Hai partidos da xornada especiais, igual que cada inicio de competición, pero a saída dun novo club sénior é unha festa. O Río Ouro leva sete anos de aventura no fútbol base recollendo a xogadores tanto de Alfoz como do Valadouro e todo ese traballo agora ten os seus froitos. A volta do fútbol sénior ao Árbol será, ademais, cun encontro de proximidade, xa que o seu primeiro rival na Terceira Futgal será o San Ciprián. Será este sábado ás 17.30 horas.
A estrea do Río Ouro tamén significa a suma dun novo cadro para o mapa do fútbol lucense. Unha gran emoción que abrangue a todos os que conforman este deporte a nivel provincial e aos que unha noticia como esta lles alegra o corazón. Todo no último grupo do fútbol masculino no que comeza a rodar o balón e nunha competición que só terá un ascenso a modo directo co fin de que a Segunda Futgal quede con 14 equipos na vindeira campaña.
O seu primeiro rivall será un San Ciprián que ven de superar un descenso na última tempada. Un proxecto que non se pon como o único obxectivo un regreso pola vía rápida, se non que o seu principal enfoque está en que os rapaces da vila teñan un equipo asentado no que poder seguir xogando unha vez rematen a súa etapa de formación.
OS PROTAGONISTAS
Julio Castro, adestrador e impulsor do Río Ouro

Novo paso do proxecto: Os rapaces están nerviosos porque na gran maioría dos casos nunca xogaron en sénior. Eu dixenlles que cambiaban de etapa e que chegaba a competición. Se algo define o que sentimos é orgullo de facer realidade algo que hai catro anos era impensable..

Proxecto de base: Foi unha carreira de fonod. Sabía que a idea era poder chegar a esto, ter un equipo da zona do val xuntos. Polo medio hai moito sufrimento, comezamos a xogar con nenos que non tocaron un balón e que levaron moitas goleadas. Tivemos moitas horas de adestramento en todo este tempo e un traballo de paciencia que os rapaces puideron ver. Agora temos unha perspectiva de futuro e xeracións que veñen moi fortes.
Volta de fútbol ao Árbol: Poder devolver o fútbol á zona e con xente de Alfoz, que xa ten o seu equipo, e O Valadouro é fermoso. Cando desapaerceu o Valadouro, fíxoo por non ter xente da casa. Agora demostramos que podemos ter un equipo sénior e feito por eles e para eles. Non hai outra explicación que eles vexan que o equipo é deles e do val. A xente valora moito que fagamos esto. Estamos con moitas ganas de traballar e a ver que resultados acadamos..
Félix Martins, adestrador do San Ciprián

Proxecto para este curso: O descenso non é que fora merecido, pero cando non tes sorte e o traballo non se nota acadas o descenso. Chegado a ese punto, temos rapaces novos que teñen moita ilusión e que queren seguir loitando e voltar á Segunda Futgal.
Obxectivo do San Ciprián: O que buscamos non é querer ascender pola vía rápida, o que buscamos é consolidar o equipo con rapaces novos. Queremos que queden o máis arriba posible, pero o noso principal obxectivo é asentar as bases para que os que veñen detrás poidan ter un sitio no que medrar como futbolistas.
Crecemento do fútbol na Mariña: Os que están na base e chegan a xuvenil son rapaces que queren seguir e xogar ao fútbol. Hai xogadores que levan moito tempo xogando e teñen a oportunidade de seguir medrando como futbolistas tanto no San Ciprián, como no Río Ouro e igual no resto de equipos da Mariña.
A ANÉCDOTA DO ENCONTRO
O fútbol voltará ao Árbol despois de que por última vez xogara alí o ACD Valadouro. Debido á súa retirada da competición na tempada 19/20, o último encontro con rexistros na categoría sénior foi unha derrota por 0-1 ante o Roupar na anterior campaña. Jaco Ares foi o último xogador en marcar no campo en categoría sénior. Xogando como local, o derradeiro foi Borja Orosa por partida dobre nun Valadouro 2-3 Cabreiros.
A AXENDA
Terceira RFEF
Boiro-Racing Villalbés (domingo ás 18.00 horas na Barraña): Os chairegos seguen ante un inicio moi complicado en canto ao calendario pero no que están rendido ás mil maravillas. Ubicados na segunda posición e sen perder ata o momento, irán a casa do líder, que á súa vez é o único equipo que suma o pleno de puntos no que levamos de tempada. Un encontro especial para o goleador dos de Juan Rodríguez, Adri Castro, que volve á súa casa.
Preferente Futgal
Chantada-Betanzos (domingo ás 17.30 no Sangoñedo): O bo ritmo do Chantada asentándose nunha categoría nova necesita sumar a súa primeira vitoria do curso. Ante eles, terán a un dos peixes gordos da categoría. O Betanzos é un dos equipos que parece que está destinado a poder loitar ata o final da tempada por asecender á Terceira, categoría que perderon hai dúas campañas.
Primeira Futgal
Outeiro de Rei-Oural (domingo ás 18.00 horas no Municipal de Outeiro de Rei): Poucas persoas podían contar con que estes equipos ían estar na zona alta no comezo do curso, pero están sendo algunhas das sorpresas do ano. O Outeiro de Rei é un dos catro equipos que ocupan o coliderado, mentres que o Oural está a só tres puntos deste grupo ubicado na séptima posición.
Segunda Futgal
Goiriz-Alfoz (sábado ás 176.00 horas no Ventiño): O grupo norte terá un partido entre o cuarto clasificado e o primeiro. O comezo de curso do Alfoz está a ser perfecto con cinco goles a favor e dous en contra. Pola súa parte, o Goiriz ven de sumar catro puntos. Un encontro fermoso que pode ser un paso importante para o que consiga sumar os tres puntos.
Fútbol feminino
Atlético Villalonga B-Antas (domingo ás 11.30 horas no Cruceiro de Dorrón): O Antas agora mesmo sitúase no coliderado do grupo 2 da Primeira División Galega despois de suar dúas vitorias nas primeiras xornadas. O obxectivo, vendo o rendemento dos primeiros encontros, está claro, entrar no grupo da loita polo ascenso de categoría.

