Foi dos poucos lucenses que volveu xogar ao fútbol despois do confinamento. Santi Gegunde puxo fin a súa primeira etapa fóra da terra cun ascenso que nin no campo se produciu. O CD Lealtad xogou o play off asturiano á Segunda B como primeiro clasificado. Non obstante, perdeu o seu partido nas semifinais. Posteriormente, non puido xogar a respesca dos campións por mor de casos de coronavirus nun dos seus rivais. Días despois a RFEF comunicáballe o seu ascenso ao ampliarse o número de equipos na categoría de bronce do fútbol español. Xusto nese día anunciouse unha das fichaxes do verán. Santi volve á provincia para recuperar o seu nivel. Foi a terceira fichaxe do Racing Vilalbés. Despois da chegada de Aitor e Dani Pedrosa e previa a incorporación de Bruno Caballero.

FUTBOLINLUGO: Foi un ano complicado por varios motivos, pero vés de ter minutos no play off asturiano de ascenso á Segunda B. Como te atopas fisicamente?

SANTI GEGUNDE: Despois do confinamento atopeime moito mellor da lesión do nocello. Saíu todo ben nos adestramentos. As sensacións foron moito mellores. Puiden estar para o play off e aínda que entrei de suplente, coido que estaba para xogar máis minutos.

Fil: Cales son as razóns de fichar polo Vilalbés?

SG: Foi un ano complicado. Estiven moito tempo lesionado. E logo cando volvín non estaba preparado para facelo. Non puiden chegar nin ao 50% do meu nivel. Pola contra, o confinamento veume moi ben. O nocello respondeu xenial a volta. Os compañeiros dicíanme nas sesións de traballo que parecía outro. Agora veño o Vilalbés para estar cómodo. Sei que me vou atopar cun vestiario incrible. Quero coller confianza.

Fil: Influíron na fichaxe Javi Pita ou Make?

SG: (risas) Son dous dos meus mellores amigos. Sempre que se poda xogar con amigos mellor que mellor!

«Non me atopei cómodo no vestiario»

Santi Gegunde viviu unha tempada complicada en Les Caleyes por mor dunha lesión no nocello. Foto: CD Lealtad

Fil: Non houbo opción de seguir no CD Lealtad?

SG: Nunca chegamos a falar dunha posible continuidade. Antes do confinamento, xa o tiña decidido. Non me atopei cómodo no vestiario; nunca terminei de encaixar. Pero co club non tiven ningún problema. É unha entidade exemplar que fai as cousas moi ben. Pero decidín volver para a casa para recuperar o meu fútbol.

Fil: Había moitas ofertas?

SG: Houbo algunha, pero prioricei estar en Lugo coa familia por mor da pandemia. Ao mellor marchas para outra cidade, a competición non comeza e tes que seguir pagando unha vivenda. Non temos claro se imos xogar. Así que preferín vivir na casa. Por outra parte, a miña parella vive en Oviedo e poucos equipos hai máis próximos en Galicia de Asturias ca o Vilalbés.

Fil: Esta tempada foi a túa primeira experiencia fóra do fútbol galego. Animaríaste a repetir de novo?

SG: Pode ser que si. Se me atopo ben, non o descarto. Pero agora era complicado. Quero recuperarme e volver ao meu mellor nivel. De feito, ao estar a miña parella en Asturias non descarto un futuro regreso.

«Estou moi contento polas persoas que levan o club; merecen estar en Segunda B»

Fil: Como viviches todo o que conlevou xogar o play off de ascenso no mes de xullo no medio desta pandemia?

SG: As primeiras semanas foron complicadas despois de máis de dous meses metido nun piso. A raíz de superar a primeira semana, foi todo rodado. Realizamos bos adestramentos, cumprimos cos protocolos sanitarios como o de saír xa cambiados da casa, ter o mínimo contacto entre nós,.. Despois no aspecto deportivo si que para nós foi unha desvantaxe. Quedamos líderes do grupo e os nosos rivais, aos que lles sacamos puntos, tiveran as mesmas opcións nos 90 minutos do partido.

Fil: E como se levou dende dentro o ascenso sen xogar?

SG: Foi unha situación na que ninguén sabía nada. Cando perdemos co Caudal foi unha semana complicada. Non sabiamos cantos primeiros ían quedar fóra polo que non sabiamos se iamos ter rivais ou non. Adestramos sen saber se iamos xogar. Unha vez que soubemos que tiñamos que xogar esa repesca en La Rozas, xa estivemos máis animados. Todo volveu cambiar no día do partido. Chegamos a Madrid e antes de ir para o campo dinnos que houbo positivos por coronavirus no Marino. Naquel momento non sabiamos que facer. O club decidiu tirar para Asturias de novo e díxonos que podiamos marchar para as nosas casas. Non había trazas de volver xogar. Finalmente ascendeuse. Estou moi contento polas persoas que levan o club. Son uns fenómenos, merecen estar en Segunda B.

Fil: Dicías en decembro que estabas moi contento por como respectaran a túa lesión e polas facilidades que che deran. Con que imaxe te marchas?

SG: Dende o primeiro día o presidente xa me dixo que non me apurase. Cando volvín sempre me axudou. Estiven moi respaldado. Sabían que era un xogador distinto ao que estaban vendo alí. O presidente díxome que era unha mágoa que non poideran ver o fútbol que levaba dentro. Xusto cadrou unha lesión no ano máis difícil ao marchar de Galicia. Pero hai que aceptalo como veu.

Fil: Semella que tes idilio co play off; levas tres consecutivos…

SG: É certo. Os últimos tres anos tiven a sorte de disputalo aínda que sempre me pasou algo. Dúas lesións en cadansúa temporada co Compos no momento clave. E este ano co Lealtad xa co tema da covid. Fastidiou non poder ascender no campo.

Fil: Este ano o Compos si que o conseguiu…

SG: No Compos tiña un vestiario incrible. Alégrome moito. Para min en Galicia é o mello club a nivel de Segunda B ou Terceira. Merecen estar na categoría de bronce como mínimo.

Fil: Parece que triunfou unha idea e a confianza en Santiago…

SG: A liña entre o fracaso e o éxito é moi pequena. Cando quedamos campións na eliminatoria co Salmantino enviamos un balón ao pau e, ao pouco, márcannos o gol que nos priva de subir. Se marcamos ese gol e ascendemos ninguén se había acordar de máis nada. O tempo deulle a razón a Casti co proxecto de Yago. Estou vendo que agora en Segunda B queren continuar co proxecto e confían en xente sen experiencia na categoría, pero con nivel. E respaldados polo modelo de xogo de Yago.

«Se teño que escoller entre as persoas e o fútbol, volvería facelo»

Santi Gegunde chega ao Vilalbés logo de pasar polo Lealtad, a SD Compostela, As Pontes, Narón, Outeiro, CD Lugo, Comercial e a Milagrosa. Foto: Racing Vilalbés

Fil: Arrepínteste de marchar o curso anterior?

SG: Sabía que a nivel deportivo ía perder. En Santiago estaba moi cómodo. Pero tomei unha decisión persoal. A miña parella comezaba unha nova etapa en Asturias e quería estar con ela. Se teño que escoller entre as persoas e o fútbol, volvería facelo.

Fil: Con que expectativas chegas ao Vilalbés?

SG: É un club moi asentado. O meu primeiro obxectivo é encaixar no vestiario e sentirme cómodo no día a día. É o máis importante agora mesmo. Desfrutar nos adestramentos. Estar todos os días contento. Logo seguro que temos un bo equipo para aspirar a facer cousas. Non creo que en presuposto esteamos preto dos de arriba, pero a nivel deportivo ímolo tentar.

Fil: Fernando Cuadrado, Dani Pedrosa, Santi Gegunde,… tres xogadores con pasado na base do CD Lugo agora no Vilalbés…

SG: Haberá que intentar complementarnos entre os 3. Teño moi boa relación con Cuadrado e nunca coincidiramos xuntos. E de Dani teño moi boas referencias. Coma no meu caso, vén dunha temporada difícil. Podemos xogar en posicións distintas. De feito, prefiro xogar cun nove referencia. Pero hai máis xogadores no equipo cos que tamén nos imos complementar moi ben.

«Se empeza o fútbol afeccionado debería ser con público»

Fil: Como vés a opción de volver xogar ante a situación de pandemia que vivimos?

SG: Primeiro que saía un protocolo e que nolo expliquen. A día de hoxe véxoo moi complicado. Pero se o resto dos sectores están volvendo, eu creo que o fútbol ten que intentar volver. Se hai positivos haberá que tomar medidas. Pero o primeiro é sacar un protocolo para comezar a adestrar. Logo que os equipos sexan meticulosos. No Lealtad cumpriamos todo ao 100%. É complicado porque é unha situación nova na que ninguén che pode dar unha fórmula. O que teño claro é que se se empeza debería ser con público. Hai campos que co 20 ou co 30% do aforo cumprirían coas medidas sanitarias.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*