Volveu a temporada na Terceira RFEF e na Preferente no seu formato habitual. Na Terceira o Racing Vilalbés comezou con triunfo na Madalena diante do Estradense, mentres que o Viveiro, aínda en proceso de construcción, perdeu de xeito abultado no campo do Choco. Na Preferente a Sarriana goleou ao Unión, o Lemos empatou en Fisterra, o Ribadeo igualou na casa co As Pontes e a Residencia fixo o propio co Noia. O debutante Portomarín pagou a novatada e caeu fronte ao Dubra.
Triunfo do Racing Vilalbés diante do Estradense cun estratosférico gol de Javi Rey (2-0).
Comezou o encontro de cara para os chairegos cun tanto de Santi Gegunde no primeiro minuto xogo. Pablo Rey botou unha falta e o dianteiro cabeceou ao fondo da portería. Sen embargo, malia a ir co marcador a favor, os de Simón Lamas non estiveron cómodos durante a primeira metade. O Estradense estivo mellor e incluso tiveron algunha ocasión para poder igualar o encontro, pero o cadro dirixido polo focense Nacho non estivo atinado cara a portería defendida por Álex Santomé, que realizou algunha parada de mérito.
Logo do paso por vestiarios, o Racing foi mellor, sobre todo en defensa, aínda que as imprecisións en ataque priváronlle de gozar de ocasións claras de gol. A falta de dez minutos para o final surxiu a xenialidade de Javi Rey, que cunha xogada ‘box to box’ desfacéndose dos rivais que lle saíron ao paso, definiu diante do porteiro e sentenciou o choque.
Un Viveiro en inferioridade caeu goleado diante do Choco (5-1).
Non foi o mellor resultado para un Viveiro que precisa gañar en confianza, pero o certo é que o abultado do marcador non se correspondeu co visto sobre o céspede de Santa Mariña. Na primeira metade os de Alberto López foron superiores ao Choco e marcharon ao descanso por diante no marcador grazas ao gol de Rolle. Os mariñáns buscaron o ataque por banda e foron quen de xerar perigo ante a portería de Cortegoso.
Na segunda metade, o conxunto local saiu mellor e non tardou en empatar cun tanto de Félix. Tan só tres minutos máis tarde, Barroso viu a segunda tarxeta amarela e en superioridade o Choco castigou cada erro dos celestes. Varias perdas de balón en medio campo remataron en gol. Fran Monroy e Comis puxeron en clara vantaxe ao Choco, e xa preto do final Juanma Justo e Óscar sentenciaron.
A Sarriana amosou a súa gran pegada no feudo do debutante Unión (0-4).
Os de Edu Rodríguez comezan a temporada mandando un claro recado aos seus rivais. Triunfo fóra da casa con goleada para os sarriaos, que malia todo non foron quen de abrir a lata ata a segunda metade. A Sarriana comezou moi ben, cómodos sobre o campo, con boa circulación de balón e gozou de dúas ocasións claras de gol. En dous erros defensivos, o Unión a piques estivo de adiantarse no marcador. Saviola nun man a man co porteiro enviou o balón fóra por escasos centímetros e pouco despois Javi Liz resultou decisivo.
Na segunda metade, a Sarriana volveu ao nivel dos primeiros minutos. Pedro López viu como lle anulaban un gol por fóra de xogo, pero poucos minutos despois, o central volveu a ver porta porta logo dunha boa acción de Santín. O segundo tanto foi obra de Herrero logo dunha boa xogada combinativa. A falta de dez minutos, un golpeo desde a frontal de Jacobo colouse na portería local. Moi preto do final, Brais convirte unha pena máxima cometida sobre él mesmo.
O Lemos foi superior ao Fisterra en Ara Solis, pero tivo que conformarse co empate (2-2).
Bo encontro do Lemos no sempre difícil campo fisterrán. A boa presión monfortina deu os seus froitos con varios roubos en campo contrario. Nun deles Marco conseguiu o tanto que poñía por diante aos de Josito Jul. Co paso dos minutos, o Fisterra fíxose co dominio do encontro e antes do descanso foi quen de darlle a volta ao encontro con dous tantos a balón parado. O primeiro obra de Breixo ao aproveitar un rexeite dunha falta e o segundo logo do remate de Jano ao saque dunha falta lateral.
Na segunda metade o Lemos voltou a levar a iniciativa e tivo claras ocasións para lograr o empate, ademáis dun tanto anulado por un dubidoso fóra de xogo. A igualada foi obra de Dafonte.
O Ribadeo empatou fronte ao As Pontes no Pepe Barrera nun encontro vibrante (1-1).
O conxunto mariñán non puido estrear esta ilusionante temporada cun triunfo, nun encontro xogado de poder a poder fronte ao As Pontes. A primeira metade resultou igualada e con poucas ocasións. Os visitantes gozaron dunha aos poucos minutos do comezo, nunha internada de Rogerio que Dos Santos enviou a córner. Os de Dani Moirón, lastrados na punta de ataque polas ausencias de Criss e Álex Meitín, só inquedaron a portería rival con dous lanzamentos lonxanos, un de Xaime de falta e outro de Asier, que obrigaron a a Henrique a intervir. O colexiado non sinalou un claro penalti por man dun defensor visitante dentro da área. Co tempo cumprido, un centro lateral de Sergio Criado aproveitou a indecisión de zaga e gardameta para colarse dentro da portería.
Na segunda metade, Dani Moirón colocou en punta a Diego Hermida e o focense a piques estivo de marcar cun testarazo que saiu lambendo o pao. Santi tamén viu de preto o empate cun lanzamento que rematou na parte exterior da rede. Os de Rafa Casanova saían a contra con certo perigo e nun saque desde o curruncho o ex ribadense Traba a piques estivo de poñer terra de por medio. Pero a falta de vinte minutos para o final, Asier, o mellor do Ribadeo, igualou cunha volea que se envenenou e ante a que nada puido facer o gardameta. Nos últimos intres, ámbolos dous conxuntos tiveron ocasións para lograr a vitoria, pero o marcador permaneceu inamovible.
As numerosas baixas condicionaron á Residencia, que logrou un punto fronte ao Noia (1-1).
Con só doce xogadores do primeiro equipo afrontou o encontro a Residencia fronte ao Noia, un dos conxuntos chamados a estar na zona alta da clasificación. A primeira metade resultou igualada e sen practicamente ocasións de gol. A máis clara para os de Dani Galán tívoa Iago cun remate que saiu lixeiramente desviado. Diego tivo que empregarse para desbaratar un disparo de Pablo Carro.
Na segunda metade a intensa calor pasou factura e o Noia levou a iniciativa sen xear excesivo perigo.
O Portomarín pagou a peaxe do debutante fronte ao Dubra (0-4).
Cinco minutos servíronlle ao Portomarín para ver como era a nova categoría. Dous erros defensivos remataron con dous tantos de Martín que deixaban o encontro moi encarrilado para o Dubra. O xogo resultou máis igualado do que demostrou o marcador, pero os de Fernandito víronse moi penalizados en cada erro cometido. Antes da media hora de encontro, Darío fixo o terceiro.
Na segunda metade o encontro baixou de intensidade, aínda que Martín pouco tardou en establecer o terceiro na súa conta particular e o cuarto no cómputo global. A claridade de ideas do Dubra, unido á calidade no balón parado dun ilustre como Álvaro Varela resultaron decisivas para o marcador final.