Que pasará co fútbol base?

É ben sabido por todos que o fútbol base ten unha dimensión fundamentalmente lúdica e formativa. O obxectivo é que os rapaces e rapazas gañen habilidades futbolísticas e medren como persoas. Porén, na maioría de categorías (especialmente desde infantís até xuvenís) coexisten diferentes divisións, o que fai que existan ascensos e descensos.

Así, nesta desafortunada situación que nos tocou vivir e na que, sen dúbida, o fútbol xoga un papel completamente secundario, existen moitos clubes de base que non saben que pasará coa temporada. Algúns deles áchanse na corda floxa, outros soñaban co ascenso. Hoxe repasamos cales son os equipos máis damnificados polo parón das competicións.

Comezamos pola categoría xuvenil. Nela, son protagonistas os dous conxuntos do Racing Villalbés. Tanto “A” como “B”, que pelexaban pola permanencia na Liga Nacional e na Liga Galega respectivamente, desconoce cal será o veredito da federación. O preparador do equipo “A”, Cholas, analizaba con nós fai unhas semanas toda a situación. Do mesmo modo, Residencia e Viveiro dependían do número de arrastres desde a Liga Nacional para asegurar a súa participación a próxima campaña na Liga Galega. Na Primeira Provincial, Polvorín, Castro e Milagrosa estarían en postos de promoción, ao igual que Lourenzá, Burela, Palas e Sagrado Corazón na Segunda Local. Desde esta categoría ascenderían directamente Foz e Becerreá, líderes dos seus respectivos grupos. No sur da provincia, o Calasancio era líder do seu grupo, o que achegaba aos monfortinos ao ascenso á Liga Galega Sur.

En cadetes, Racing Villalbés e Viveiro pelexaban por fuxir dos postos baixos da táboa na Liga Galega, á que aspiraban a ascender Ribadeo, Polvorín e Foz. No sur, o CP Calasancio aparece de novo como primeiro clasificado da Primeira Autonómica. No caso dos infantís, o Viveiro marcaba a permanencia na Liga Galega Norte, a tan só dous puntos dos postos de descenso, mentres que Residencia, Milagrosa e Ribadeo soñaban co ascenso á mesma, ao igual que o CP Calasancio á respectiva categoría do sur da comunidade.

Desde alevíns até biberóns, o tema dos ascensos e descensos ten -se cabe- menos importancia que nestas outras categorías, sendo o único importante para eles aprender e divertirse mentres que son animados polas súas familias. Por iso, agardamos que esta situación remate o antes posible para que os pequenos e pequenas e os non tan pequenos podan volver a divertirse co balón nos pés, pero sempre garantindo a saúde e a seguridade!

Imagen por defecto
Santi Real
De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.
Artículos: 458

Deja un comentario