Trío de Ases Terceira (Xornada 38) e Preferente (Xornada 36)
Unha gran noticia dentro dunha fin de semana mala. O Racing Villalbés finalizou terceiro despois de gañar ao Laracha por 4-2. Non só levou os tres puntos, senon tamén a mellor puntuación e clasificación histórica do clube. O rival contou cun paisano no lateral dereito, o vilalbés Víctor Eimil. Agora xa toca pensar no que vén. Será esta fin de semana na Magdalena, ante o almeriense Atlético Pulpileño. A volta, á semana seguinte en Andalucía. Lugar de pésimo recordo para os de Óscar Gilsanz. Alí acabaron a súa única aventura na fase de ascenso a Segunda División B.
Xa na Preferente, o Atlético Escairón confirmou o seu descenso e acompañará o próximo ano ao Outeiro de Rei na Primeira Galicia. Os de Javi López caeron nun partido igualado e no que se adiantaron antes do cuarto de hora. Pandiani tivo o empate nos últimos minutos pero esta non é a temporada dos do Saviñao. Tampouco o está a pasar ben a Residencia, que agora mesmo descendería. Os de Álvaro Meilán volveron ver como o rival empataba no último minuto por segunda xornada consecutiva. Os branquiazuis perdonaron ata seis claras ocasións e nesta categoría os erros páganse moi caros. Pendiente dos arrastres tamén está o Viveiro, que fixo un encomiable partido ante un As Pontes enxeirado. Un vello coñecido, Rubén Pardo, adiantou aos visitantes. Poceiro igualou ao instante e deixou un puntiño moi valioso en Cantarrana.
O Ribadeo non foi quen de aproveitar o favor dos seus veciños. Cedeu nun encontro tolo ante o San Tirso. Os de Fiz Rodríguez desapareceron tralo descanso, quedaron en inferioridade e sucumbiron ante a tremenda pegada coruñesa. O terceiro posto semella xa unha utopía. Unha posición da que xa desistiu o Castro hai unhas xornadas. Os de Javi López deixaron escapar un 0-2 a favor ante un Betanzos que empatou en dous penaltis. A mellor nova foi o debut do cadete Asier. Ademais, o Polvorín fíxolle un set en branco ao Boimoto. Superioridade certificada cos dobretes de Cuadretti e Morais. Os de José Durán poden firmar o ascenso este próximo domingo. Por último, o Outeiro de Rei perdeu pola mínima ante o Estudiantil despois dun mes espectacular. Os de Juan Peón marcaron o 0-1 despois do descanso pero viron como os puntos voaban no tramo final de encontro.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*