Pulpí: lugar cosmopolita, de horta, de praias e de fútbol

Pasaban ás seis da tarde do 12 de maio de 2018 cando saíu a bóla do Racing Vilalbés. Por segunda vez na súa historia o equipo chairego poñía o seu nome no sorteo da fase de ascenso á Segunda División B en Las Rozas, o que vén sendo o sorteo da “Champions” no fútbol modesto. A sorte non estivo do lado de Vilalba como no pasado 22 de decembro, á seguinte bóla do Racing seguiulle a do Atlético Pulpileño. Non sei se todos, pero bastantes fomos os que ao momento botamos man do amigo google para saber de que, onde e sobre quen estabamos falando. Pertencente ao municipio de Pulpí, localidade almeriense na raia coa Rexión de Murcia, o equipo finalizou terceiro clasificado no grupo murciano, despois de perdelo segundo posto na última xornada. Esa foi a primeira impresión, pero Pulpí tiña que ser moito máis.

Coa axuda de Antonio Cáceres, corresponsal en Pulpí do periódico Ideal de Almería   tentamos coñecer un pouco máis sobre estas terras do Levante Almeriense onde o Vilalbés, cousas do destino, se reencontrará cun xogador que vestiu a camisola vermella e verde a temporada pasada, Bruno Caballero, o irmán de Pablo Caballero, ex xogador do CD Lugo.

O Atlético Pulpileño case poderiamos definilo cun termo moi de moda na actualidade, un equipo “millenial” xa que a súa data de nacemento correspóndese co 2002. Recolleu as lembranzas do San Miguel de Pulpí que militou na década dos 80 tamén na Terceira División (daquela aínda non existía o formato actual da Segunda B). Despois duns anos onde ascendeu á Terceira, baixou e volveu subir; asentouse na categoría conseguindo nesta campaña un posto de promoción de ascenso á Segunda B por primeira vez na súa historia.

O club conta cun amplio despregaemento en canto a súa canteira, xa que entre as categorías “aguilucho” (como se coñece alí aos biberóns) e a cadete hai máis de 200 rapaces. Hai escasas semanas veñen de completar as reformas do seu estadio, San Miguel de Pulpí, de herba artificial e con bancadas que rondan os 2000 asentos. Na estrea das reformadas instalacións o Atlético Pulpileño xogou un encontro amigable fronte as lendas da Selección Española.

O San Miguel de Pulpí e de céspede artificial. As instalacións acaban de ser reformadas e estreadas pola Selección Española Leyendas. Foto: Antonio Cáceres

Ubicado nunha poboación duns nove mil habitantes (arredor de cinco mil menos ca Vilalba) e próximo as cidades murcianas de Lorca, Águilas e Puerto Lumbreras. Debido a esta ubicación, os seus equipos xogan dende hai máis de trinta anos na Región de Murcia. O municipio vive principalmente da agricultura e conta con empresas destinadas a producción hortofrutícola que lle dan emprego a moitos dos seus habitantes. Esta situación converte tamén a Pulpí nun pobo cosmopolita, con residentes procedentes dunhas cincuenta nacionalidades diferentes que traballan no sector.

Praia Las Cocedores, no límite coa provincia de Murcia. Ao fondo vese a cidade de Águilas. Foto: Antonio Cáceres

Outra das grandes atraccións da localidade é o turismo; impulsado, principalmente, polas súas praias. A 8km do centro atopánse as de San Juan de Los Terreros que destacan polas augas cristalinas e a area fina. Ademais como atractivo en proxecto está en Pilar de Jaravía (antiga explotación mineira) a Geoda Gigante de Pulpí. Unha cavidade rochosa onde cristalizaron minerais que poseen cristais de gran tamaño. Atópase a trinta metros de profundidade e é a segunda maior do mundo.

Postal da Geoda Gigante de Pulpí, un dos grandes atractivos da zona

A conexión deportiva da provincia de Lugo con Pulpí, antes desta eliminatoria, vén a través do triatlhon. Na localidade almeriense adoitanse facer probas dos Campionatos de España deste deporte co engadido de que habitualmente é das últimas probas da temporada; é dicir, onde se sentencia a clasificación xeral. Nas praias de Pulpí o Cidade de Lugo fluvial proclamouse campión de España varias veces, a última o ano pasado tanto en categoría feminina como masculina. É tamén onde un dos mellores deportistas galegos da historia, Javi Gómez Noya, foi por primeira vez campión de España de Triatlhon no ano 2006.

Historias e camiños que se cruzan a máis de mil quilómetros de distancia. Unha realidade bastante diferente a da nosa provincia, pero que estará conectada por uns días. Pase o que pase, Pulpí xa está na historia do Racing Vilalbés e, en consecuencia, na do fútbol lucense.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario