A décima xornada da Terceira rematou sen triunfos lucenses. O que máis preto tivo os tres puntos foi o Racing Vilalbés que gozou de dous goles de vantaxe na súa visita ao Paiosaco, pero rematou empatando. O Polvorín tampouco pasou do empate ante o Estudiantil e o Viveiro saiu goleado nun mal encontro ante o Bergantiños.
O Racing Vilalbés empatou na Porta Santa logo de contar con dous tantos de vantaxe (2-2).
Encontro moi condicionado polas adversas condicións climatolóxicas, sobre todo, polo forte vento que sopraba na Porta Santa. O conxunto local tentou levar a iniciativa ante un Racing Vilalbés ben posicionado que buscou saír a contra aproveitando os espazos que deixaba o Paiosaco.
O primeiro tanto non se fixo agardar. Aos tres minutos de encontro, unha falta lateral rematouna López, que xogou no lateral esquerdo, ao fondo da portería. E aos vinte minutos chegou o segundo. Desta volta obra do killer Cuadrado ao culminar unha contra. Con dous goles de diferencia no marcador, os chairegos sentíronse cómodos no campo e crearon varias situacións de perigo para sentenciar o encontro. Unha das máis claras tívoa o xuvenil Rares, titular no once de Simón Lamas, pero cruzou demasiado o balón ante Rama.
O segundo tempo comezou como rematou o primeiro. Co Racing buscando a sentencia. Esta tivo nas botas de Aitor, pero o ribadense errou diante do porteiro. Cando aínda non transcorreran cinco minutos da reanudación chegou o primeiro tanto local, obra de Jesús cun tiro cruzado que se colou lonxe do alcance de Javi Rumbo. O Paiosaco, co vento a favor, sentiuse máis cómodo sobre o céspede da Porta Santa e buscou o empate. Este non chegou ata o minuto 87. Tani anticipouse á zaga vilalbesa e rematou ao fondo da portería. O susto chegou no tempo de desconto, cun tiro desde corenta metros que se estrelou na cruceta da portería do Racing.
Os chairegos suman quince puntos e están empatados na terceira praza co Fabril, aínda que cun encontro menos. Na última xornada deste ano 2020 recibirán na Madalena ao Silva.
Mal encontro do Viveiro que rematou goleado polo Bergantiños en Cantarrana (0-4).
As boas sensacións que amosou o Viveiro nas últimas xornadas esvaecéronse nada máis comenzar o encontro. O Bergantiños soubo adaptarse mellor ao estado do céspede de Cantarrana e optou, á diferencia dos mariñáns, por un xogo máis directo que lle deu os seus froitos.
Aos cinco minutos de partido, os visitantes xa avisaran cun par de ocasións claras nas botas de Duque e Uzal. Foi precisamente o primeiro, o ex xogador do Polvorín, quen abriu a lata. Foi nun saque desde o curruncho que o dianteiro do Bergantiños rematou picada no primeiro pao. Sobrepasados os vinte minutos Martín Lamelas fixo o segundo cun gran disparo que entrou pola escadra. O Viveiro acusou as baixas de Tichu e tamén do tocado Javi Rey, e non xerou ocasión algunha para recurtar diferencias.
Na segunda metade, o oficio do Bergantiños chegoulle para controlar o partido. A profundidade do banco de Lemos serviulle para que entraran de refresco xogadores da calidade de Carlos, Yelco ou Antón Concheiro. Pero o gran protagonista foi Martín Lamelas que completou un hat-trick, primeiro tras aproveitar un mal despexe de Manu Cedrón e logo ao aproveitar un rexeite. Os xuvenís Luis Pernas e Xoel tiveron minutos no cadro viveirense.
Malia todo, o Viveiro mantense na zona morna da clasificación e despedirá o ano en Abegondo ante o Fabril.
O Polvorín igualou na Chega ante o Estudiantil nun encontro de escasas ocasións (0-0).
Encontro igualado no que o conxunto visitante amosou unha clara melloría defensiva respecto dos últimos encontros. Os de Gelucho cedéronlle a iniciativa ao filial albivermello e trataron de saír xogando sobre o seu punta. O Polvorín apostou por un xogo combinativo facendo que o rival tivera que xogar replegado. Os de Álex Ortiz tentaron crear ocasións do gol, pero sen gran acerto. A máis clara chegou sobre a media hora de partido logo dun centro lateral que remata Cristian a bocaxarro, pero o dianteiro lucense atopouse coa boa resposta de Óscar Santiago.
A segunda metade seguiu o mesmo guión que a primeira. O adestrador local moveu o banco ca entrada de Gabarre e Marcos co obxectivo de seguir metendo atrás ao Estudiantil e xerar situacións de perigo, pero estas non chegaron. O cadro santiagués gozou dunha boa ocasión á saída dun córner, pero o gardameta Ángel Fraga realizou unha gran intervención.