Volven os Máxicos da Primeira, volve a competición que tanto nos gusta. Repasamos o acontecido na xornada 1 desta 22/23.
Antas 1-3 Castro: o Castro foi o dominador da primeira metade, e aos dez minutos xa mandaba 0-2 no marcador. No segundo tempo, os locais apretaron, recurtaron diferenzas e buscaron o empate. Tamén os vermellos puideron pechar o partido antes, pero non foi ata a recta final cando sentenciaron nun contragolpe, 1-3.
Lourenzá 1-1 Santaballés: bo partido no Santa Cruz entre dous conxuntos moi serios. Logo dunha primeira parte igualada, o Atleti transformou unha falta directa para poñer o 1-0 no segundo tempo. O Santaballés non lle perdeu a cara ao partido e gozou de varias ocasións para empatar. Finalmente, case co tempo cumplido, conseguiron o merecido empate.
Pastoricense 0-0 Monterroso: foi mellor o Monterroso no primeiro tempo, gozando de ocasións para anotar ante un Pastoricense ao que lle custou entrar no partido. Na segunda metade, melloraron os do Acebreiro, que contaron con varias contras perigosas. Ao final, o marcador non se moveu e houbo reparto de puntos na Pastoriza.


Sporting Pontenova 0-6 Chantada Atlético: pese a que o Sporting comezou ben plantado sobre o céspede da Mina, foi a partir do 15′ cando o Chantada Atlético se fixo dono do choque. Na primeira metade, Adri anotou o 0-1. No segundo tempo, cinco minutos fatídicos para os locais (do 60′ ao 65′) sentenciaron ao Sporting co 0-4. Na recta final, os visitantes ampliaron a renta.
SD Chantada 3-0 Outeiro de Rei: partido moi serio da SD Chantada ante un Outeiro que se viu superado en moitos aspectos. Un gol preto do descanso deixou moi tocados aos visitantes que, aínda que loitaron e buscaron o empate, viron como os seus rivais sentenciaban o choque no 75′ e no 90′, 3-0.
Burela 2-2 Pol: partido moi entretido na Marosa, aínda que o debut de Gerardo co Pol terá que agardar. Dani Roca adiantou aos seus, pero un Burela que mellorou co paso dos minutos remontou por medio de dous penaltis, 2-1. O asedio final do Pol, pese a contar cun home menos, traduciuse no 2-2 final.

Atlético Escairón 1-0 Foz: un tempraneiro gol de Denis foi o único nun duelo entre candidatos ao ascenso. O Escairón saíu moito mellor plantado ante un Foz que buscaba o seu lugar no partido pero non o atopaba. No segundo tempo, melloraron os mariñáns, pero a boa defensa local impediu que chegase o empate.
San Ciprián 1-2 Xove Lago: un inicio moi agresivo do Xove deixou tocado ao San Ciprián, que viu como no minuto 11 xa perdía por 0-2. Os verdes dominaron na primeira metade, pero unha boa reacción do Sanci posibilitou a chegada do 1-2 no 75′. Os locais apretaron na busca do empate pero o Xove soubo manexar a renda e levou os tres puntos.
Taboada 3-2 Riotorto: vibrante choque na Medela para comezar a temporada. Pese ao baixo ritmo que se viu no campo, o Taboada púxose 2-0 na primeira metade, aínda que o Riotorto recurtou antes do descanso. Tras o descanso, o Riotorto empatou por medio dun saque de esquina, 2-2. O partido decidiuse nunha última xogada dramática, pois os visitantes erraron unha ocasión manifesta de gol e, a continuación, os locais provocaron un penalti que transformou Fabio con mestría no 97′.

