O Racing Villalbés leva anos sendo un dos equipos referencia do fútbol base provincial e autonómico. O clube chairego é un dos rivais máis temidos de toda competición. Especialmente na casa. Os rivais, conscientes da tamaña empresa que supón sacar algo positivo do fortín chairego, temen o día da súa visita ao Estadio Roca.

Precisamente no campo do centro da vila, o Racing protagonizou as súas maiores xestas: os consecutivos ascensos do Xuvenil «A» á Liga Nacional e á División de Honra, o recente ascenso do Xuvenil «B» á Liga Galega, a permanencia e asentamento do Cadete «A» na Liga Galega… así como vitorias ou empates de auténtico mérito contra rivais da dimensión de Sporting de Xixón, Celta de Vigo ou Deportivo.

O único equipo que compite en categoría nacional a día de hoxe é o Xuvenil «A», décimo-quinto clasificado na Liga Nacional. Este ano, o conxunto pelexa por evitar os postos de descenso nunha liga tremendamente igualada e cunha gran cantidade de xogadores chamados a ser alguén nisto do fútbol.

Os rapaces roxiverdes son adestrados por Marcos Núñez «Cholas», na que é a súa segunda campaña á fronte do equipo. Tras unha temporada 2018/2019 na que o clube firmou un digno papel, este ano os resultados e a sorte non acompañaron nas primeiras xornadas, circunstancias que afundiron ao Racing no fondo da táboa. Porén, tras unha melloría notable en xogo e en resultados, os futbolistas lograron revertir a situación e actualmente se achan en postos de permanencia, pero dependendo dos posibles arrastres desde á División de Honra.

Aproveitando o parón das competicións por mor do COVID-19, Futbolinlugo falou con Cholas para coñecer a historia deste conxunto desde o seu interior, ademáis de preguntarlle como se xestiona desde a entidade a crise que estamos a vivir!

Futbolinlugo: Comezamos falando do deportivo. Como está a ser a temporada en Vilalba?

Marcos Núñez:  Para nós está a ser dura. Xa agardabamos que iamos pelexar na zona baixa, pero non tanto. Tivemos un mal inicio, nas primeras sete semanas firmamos tan só cinco puntos: encaixabamos moito goles, non acabábamos de competir… O maior hándicap foi que na casa non conseguimos gañar moitos partidos, de feito empatamos a maioría, e levamos todo o ano arrastrando iso.

FIL: Os números melloraron notablemente nas últimas xornadas. Que motivou ese cambio?

MN: Si, melloramos moito en xogo e a nivel competitivo, ademáis de que superamos a rivais directos nas últimas xornadas. Pesounos moito o feito de non vencer no Roca, xa que somos un clube que se basea moito nos puntos que consegue na casa. Moitos partidos merecimos os tres puntos pero por unha cousa ou outra non houbo maneira. Agora ademáis recuperamos a xogadores como Marco, David ou Rares, que estiveron lesionados e son importantes para nós.

FIL: A salvación semella moito máis cercana agora…

MN: Si, aínda que o feito de verse abaixo os rapaces perden confianza, pero a nivel de clube e de corpo técnico estamos completamente respaldados. O obxectivo é permanecer na categoría, pero se non podemos tampoco sería a morte de ninguén. Porén, cos últimos resultados, estamos moi animados.

FIL: Moreda, canteirán, foi incorporado este ano ao cadro de xogadores de Simón Lamas. Contas ti con máis xogadores que podan dar ese salto?

MN: Si, os plans de adestramento de Simón contan sempre con xuvenís. Este ano están a entrenar con asiduidade cinco ou seis xogadores: Marco, David, Rares, Anxo, López… Rares de feito xa marcou un gol na Terceira, Anxo entrou en varias convocatorias, David disputou algún minuto, López xa entrou nunha convocatoria pese a ser de primeiro ano… Se o primeiro equipo estivese nunha situación máis cómoda aínda sería maior a presenza de canteiráns.

FIL: Cambiando á situación actual, como están a traballar os futbolistas nestes días atípicos?

MN: Temos a sorte de contar co preparador físico do primeiro equipo, Jandro. El é o que nos axuda para enviarlles aos rapaces o traballo individual. Obviamente non podemos controlar que o fagan, pero agardamos que si, xa que todos eles son responsables.

FIL: De prolongarse a situación, que se debería coa temporada?

MN: Antes de nada, o importante é a seguridade. Todo o mundo ten preto a un veciño, un pai, unha avoa… polo que o importante é que ninguén corra peligro. Unha vez asegurado iso, eu son partidario de rematar o traballo comezado en xullo: se hai que acabar máis tarde ou retrasar o inicio da próxima temporada, esas decisión terán que tomalas os que están ao mando, pero eu penso que hai que ser xustos cos equipos que levan meses co traballo: para ascender, descender, etc.

Desde aquí mandamos un afectuoso saúdo a toda a familia do Racing Villalbés, así como agradecemos a Cholas a súa colaboración e lles desexamos a mellor das sortes no que resta (ou non) de temporada.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*