Relevo lucense no liderado do grupo B da 3ª División

Foto de portada: @CDChoco

A quinta xornada da Terceira tampouco deixou vitorias na provincia. Ao Racing escapóuselle no último intre, ao Viveiro non lle validaron o gol que marcou na Porta Santa e o Polvorín cometeu falta dende onde non falla Pablo Rey. Iso si, temos o primeiro goleador destacado lucense. O dobrete de Santi Gegunde sitúao con tres goles no que vai de temporada.

As novas dispares son protagonistas nos #LucensesNaTerceiraGalega. O encontro entre o Arousa e o Choco deixou un cambio de líder no grupo B. Pero tamén con presenza lucense. As peores novas chegan dende Carballo. Iago López non poderá competir nas próximas semanas.

Novo líder na Lomba:

O Arousa recibía ao Choco en Vilagarcía logo de colocarse líder na pasada xornada. Co lucense Ross no equipo titular, o cadro adestrado por Rafa Sáez adiantouse no marcador.  No segundo tempo o equipo de Redondela remontou. Con Alberto Suárez xogando todo o tempo. O mediocentro foi titular nos cinco partidos do conxunto choqueiro. Os pupilos adestrados por Gonzalo Fernández colócanse líderes do grupo cun punto de vantaxe sobre o seus peseguidores.

Ademais do Alondras e do Arousa, o outro perseguidor é o Arenteiro. O equipo do Carballiño empatou no seu duelo como visitante ante o Estradense. O vilalbés Víctor Eimil non tivo minutos. Volveu saír do once de entrada, ao que regresara na semana anterior.

O partido con máis lucenses: 

O encontro na Porta Santa entre o Paiosaco e o Viveiro foi onde máis lucenses houbo sobre o céspede. Ata doce futbolistas da provincia participaron no cadro celeste. E iso que Chusky só fixo dous trocos. O equipo viveirense finalizou o choque cun once plenamente lucense: Cedrón; Agus, Dani Montes, Edgar, Pablo Rey; Xaime, Iván; Asier, Javi Rey, Tichu e Álex Meitín.

Un menos houbo na herba da Madalena. O regreso de Villares e os dez lucenses que participaron co Racing. O de Samarugo xogou o seu primeiro encontro oficial na súa casa con outra camisola. Aínda que neste pretemporada xa xogara o Trofeo President co Fabril. Foi un dos destacados do conxunto fabrilista. Anotou o segundo gol do filial branquiazul nun bo remate anticipándose a liña defensiva do vilalbés. É o primeiro gol de Villares nesta tempada.

Diego Villares estivo presente a semana do nove de novembro nunha sesión co 1º equipo. Foto: RC Deportivo

Na Cheda participaron cinco xogadores da provincia no Polvorín – Somozas (1-2). Julen, Martín, Dani Vidal e Marcos González no Lugo B e Aldán no Somozas. O futbolista viveirense entrou nos últimos intres do encontro. Trocou por Pablo Rey, un dos protagonistas do partido. O conxunto de Ferrolterra mantense como primeiro clasificado no grupo A.

Cinco protagonistas da provincia tamén houbo na Grela. Aínda que só catro estiveron sobre o céspede. No duelo entre o Silva e o Fisterra, Xusto volveu ser titular. Quinto partido sendo un fixo na defensa silvista. E quinto empate do seu equipo. Pola súa banda, Ramón non tivo minutos por segundo encontro seguido. Ademais Iván Abel Bruzos foi o encargado de impartir xustiza acompañado de Adrián López Bermúdez e Gabriel Polo Fraga.

Os damnificados: 

Iago López non entrou na convocatoria da vitoria do Bergan no Poboado. Unha rotura no isquio impediuna. O central xa viña con molestias nas últimas xornadas. Hai dúas xornadas xa non xogou contra o Arzúa. E a fin de semana anterior xogou o último tramo de partido ante o Racing. Agora o monfortino terá que ser baixa unhas semanas e non poderá entrar nos plans de José Luis Lemos.

O Arzúa – Estudiantil foi aprazado por mor dun caso de covid 19 no equipo arzúan. Polo que nin Álex Vázquez, nin Pedro Delgado nin Brais Prieto puideron xogar o seu encontro.

Trío arbitral encabezado polo colexiado sarriano, Jesús López, colexiado de 3ª División

Máis xustiza: 

Ademais do encabezado por Iván Abel, tivemos un trío lucense máis arbitrando nesta xornada. Jesús López Fernández estivo asistido no Couto por Alberto Blanco Méndez e Alberto Lago Barreiro. É o primeiro encontro arbitrado polo colexiado nesta tempada na 3ª. Ía impartir xustiza no derbi entre o Vilalbés e o Lugo B. Pero o encontro non chegou a xogarse por mor dos casos de covid no equipo capitalino. Se non hai cousa de novo, este partido aprazado xogarase o Día de Reis (6 de xaneiro) ás 16h.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario