vicisitudes propias do fútbol amateur, Roi tivo que saír como xogador de campo para afrontar os derradeiros minutos dun encontro en Cerdeiriños. O adestrador decidiu poñelo en punta. Nun balón en longo, recorte, outro recorte, condución, disparo a porta e gol. Golazo. Para o noso protagonista iso non foi importante, prefire recordar compañeiros, rivais, adestradores…Será difícil non botalo de menos.

Pregunta: Empezamos polo final. Vinte e dúas tempadas ininterrumpidamente defendendo a portería da S.D Monterroso e decides deixalo, por que agora?

Resposta: Basicamente polo tempo. Son 35 anos xa, que tamén están aí; ademais hai xente que vén empuxando e creo que agora é un bo momento para deixalo.

P.: Primeiros contactos coa pelota e xa querías ser porteiro. Que motivación leva a un neno a poñerse debaixo da portería cando case todos soñan con marcar goles?

R.: Aquí tivo moita influencia o meu pai. Ademais, na rúa xa xogaba co meu primo Diego (ex –xogador da S.D. Monterroso) e eu poñíame a pararlle os tiros entre dúas pedras que facían de postes. Pero o meu pai foi o que mo inculcou, el xa xogara de porteiro na última etapa de xogador co Monterroso por unha lesión de xeonllo. Despois xa adestras un pouco…

P.: E alí empezou todo?

R.: Si. Foi Miguel, o actual presidente, o que formou unha escola de fútbol no Monterroso. Empezamos a adestrar dunha forma máis ou menos regular. Un par de anos despois, creouse o primeiro equipo cadete federado do club e eu tiven a sorte de formar parte dese grupo.

P.: Cadetes, xuvenís, sénior; vas queimando etapas e categorías. Foron moitos compañeiros e rivais, ¿algún que dixeras “a este non hai quen o pare”?

R.: Houbo moitos e non quero despreciar a ningún, pero sufrín a Guerreiro como rival e tamén o disfrutei como compañeiro; marcaba as diferenzas. Tamén recordo a un tal Pradera da Sarriana, dicían que xogara en Primeira División.

“Poder dicir que te adestrou teu pai tamén é especial”

 

P.: Falemos de adestradores, quen che deixou unha pegada especial?

R.: Recordo con moito cariño a Segundo porque foi co que debutei en categoría sénior e iso sempre che queda. Pero non quero esquecerme do meu pai, que nos adestrou en xuvenís e quedamos campións de Liga. Incluso xogamos a fase de ascenso a Liga Galega contra o Vilalbés. Poder dicir que te adestrou o teu pai tamén é especial.

“Iamos gañando 0-1 e parei un penalti no oitenta e pico, co empate descendíamos…”

P.: Algún partido na retina? Deses que non se esquecen…

R.: Uff…Recordo que debutei en Rexional Preferente sendo aínda xuvenil. A xornada anterior expulsaran a Mario, porteiro do primeiro equipo, e chamáronme a min para ir xogar a Negreira. Perdemos 5-2. Non me podo esquecer, foi a última tempada que o Monterroso xogou en Preferente. Pero sen dúbida o partido mais especial foi contra o Sagrado Corazón no 2015. Último partido de liga da 1ª Rexional, xogabamonos o descenso na súa casa, As Gándaras, que estaba a tope de xente; o que perdía baixaba a 2ª Rexional, era unha final. Iamos gañando 0-1 e parei un penalti no oitenta e pico, co empate descendíamos…imaxínate o importante que foi aquel partido. Despois Lorenzo marcou o 0-2 e mantivemos a categoría. Aínda hoxe estamos en Primeira…como me vou esquecer dese día!

P.: En todo ese tempo tivo que haber oco para unha morea de anécdotas…

R.: Moitas. O bonito disto é que che van pasando moitas cousas. Unha vez no Valadouro o autobús do noso equipo quedou metido nunha cuneta ó pé do campo e un xogador deles veu remolcarnos co seu propio tractor…En Monforte saímos escoltados pola Policía Nacional máis dunha vez coma se foramos un equipo de 1ª división…(risas).

P.: O pasado 25 agosto o club organizou o Torneo Alibós, que contou coa participación dos equipos veciños de Palas, Antas e Taboada. Durante a previa, a S.D. Monterroso realizou unha pequena homenaxe como despedida a esas 22 tempadas como “one club man”. Como valoras que o equipo da túa vida che adique un acto así?

R.: Moi agradecido. Eu non sei se o merezo. Tampouco recordo que se lle teñan feito este tipo de despedidas a outros xogadores, así que o agradecemento é máximo. De todas formas, a miña relación co club non remata aquí. Seguirei na grada ou onde sexa porque o Monterroso non se pode deixar nunca.

P.: Para rematar e a modo de consello para esos nenos que empezan en prebenxamíns, benxamíns…etc.no equipo da súa vila, ¿que lles dirías?

R.: Que valoren o que teñen. Que se esforzen. Hai moito traballo e moita xente detrás dun club para sacar adiante todo iso. Vestir a camisola do Monterroso non é calquera cousa e iso haino que valorar.

Entrevista por Fernando Arias: Incondicional do noso fútbol

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario