#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

O Racing conta con todos na segunda eliminatoria da fase

Esta tarde, a Magdalena (ás 17:00h) vive a segunda cita da fase de ascenso á Segunda Federación. O Racing Villalbés xoga a ida da eliminatoria ante o Arousa. No caso de conseguir pasar, quedaríalle outro dobre partido contra un rival que podería ser de calquera punto de España

O conxunto chairego chega a esta situación logo de superar a primeira eliminatoria ante o Rápido de Bouzas. Perdeu o primeiro duelo na casa pero foi capaz de consumar a remontada no Baltasar Pujales. 

O corpo técnico do Racing encabezado por Simón Lamas ten a todos os xogadores dispoñibles para o encontro. Entre eles, Alberto Lamas ‘Make’. O centrocampista natural da parroquia vilalbesa de Árbol é o único xogador que viviu as tres fases de ascenso á categoría estatal xogadas polo Racing neste século. 

Ademais, converteuse nun dos protagonistas da remontada na primeira eliminatoria. Marcou un gran gol logo dun saque dende o recanto que posibilitou o pase do seu Racing. “A xogada ser era para Cuadrado. Eu quedábame na segunda zona máis descolgado. Pero como vexo que a traxectoria vai moi aberta e que Cuadrado non daba chegado; engancheina de primeiras e nada máis que vexo que sae do pé vía que ía ir por portería. Tiven esa fortuna de que me caeu alí e pegueille da mellor maneira”, comenta Make sobre o que foi unha das accións clave do Rápido 0-2 Racing. 



Pola súa banda o Arousa superou na primeira eliminatoria a UD Ourense. O cadro preparado por Luisito estivo ata a última xornada pelexando por ascender de xeito directo. Precisamente nese derradeiro encontro da fase regular perdeu en Vilalba. Na primeira volta na Lomba o resultado foi de empate a un gol. No caso de que na eliminatoria se produciran os marcadores da liga, o Racing conseguiría o pase

Somos dous equipos moi competitivos. Viuse na Lomba e na Madalena. Foron partidos moi pechados. Eles defenden moi ben. A nosa base tamén é defender e transitar moi ben. Creo que en pequenas diferenzas se poden decidir estes partidos con equipos tan igualados. A maiores o que máis destacado deles é a rapidez que teñen arriba con Sylla e Borja. A velocidade nos puntas é o seu factor diferencial”, apunta Alberto Lamas sobre o seu rival. 

Fixémoslle a Make pensar como lembraba as anteriores fases de ascenso. A do 2011 colleuno case que empezando no fútbol sénior: «Lembro chegar a un vestiario onde había xente moi veterana que viñan de facer grandísimas temporadas en Preferente, conseguiran o ascenso á Terceira e habia moita xente da zona de Vilalba. A referencia do xogador máis carismático era Justino porque fixo unhas temporadas moi boas. Marcaba moito a diferenza«. 



Non obstante, o centrocampista coincide en que o longo da traxectoria mantívose o ADN Racing. «A nivel defensivo eramos un equipo forte, ao que era moi difícil facerlle gol. En ataque tratabamos de explotar ao máximo o potencial que tiñamos«.

«Simón está capacitado para subir de categoría»

Once do Racing na primeira eliminatoria da fase cos vilalbeses Make, Vérez, Rares e Álex Santomé

Make pasou de ser o mozo que viña de probar sorte no CD Lugo a selo veterán curtido que mesmo chegou a xogar unha tempada na SD Compostela. «Agora mesmo comparando a miña primeira fase pódome identificar con Rares, por exemplo. É un rapaz moi novo que está facendo unha gran temporada. Por talento ogallá poda saír a superiores categorías. Aínda que creo que tamén no Racing pode chegar a facer historia», remarca.

«Insístolle aos  rapaces que lle dean valor a todo o que estamos vivindo. Lembro aquel primeiro play off que nos dicían que lle deramos valor a isto porque pasa moi poucas veces. É moi dificil facer estas temporadas. Temos que celebralas como se merecen«, aconsella un dos capitáns.

O ‘8’ racinguista cre que por capacidade individual e por bloque poderían competir na cuarta categoría do fútbol estatal.  Desexa conseguir o ascenso da man do seu amigo e adestrador Simón Lamas: «Ogallá sexa co Racing, pero Simón por traballo, por dedicación é por ilusión está capacitado para subir de categoría«, afirma. 



«É un dos meus mellores amigos. Ao principio facíase raro telo de adestrador. Co paso do tempo foise facendo todo máis normal. Repartimos os roles deportivos e persoais. Isto que estamos viviendo é un premio ao traballo que leva feito el e os distintos integrantes dos corpos técnicos. Un premio que xa tiña que chegar antes«, puntualiza. 

O Racing conta con todos na segunda eliminatoria da fase

A Porra de Futbolinlugo, 34

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *